NOTA 1. O REI CHARLO OU REI SEÑOR
No libro de Apeos de Lourenzá (1527), o mesmo no que María Xosé Rodríguez Galdo atopara o costume da caza do paxariño chamado Rei Charlo por aninovo como requisito para elixir os alcaldes da vila perante o señor abade, existen varias versións relatadas por distintos testigos que van informando sobre este costume e os límites da vila, etc. Todas elas coinciden, salvo a que fornece Alonso Rodríguez de Cabarcos veciño de Vilanova (folios 44-45), que di así na parte que agora interesa:
"que los vecinos e moradores del dicho Concejo el día de año nuevo [...] han de ir a buscar una ave que dicen Rey Señor a la pumarega da fonte e que lo buscan e hallan, todos los vecinos del dicho Concejo son obligados disponer todas diligencias, e que los alcades e juez del año antes postrero pasado son obligados de dar al que lo prendere dos panes de trigo e medio azumbre de vino al que lo hallare e traxere [..] e los vecinos de dicho Concejo que non fueren con los otros de los vecinos a ello, que los tales alcades los prendan e levarles a cada uno [...] que son trece blancas e un dinero [...] e allí lo ponen atado en un palo uno de los alcades, e mandan a dos vecinos de dicho Concejo que mejor les parezcan que lo trayan, e así se vienen con él juntos y le traen a los palacios del señor abad y se lo entregan".
O paxariño coñecido como Rei Charlo era chamado tamén Rei Señor, co que se confirma unha das propostas de Pensado de facer do seu nome un motivo ligado ó rei Carlo Magno ("O Rey Charlo de Vilanova de Lourenzá", Grial, 1981). En galego antigo o Rei chamábase O Señor El-Rei.
Na nosa opinión, a denominación primeira do paxariño sería a de Rei Señor. O reiseñor é o paxaro que tamén se chama carrizo, segundo a glosa do Bacharel Olea comentada por Pensado no artigo citado. A conexión entre o Rei Charlo = reiseñor / carrizo e o folklore europeo do wren, tantas veces aducido nos estudos deste costume, queda plenamente refrendada.
Do nome Rei Señor supoñemos que tería xurdido o alternativo de Rei Charlo por sinécdoque, ó aplicarlle ó paxaro o nome dun dos reis máis famosos da antigüidade (Carlomagno), utilizado aquí para designar ó rei xenéricamente. O costume de Lourenzá amósase, pois, vencellado a primitivos rituais de investidura dos reis, tanto nos nomes que recibía o paxaro, como na finalidade do rito (elección dos alcaldes), ó comprobar agora que o nome de Charlo non lle ven de ningunha ave, como supuña Pensado noutra das súas hipóteses, senón que é equivalante a Rei.
Outra variante interesante da versión do testigo Alonso Rodríguez de Cabarcos é que o premio ós que atopaban e cazaban ó paxariño corría da parte dos alcaldes saíntes e do xuíz. Despois, os que ían ata o pazo do abade levarlle o paxaro eran invitados a comer e beber por este, que é como continúa a narración xa dada a coñecer no estudo de Pensado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario