Daquela famosa carta que Justo Pico de Coaña publicara na Ilustración Gallega y Asturiana (28/7/1881), quen non lembra o relato dos "templarios" (?) da illa de San Miguel da Coelleira, que navegaban en barcas de coiro para ir dar misa na capeliña que logo foi a igrexa de Santiago de Viveiro?
O motivo das barcas de coiro trasládanos ó ámbito dos coracles galeses (britóns), pois é que a costa galega de Viveiro pertenceu á diócese de Britonia, a primeira igrexa galega, fundada polos britóns que, a partires de finais do século IV da nosa era, migraron (1) cara Armórica (a costa atlántica europea).
Para soster que o mosteiro de San Miguel foi fundación britona, pertencente á diócese britonnorum, baseámonos tamén na súa ubicación nunha illa costeira, propia dos eremitorios dos Culdees. As fundacións monásticas da Igrexa primitiva galesa podían presentarse nesta forma dúplice, cun mosteiro principal situado no interior e un eremitorio nunha illa (Stöber e Austin: "Culdees to Canons: the Augustinian Houses of North Wales", 2013).
O nome latino deste tipo de eremitas é coelicola, e parécenos que pode ser a orixe do topónimo da illa de San Miguel da Coelleira, polo que a forma medieval documentada do topónimo, Quonicularia (dos coellos) non sería máis que unha pseudolatinización. Para elo recorremos a unha evolución híbrida celto-galega na que o diptongo do radical coel- evolúe como en galés, cwyl, ó que se segue a perda do -l- intervocálico máis a redución do grupo c´l > ll, propias do galego. Destes cambios sae a forma *coella, á que se lle engadiría o sufixo derivativo, Coelleira. Deste xeito, coa mediación dos migrantes de falas britónicas, xustifícase a forma Coelleira fronte ó esperable *Celleira. Porén, o nome da illa viría motivado, non polos coellos, senón por ubicarse nela o eremitorio britón dos coelicolas (celícolas ou Culdees), os adoradores do ceo.
_______________________________
(1) Unha versión lendaria desta migración histórica, vía Bretaña francesa, podería ser a que se recolle na lenda dos Templarios da Coelleira, que semella conter versións actualizadas dos feitos e dos seus protagonistas: "Cuando en Francia fueron perseguidos los Templarios por el rey Felipe el Hermoso, vinieran para la Coelleira 38 de ellos de aquella nación" (E. Lence Santar: "La isla Coelleira", Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo, 1943).
No hay comentarios:
Publicar un comentario