viernes, 5 de abril de 2024

O cabalo, a roda, o carro... e os fillos: revisión da teoría da Celticidade dende o Oeste

 Estela vadiniense de Tridio Alongvn (Museo de León).

A estela vadiniense de Tridio Alongvm exemplifica moi ben as características da decoración que se pode atopar en moitas delas. Adoita aparecer o cabalo, decoración vexetal (espigas, hédera), e nalgún caso como este, un carro sobre dúas rodas (en visión lateral e moi esquemático, baixo o cabalo). Esta estela podería ter sido portada do libro de Anthony, The Horse, the Wheel, and Language: How Bronze-Age Riders from the Eurasian Steppes Shaped the Modern World (2007), se non se atopara a 5.000 kms das estepas póntico-caspianas. Nas estepas tense situado o berce do indoeuropeo, primeiramente por motivos meramente léxicos (agora xenéticos), pola presenza nas linguas indoeuropease dun conxunto de termos semellantes asociados ós avances tecnolóxicos que confiren a doma do cabalo e o invento da roda (que dá paso ó uso do carro como medio de transporte). Na estela de Tridio Alongvn asoman tamén unhas espiguiñas como testemuña doutro grande avance tecnolóxico, o da agricultura, que tivo tamén a súa teoría correspondente: a da difusión das linguas indoeuropeas dende Anatolia a medida que a revolución neolítica se expandía.

Así pois, os vadinienses (oeste de Cantabria, leste de Asturias e nordeste de León) ó redor do século I amósanse completamente neolitizados e "indoeuropeizados", como cabería esperar xa nesta época, con todo o pool de artefactos tecnolóxicos asociados ás estepas de Eurasia.

Que podemos dicir da lingua que falaban estes pobos, xa que logo as estelas están escritas en latín e só podemos aproximarnos a ela pola onomástica indíxena? Moitísimo. Temos a sorte de conservar na epigrafía vadiniense, repetidamente, unha das palabras indoeuropeas máis importantes que reflicte o parentesco familiar dos descendentes en grado un, precisamente unha das palabras que conta co meirande número de cognados nas linguas derivadas do indoeuropeo común, e que non depende de avance tecnolóxico algún senón que vai ligada á estrutura familiar básica (sostemos que a adquisición do léxico ligado ás novas tecnoloxías non ten por que implicar substitución lingüística, pois adoita tomarse por préstamo).

OS FILLOS, A FILLIÑA

Trátase evidentemente do termo indoeuropeo que designa á filla, e que os expertos indoeuropeístas reconstruyen como *dhugH2-tér, a partires das formas coñecidas como: 

θυγάτηρ - grego

tu-ka-te-re - micénico

dustr - armenio

futír - osco

dauhtar - gótico

dóttir - islandés antigo

dukte - lituano

tuateres (nominativo plural) - celtíbero

duxtir - galo

duhitár - iranio antigo

dugədar - avéstico

tuwatra - luvita

etc.

Nas estelas vadinienses o termo, doadamente recoñecible polo sufixo -ter, propio dos nomes de parentesco indoeuropeos, aparece como DOVITERO / DOVITERA, con flexión de xénero (masculino / feminino) descoñecida ata o de agora no corpus, pois o resto dos termos conservados nas linguas da familia indoeuropea usan a palabra só para designar as fillas. As variantes que se atopan na epigrafía inclúen formas con caída do -w- intervocálico DOIDERO / DOIDERA, e sonorización do son oclusivo dental xordo -t- intervocálico > -d-, fenómeno ben coñecido nas linguas célticas (lenición céltica). A foma feminina adoita recibir sufixos diminutivos DOIDENA / DOIDINA, o que suxire un tratamento máis cariñoso ou cecais infantilizador das fillas.

A palabra para designar os fillos, aínda non tendo estatuto de nome propio por ser léxico común relativo ó parentesco, si funciona moitas veces como apelativo no ámbito familiar, de aí o seu uso masivo nas estelas funerarias vadinienses, que polo xeral son relativas ós fillos, homes falecidos na súa xuventude (na guerra?). Tamén detectamos a súa presenza na formación de nomes por filiación, así por exemplo: "Dovider/us • Ampa/rami • f(ilius) • pr/inceps • Ca/ntabroru/m • h(ic) • s(itus) • e(st)" = O Fillo de Amparamo (frase que viría ser o seu nome propio por filiación), princeps dos cántabros, aquí xaz. Algo semellante ó que ocorre en islandés, que se toma o nome do pai en xenitivo e se lle engade o -dóttir (no caso das mulleres) para formar o apelido.

O aspecto morfolóxico deste substantivo é, pois, o dun nome de parentesco, que ten que ser necesariamente o mesmo nome que o indoeuropeo reconstruído *dhugH2-tér, "filla", cuxa reconstrución presenta moitos problemas e é constantemente revisada (cfr. E. Ngomo Fernández: "La palabra para 'hija' en indoeuropeo: un análisis comparativo, Revista Española de Lingüística, 2022). De tódalas formas listadas arriba, a única que presenta un caso semellante á do celta do noroeste peninsular é a luvita, con wau no lugar de oclusiva velar sonora xa dende o proto-luvita. Para Kloekhorst (apud Ngomo) deberíase á presenza de rasgos más arcaicos no grupo anatolio fronte ó resto das linguas indoeuropeas, polo que postula unha escisión temperá do indoeuropeo común en dúas ramas, a Anatolia e o resto de linguas indoeuropeas.

Nós subscribimos a proposta de Kloekhorst para a lingua celta do noroeste peninsular, que pertencería ó tronco proto-indoeuropeo, é dicir, antes da escisión proposta polo investigador. Xa que logo, non é viable propoñer que o termo DOVITERO / DOVITERA, con moción para expresar o xénero, e wau no lugar de oclusiva velar sonora, proveña dunha lingua indoeuropea da rama non anatólica posterior á escisión. É dicir, sería imposible aducir, por exemplo e aproveitando as hipóteses xenéticas actuais, que DOVITERO / DOVITERA fose un termo que nos chegou cunha migración de pobos da estepa póntico-caspiana, pois estes pobos tiñan xa, se é que falaban linguas indoeuropeas (1), unha forma incompatible co resultado peninsular, tipo duhitár / dauhter, que é a que aportarían en todo caso á súa chegada a Centroeuropa.

Semella, polo tanto, que o proto-indoeuropeo previo a escisión lingüística do tronco anatólico (ca. 1500 a.C.) xa existía na Península Ibérica e que foi aquí onde se celtizou. Chegou de fóra ou será moito supoñer que era falado nunha ampla zona de Eurasia ata Anatolia dende unha época máis recuada?

Respecto da etimoloxía da palabra, arriscámonos a suxerir a base *deu-, "to pass, move forward", no sentido co que chegou ó grego  δεύτερος (deuteros), "o seguinte, o que vai a continuación", axustado á liñaxe como continuación dos proxenitores.

(1) L. S. Klein: "The Steppe Hypothesis of Indo-European Origins Remains to be Proven", Acta Archaeologica, 2017.

No hay comentarios:

Publicar un comentario