sábado, 13 de abril de 2024

O carro indoeuropeo nas inscricións do suroeste

 

Representacións de carros en perspectiva cenital nas estelas do suroeste; os dous cabalos van gravados moi esquemáticamente un a cada lado do eixo, o corpo cunha liña e logo dúas liñas máis curtas para as patas dianteiras e outras dúas para as traseiras, as orellas adoitan ir sinaladas tamén. (C) Sebastián Celestino.

Segundo o profesor Luján (1) as estelas funerarias do suroeste con grabados, como a de Solana de Cabañas (Cáceres), datadas no Bronce Final, continúanse coas estelas anicónicas con escritura do suroeste (transición entre o Bronce Final e o Ferro máis antigo). Nestas últimas xa non sería necesario representar ó defunto co seu enxoval (armas) mailo carro, pois o texto, escrito no signario do suroeste, xa comunicaría o que antes de adquirir a escritura era necesario representar gráficamente.

Estela de Solana de Cabañas (Cáceres) co carro gravado abaixo en perspectiva cenital abatida, a estela consérvase no Museo Arqueolóxico Nacional. (C) A. Galíndez, 2015.

Estela de Magacela (Cáceres) co carro gravado do mesmo xeito que na anterior, a estela consérvase no Museo Arqueolóxico Nacional. (C) A. Galíndez, 2015.

Neste sentido, semella acaído considerar a posibilidade de que algunha das palabras que máis se repiten nos textos das estelas puidera aludir ó carro, como vehículo funerario que transporta o defunto ó Alén. Parécenos que o termo "BA A N E", que adoita repetirse na fórmula funeraria final, e que o profesor Koch (2) interpreta dende o goidélico BAN, "muller", sexa, mellor, o sustantivo que designaba o carro nas linguas célticas, BENNA = plaustrum. A fórmula funeraria final aludiría cecais á viaxe en carro emprendida polo defunto cara ó Alén, como propón Celestino para as representacións dos carros nas estelas do suroeste (3).

No primeiro milenio a.C. as linguas célticas do oeste da Península Ibérica fornecen, polo tanto, a primeira testemuña do termo para designar o carro, coincidente co galo BENNA, "genus vehiculi" (glosa a Festo), ou co fráncico BANNE, "canasto", que liga o sentido orixinal da palabra ós primeiros contedores vexetais (cfr. "banastra" e asturiano "baniella"*). Nada que ver etimoloxicamente nin semanticamente cos termos do kit léxico-tecnolóxico da roda e o carro da protolingua indoeuropea reconstruída. O carro celta foi un cesto, o máis antigo contedor. O cal, por suposto, dificulta enormemente vencellar a suposta expansión das linguas indoeuropeas ó invento do kit roda-carro (e ó léxico proposto como protoindoeuropeo común), pois aquí o kit desenvolveuse dende outra tecnoloxía: a da cestería.


Benna / Banne no Dictionary de W. Smith.

Carriño cesto fotografado por Ruth Matilda Anderson en Galicia fai 100 anos (por cortesía de María Alonso Echanove).

A nosa proposta encaixa coa interpretación do profesor Koch das outras dúas palabras da fórmula funeraria final das estelas:

BA A R E, como forma verbal: "‘has borne, has carried’, 3rd sg. perfect from the root Proto-Celtic √ber- < Proto-Indo-European √bher- ‘bear, carry’". O defunto foi transportado, ou ben, transportou (levou, conduciu); contexto no que se integra perfectamente BA A N E, "carro".

N A R KE E, N A R KE E N TI,  etc. como cognado do grego ναρκάω. O termo grego é a orixe doutros que se relacionan co soño e a morte (ex. narcótico).

Podemos traducir tentativamente a fórmula funeraria das estelas, BARE BANE NARKENTI, como "[o defunto] foi transportado no carro ó país dos durmintes" / "foi transportado no carro dos que durmen" / "levou o carro ó país dos durmintes / do soño". Sendo porén unha fórmula de carácter poético que enlaza cunha longa tradición na que o transo da morte é comparado a unha viaxe dacabalo (ou en carro) cara un novo destino. O motivo perviviu na literatura española ata pasado o século XVI ("puesto ya el pie en el estribo" - Miguel de Cervantes); na Idade Media aínda se mantiña a interpretación da morte como viaxe nas fórmulas das estelas funerarias leonesas (4), co uso do termo TRANSITV ou TRANSIVIT (viaxou, partiu).

A situación do carro nas estelas decoradas, que ocupa unha situación especial e periférica (Celestino), maila adscrición dos mesmos a unha tipoloxía micénica, segundo Mederos Martín (5), cadraría ó noso parecer coa representación dos carros nos ideogramas da escritura Lineal B, e abre a posibilidade de considerar os carros das estelas decoradas do suroeste como ideogramas ("partir, viaxar, morrer"), posto que non se coñecen carros semellantes na realidade arqueolóxica peninsular. Os contactos co mundo grego, amosados polos achádegos arqueolóxicos (vaixela do Turuñuelo - Badaxoz), avalarían unha posible influencia grega na xeración da escritura sudlusitana ou do suroeste.

Taboíña de arxila do palacio de Knossos co ideograma do carro (rodas de catro radios). KNSc230.



(1) La lengua y la escritura en Tartessos y Andalucía, conferencia no MAN, 2019: https://youtu.be/PlAW_jZ868I?si=GkHjQCHNLSQgJzUb


(3) Sebastián Celestino, "Los carros y las estelas decoradas del suroeste", 1985.




* Agradezo a Dani García de la Cuesta a suxerencia sobre o termo asturiano "baniella", de aplicación á urdime da cestería e ó esqueleto de madeira dos cascos das embarcacións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario