lunes, 24 de junio de 2024

Mailoc, Britoniensis episcopus, e o seu irmán San Gildas (o do monte Badón)

 

Mailoc, bispo dos bretóns, como reclamo publicitario céltico nunha botella de sidra galega ecolóxica.

O texto do Parroquial Suevo do ano 569 "ad sedem Britonorum ecclesias que sunt intro britones una cum monasterio Maximi & Asturias" ( = na Sede dos Bretóns, as igrexas que hai entre os bretóns, xunto co mosteiro de Máximo e as de Asturias) constitúe según P. David "un testimonio histórico de primeira magnitude sobre a emigración dos bretóns a Galicia nos séculos V e VI; vese que a emigración non se levou só cara á Armórica galo-romana; grupos de refuxiados fuxendo da invasión anglo-saxoa, establecéronse no macizo costeiro que se extende entre Ferrol e o río Eo; algúns pasando ás Asturias" (apud Antonio Tovar: "Un obispo con nombre británico y los orígenes de la diócesis de Mondoñedo", Habis, 1972).

Mais a migración cara a Armórica (o Tractus Armoricanus, a costa continental, non só a da Bretaña francesa, como ben sinalara David) tivo que ser anterior. Sabemos exclusivamente polo monxe Gildas en De Excidio Britanniae (século VI) que "o inicio da migración dos bretóns foi decisión do emperador Magno Máximo [finais do século IV] cando determinou enviar un corpo de tropas a Hispania, onde precisamente se atopan trazas dos bretóns de Máximo en auténticos documentos dos séculos VI e VII, que mencionan en Galicia un mosteiro de Máximo e unha igrexa episcopal sede dos Bretóns" (A. de la Borderie: "Le roi Conan Meriadec et son dernier chevalier", Revue de Bretagne et de Vendée, 1860).

Sobre a necesidade de adiantar o inicio da migración bretoa e o senso amplo de Armórica, xa tiñamos escrito fai tempo o noso "Bretones en Galicia" (Arqueotoponimia, 2008) mais agora retomamos o tema para analizar o feito de que só Gildas fose o único autor ben informado da historia, que profundiza nos detalles e indica que a migración bretoa cara a costa continental foi ordenada e iniciada polo emperador Magno Máximo .

Da vida de Gildas sabemos aproximadamente as datas de nacemento e morte (496-570) e que naceu probablemente na Bretaña insular. Fillo de Caunus, tiña un irmán chamado Mailoc ("Mailocum, qui a patris sacris litteris traditus" = "Mailoc, que foi destinado polo pai ó estudo dos textos sagrados" - Vita Gildae), co mesmo nome que o do bispo da Bretaña menor galega. A formación relixiosa de ámbolos dous Mailocs e as datas coinciden, pois lembremos que o noso Mailoc firma no II Concilio de Braga no ano 572, e probablemente asina no I Concilio de Braga (561) co nome erróneamente transcrito de Maliosus [Maliocus?].

Gildas o Sapiente ou Badónico, chamado así por ter nacido no ano da batalla do monte Badon, era, pois, coétaneo do bispo galego Mailoc, de orixe bretoa. A probabilidade de que o noso Mailoc fose, non só coétaneo, senón tamén o irmán de Gildas, prantexámola á vista da identidade dos nomes, a idéntica formación curricular de ámbolos dous e ós profundos coñecementos que Gildas amosa sobre a migración dos bretóns, que se poderían entender mellor polo interese engadido de ter ó seu irmán como bispo na sede episcopal da Bretaña galega (que sobrevive territorialmente na actual diócese de Mondoñedo-Ferrol).

Sobre o nome do bispo Mailoc o profesor Antonio Tovar (artigo citado) teno vencellado correctamente co nome galés Maglocuno (latinizado) ou Maelgwn, formado por un primeiro elemento maglo, "príncipe, noble", e un segundo elemento cuno, "perro, lobo", que liga á maxia dos nomes de animais, citando a Birkhan, o cal fornece exemplos de como o perro e o lobo son identificados cos xefes (cfr. tamén para unha explicación filolóxica máis detallada, Charles-Edwards, Wales and the Britons, 2013, px. 85). O nome, pois, é un antropónimo propio das elites bretoas, que levaron príncipes como Maelgwn Gwynedd (século VI).

Na Vita Gildae do monxe de Rhuys (Bretaña francesa) vese que Gildas, moi viaxeiro, como todos os relixiosos da céltica insular da súa época, que procuraban a conversión dos pagáns, estivo na Armórica. O seu biógrafo, sendo bretón da Francia, vese obrigado a explicar o termo Armórica moi pormenorizadamente, o que pon de manifesto que dende logo a Armórica que visitou Gildas non era a patria do monxe de Rhuys, a Bretaña francesa, pois nunca se refire a ela como Armórica, senón como Britannia.

Segundo a Vita Gildae, semella que estivo na costa da actual Bélxica, no tempo do rei franco Childerico. Por este detalle vese como o monxe de Rhuys inventa o que non sabe, tenta cadrar Armórica con algunha parte coñecida da costa atlántica e a data da visita co reinado do merovinxio Childerico (437-481), que reinó cando Gildas aínda non nacera. Pensamos que a viaxe é certa, aínda que probablemente Gildas visitara outra colonia bretoa menos coñecida, a da Armórica galega, integrada no reino dos suevos, daquela aínda arrianos. É unha das suxestións de Bernier, que se pregunta se os bretóns non virían a Galicia a reforzar as posicións dos romanos contra dos arrianos (G. Bernier, "As igrexas bretonas en Galicia", Boletín do Museo Provincial de Lugo, 1983).

A existencia desta terceira Britannia, olvidada, nunha parte da Gallaecia (costa da Coruña, Lugo e cecais occidente de Asturias), obriga a reler e desenguedellar a antiga documentación da céltica insular e bretoa da Francia (tanto a histórica como a lendaria), sempre tendo en conta que as mencións a Armórica e á Pequena Britannia poden ser referencias a ela, non só á Bretaña francesa.

Nunha das súas viaxes, de volta á Bretaña francesa, Gildas fundaría un mosteiro nun "castrum in monte Reuvisii in prospectu maris"; alí "construxit monasterium atque in eo claustra coenobitali ritu perfecit". O dato de facer un cenobio nun castro nun monte de Rhuys cadra coa situación do cairn megalítico do Petit Mont de Arzon, na península de Rhuys (Bretaña francesa).

Cairn do Petit Mont de Arzon na península de Rhuys (Bretaña francesa), que posiblemente foi reutilizado por Gildas como eremitorio. (C) Dolores González de la Peña, 2008.

No hay comentarios:

Publicar un comentario