sábado, 4 de mayo de 2024

Toponimia de Soandres: copias de Bocixa, Boimir e Borreiros

 


No Catastro de Ensenada (ano 1750) as tres partes ou "copias" nas que se dividía Soandres aparecían nomeadas como Bocija, Guimil e Burreiros.

A escrita de Bocixa coa grafía j no século XVIII, empregada por un escriba castelán, seguramente estivese a reproducir unha pronuncia nativa con gheada, son que é moi semellante ó da jota do castelán. É un indicio máis que suficiente para propor como forma correcta Bociga, topónimo que si se atopa espallado polo noroeste peninsular: Bocigas (Soria; Valladolid), Boceguillas (Segovia) ou Buciegas (Cuenca). A forma Bocixa porén non sería máis que unha ultracorrección do nome, un hiperenxebrismo por evitación da gheada. O topónimo, se non é un derivado de bouza, podería provir do prerromano gwou, "gando vacuno", e designaría un busto, prado ou pasteiro destinado a gardar o gando.

A identificación entre Güimil (ano 1750) e Boimir (actual) ven dada porque son variantes de pronunciación, sendo Boimir resultado dunha bilabialización do wau en posición inicial, seguida da apertura do timbre vocálico do ditongo: gwi > boi. A devandita identidade desbota as hipóteses previas sobre a orixe diverxente destes topónimos. Ata o de agora remitíanse a distintos nomes de posesores de orixe xermánica: Boimir (Soandres) facíase provir do nome Bonimiro ou Bonemiro, e Güimil (Muíños) ou Goimil (Vilarmaior), de Guimiro. É preciso, pois, elixir un nome propio, e nós decantámonos polo de Guimiro, moito máis frecuente, que tería sido o fundador da vila: *vila Guimiri, en caso xenitivo de posesión > (vila) Güimil > Boimir.

Preto do Priorato de Soandres localízanse Boimir e Abeleira de Boimir. Aquí a etimoloxía revela unha outra sorpresa, pois este Abeleira seguramente non teña que ver coa froiteira que produce abelás, senón que sería un homónimo derivado do latín avillus, "cordeiriño". Os recintos chamados antigamente *aveleiras terían estado destinados a parideiros e garda das ovellas.

A Burreiros ou Borreiros non lle vemos moita relación, como topónimo, cos burros ou a borra, "cera". Nen sequera no senso que indica o dicionario de Francisco Javier Rodríguez (1863): "en la provincia de la Coruña y de Pontevedra hay varios lugares de este nombre, que supongo vendrán de haber en ellos, o haber habido comerciantes de cera en rama, que se llama borra". Cremos, pola contra, que podería tratarse dun topónimo prerromano relacionado co étimo que fornece o Glosario de Du Cange, borra, "foxo cheo de silvas onde apoza a auga"; italiano borro, "vía estreita e encaixada". Na mesma entrada do Du Cange cítase un texto medieval (Módena, s. XIV) no que se prohibía expresamente levar as bestas a abrevar a estas borras. O costume prohibido lembra o que se conta en varias lendas vencelladas ós castros, como eran conducidos os cabalos por un túnel para abrevar no río. Os borreiros, neste suposto, serían os que vivían xunto da *borra ou congostra, no posto estratéxico de vixiancia do acceso ó recinto fortificado da Idade do Ferro.

Congostra moi encaixada á beira de Borreiros (Soandres), que descende do Castro de Curros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario