lunes, 10 de junio de 2024

Un galego na corte do rei Artur: o emperador Magno Máximo

Entre as fitas de néboa que envolven as lendas sempre se albisca a historia. A suposición de que certamente existiu un dux bellorum britano-romano cuxas xestas, magnificadas aínda máis polo paso do tempo, deron pé á construción da personaxe lendaria do rei Artur ten orixinado varias propostas de identificación. A que ten máis sona é a de que a figura histórica na que se baseou a lendaria foi a persoa do prefecto Lucio Artorio Casto (s. II), que estivo ó mando dun continxente de cabalería sármata (escita) en Britania. Nesta hipótese pouco máis hai que o parecido entre o nome de ambos, Artorio - Artur, pois o mito escita (o mito de Batraz) que se alegou como coincidente co motivo da espada no lago á morte de Artur, é un motivo tardío que non aparece nas primeiras lendas do ciclo artúrico (véxase unha comparativa en Sainero: Arturo: Dux Bellorum, 2018).

Que dicir das xestas militares e heroicas do tal Lucio Artorio Casto? Que foi o que fixo para crear en torno á súa figura semellante lenda descomunal? Nada destacable que se saiba, a escala mítica.

Pola contra, segundo Robert Humphries, nas tradicións galesas só aparecen reiteradamente dúas figuras, sempre inextricablemente vencelladas á soberanía da illa, á soberania de Britannia, e son Macsen Wledig e Gwrtheyrn, é dicir, o emperador galaico-romano Magno Máximo e Vortigerno ("From Superbus Tyranus to Gwrtheyrn Gwrtherneu. The development of the Vortigern tradition in early medieval Wales").

Imos centrarnos, pois, na análise destas dúas figuras históricas para amosar que en realidade Magno Máximo e Vortigerno non foron dúas persoas distintas, senón unha soa, case como Deus. Movémonos cronolóxicamente entre os séculos IV e V, nos séculos escuros, no mundo bárbaro do fin do dominio romano sobre a illa de Britannia (ano 410).

Gallaecia, Betica e Lusitania na Notitia Dignitatum. (C) Fondation Martin Bodmer, Cod. Bodmer 118.

Magno Máximo naceu na Gallaecia ca. 340-345, como o seu primo o futuro emperador Teodosio (M. Craven, Magnus Maximus: The neglected roman emperor and his British legacy, 2023). Segundo Craven, o feito de seren creada por entón Gallaecia como provincia romana das consulares, de maior categoría, deberíase ó emperador Magno Máximo, o que amosaría a sua conexión con Gallaecia. Como xa dixeramos fai anos, outro dato que liga a Magno Máximo coa Gallaecia, concretamente coa Gallaecia máis galega, é o establecemento dos seus britanos na costa armoricana de Galicia e cecais da de Asturias, e a fundación en Bretoña do "monasterio Maximi" (o mosteiro de Máximo) no século IV (Bretones en Galicia, Arqueotoponimia, 2008). Coñecemos o nome do bispo britano que estivo a cargo da sede no século VI, Mahiloc, de orixe galés, Magloco (nominativo de Maglocunos: Charles-Edwards, Wales and the Britons, 2013, px. 85).

Durante a carreira militar de Máximo, pasou a Britannia, e ata estivo establecido na illa. A súa victoria nos conflictos bélicos contra os rebeldes pictos e escotos na zona do muro de Adriano entre os anos 380-381, nunha empresa na que tódolos líderes militares fracasaran previamente, motivou que os seus homes o proclamasen líder supremo (tyrannus), o que á súa vez desencadeou o proceso de usurpación que rematou coa proclamación de Máximo como emperador de occidente, tralo asasinato do emperador Graciano no ano 383. Por este motivo a figura de Máximo (como usurpador) estivo condenada á maior escuridade e desprestixio na historiografía romana, e por este mesmo motivo, paradóxicamente, foi elevada á categoría de mito na primitiva historiografía de Britannia, como o primeiro rei. As datas son aproximadas, e expóñense na Chronica Gallica do ano 452:

  • No ano III de Graciano "Maximus tyrannus / imperator (1) in Britannia a militibus constituitur" = no ano 3º do emperador Graciano, Máximo foi proclamado en Britannia líder supremo polos seus homes.
  • No ano IV de Graciano "incursantes pictos et scottos, Maximus Tyrannus strenue superavit" = no ano 4º de Graciano, Máximo Tirano aplastou as incursións dos escotos e os pictos. Veríficase xa a variante do nome de Magno Máximo como Máximo Tirano.

A trascendencia real da súa persoa amósase no pilar de Eliseg (Denbigshire - Gales), erixido por Concenn sobre o ano 800. Nel aparece como rei de Britannia, e vencellado á liña xenealóxica dos príncipes de Powys (reino de Gales); inequívocamente é Magno Máximo pois alúdese a el como o rei Máximo de Britannia, que matou ó rei dos romanos (ó emperador Graciano). Na inscrición fálase da súa filla Severa, coa que Guarthigirn (Vortigerno) tivo un fillo (2), bendecido por San Xermano. A continuación fornecemos parte do texto do pilar, hoxe ilexible, tomado do estudo de Robert Vermaat ("The text of the pillar of Eliseg" - Vortigern Studies) que reproduce a lectura que o lingüista Edward Llwyd fixera en 1696.

[--] MONARCHIAM
[--] MAXIMUS BRITTANNIAE 
[CONCE]NN PASCEN[T] MAUN ANNAN
[+] BRITU A[U]T[E]M FILIUS GUARTHI
[GIRN] QUE[M] BENED[IXIT] GERMANUS QUE[M]
[QU]E PEPERIT EI SE[V]IRA FILIA MAXIMI R
[E]GIS QUI OCCIDIT REGEM ROMANO
RUM + CONMARCH PINXIT HOC
CHIROGRAFIUM REGE SUO POSCENTE
CONCENN + BENEDICTIO DOMINI IN CON
CENN ET SUOS IN TOTA FAMILIA EIUS
ET IN TOTAM [RE]GIONEM POUOIS.

Pilar de Concenn ou de Eliseg en Valle Crucis Abbey, Denbighshire - Wales. O pilar ía rematado por unha cruz que foi abatida polas tropas de Cromwell no século XVII (Vermaat, "The Pillar of Eliseg" - Vortigern Studies).
(C) Eliseg's Pillar, Northeast Wales, 2024.

A trascendencia mítica de Magno Máximo amósase na personaxe lendaria de Macsem Wledig, Máximo o Príncipe, o Rei, que protagonizou parte do ciclo literario dos Mabinogi na historia de "Breuddwyd Macsen Wledig" (O soño de Macsen Wledig): "Macsen, emperador dos romanos, saiu un día de caza en compañia dos seus homes [...]".

Ata aquí temos, porén, a un galego / galaico como efectivo rei de Britannia, orixe da monarquía da illa, orixe da liñaxe dos príncipes de Gales e protagonista dos Mabinogi. Alguén dá máis? Pódeselle dar outra voltiña? Pódeselle dar, se pasamos a analizar os nomes propios.

GWRTHEIRN / VORTIGERN, VERSIÓN GALESA DO NOME MAXIMO TYRANNO


O nome de Gwrtheirn (Vortigern ou Vortigerno) non é un nome propio, senón un título, composto de dúas palabras galesas. Gwr ou vor significa "grande" e theirnteyrn ou tigern, "señor" (3). A primeira palabra do composto non ofrece dúbidas, a alternacia nas linguas célticas insulares entre vor / mor é ben coñecida, e probablemente indica que o termo é un préstamo antigo tomado do latín ma(i)ore, "grande". A segunda palabra theirn / teyrn / tigern está intrínsecamente vencellada ó latín tyrannus, "gobernador, señor". De feito tamén semella unha adaptación ó galés do termo latino tyrannus. Vortigerno, porén, é unha glosa de Maximo Tyranno, que era outro dos nomes polos que era coñecido o emperador Magno Máximo, como vimos na Chronica Gallica. O título Gwrtheirn mantívose como tal na onomástica galega ata o século IX nos nomes Gutierre / Gutiérrez, dos condes Hermenegildo Gutiérrez e o seu fillo Gutierre Menéndez.

No Excidio Britanniae do monxe Gildas (século VI), que contén a primeira crónica histórica da illa, non aparece mencionado Vortigerno, senón un Superbus Tyrannus, que ven sendo, á súa vez, outra forma de se referir a Magno Máximo; é a mesma idea da Chrónica Gallica, na que usaban Maximus Tyrannus (maximus = superbus, "soberbio, enorme"). A este Superbus Tyrannus (Magno Máximo), primeiro rei britano, atribúeselle a responsabilidade de introducir na illa os depredadores saxóns como aliados e colonos (foederati) na súa loita contra os pictos e escotos, decisión á que tanto Gildas como o Venerable Beda na súa Historia Ecclesiastica Gentis Anglorum (século VIII) vencellan a perda da soberanía sobre o país. Beda é o primeiro cronista que glosa ó Superbus Tyrannus de Gildas como "suo rege Vurtigerno", creando así, co aparente cambio de nome, o que parece unha outra personaxe, desglosada da figura de Magno Máximo. Neste punto da historia sabemos xa cal foi a estratexia empregada, nun proceso iniciado por Máximo, para vencer os pictos e escotos: a alianza cos foederati xermanos, como adoitaron facer os romanos noutras provincias no declive final do seu imperio en occidente. Na Hispania pasou exactamente o mesmo.

Jude Law no papel de Vortigerno na película King Arthur: Legend of the Sword - Guy Ritchie, 2017.

A estas alturas temos ó galaico Magno Máximo, emperador de occidente, rei de Britannia, fundador da liña xenealóxica dos príncipes de Powys (Gales) e protagonista dunha historia nos Mabinogi, desdobrado xa en Vortigerno, tratado amplamente como personaxe histórica nas crónicas británicas (Beda, Nennius, etc.), e personaxe fundamental coa que se inicia o ciclo artúrico, onde representaba o papel de malvado que usurpa o trono britano ó tío de Artur, Aurelio Ambrosio (que supomos trasunto do emperador Graciano). Pódese ver que o ciclo artúrico iníciase coa idea política subxacente de restaurar o mítico reino de Britannia, perdido trala errónea decisión histórica por parte de Magno Máximo / Vortigerno de entregalo ós foederati saxóns. A personaxe de Arturo nace literariamente, pois, como contrapunto de Magno Máximo, como alter ego, por oposición ó primeiro rei galaico de Britannia. Dicía Rodney Castleden que "Vortigerno é unha figura moi interesante porque dalgunha forma prefigura a Artur" (King Arthur: The Thruth Behind the Legend", 2003).

Dolmen de Carreg Coetan Arthur en Newport (Gales). A. Galíndez, 2013.

MERLÍN, O DRUÍDA DE MAGNO MÁXIMO


San Ambrosio de Milán, chamado Aurelio Ambrosio, foi un poderosísimo bispo na época de Magno Máximo, moi vencellado ó emperador. Xa co emperador anterior, Aurelio Ambrosio fora responsable da excomunión e desterro do bispo Prisciliano da Gallaecia e os seus seguidores, pois informara a Graciano das prácticas máxicas que exercían os priscilianistas, e este decretou o seu desterro. En última instancia, aínda que a Igrexa tentara minimizar a súa responsabilide, a persecución do priscilianismo por parte de Ambrosio de Milán influíu tamén no decreto de Máximo, que impuxo a condena á pena capital de Prisciliano e os seus discípulos.

Como xa vimos que Magno Máximo é a mesma persoa que Vortigerno, convén engadir que o druída de Vortigerno, o famoso mago Merlín, é mencionado nos textos insulares como Ambrosio, o que na nosa opinión supón unha clara alusión a Ambrosio de Milán, o bispo do emperador Magno Máximo. Algunhas das mencións son:
  • "Merlinus vates Vortegirni" (Geoffrey de Monmouth) - onde se define a Merlín como vate (profeta, cecais no senso de druída) de Vortigerno = Magno Máximo.
  • "Merlinus Ambrosius" (Geoffrey de Monmouth) - onde xa aparece o nome de Ambrosio aplicado a Merlín.
  • "Ambrosius [...] sub rege Vortigerno prophetizavit" (Giraldus Cambrensis) - onde se fala das súas profecías no tempo do rei Vortigerno = o emperador Magno Máximo (N. I. Petrovskaia, "The fool and the wise man. The legacy of two Merlins in modern culture", 2017).

Reliquias de San Ambrosio (mago Merlín) na basílica de Milán.

Resulta esclarecedor o vencello entre a figura do vate pagano e do bispo cristiano, polas súas funcións de intermediarios co sagrado. Doutra banda, vemos como na formación da chamada materia de Bretaña, nos seus alicerces, subxacen personaxes reais da época britano-romana, tamizados polos mitos célticos que aínda pervivían no país.


_______________________________

(1) Imperator aparece noutras versións: Mathisen e Shanzer, Society and Culture in Late Antique Gaul, 2017.

(2) Cecais a proba do algodón máis chamativa de que Magno Máximo e Vortigerno eran a mesma persoa é o incesto lendario que se lle atribúe a Vortigerno. Os que lesen o pilar de Eliseg, ou documentos semellantes, lembrando que Maximus e Guarthigirn eran a mesma persoa só poderían chegar á conclusión de que Severa tivo un fillo co seu propio pai, de aí a orixe do dato lendario do incesto. O texto do pilar foi redactado, ó que parece, nun momento no que os dous nomes xa se atribuían a dúas persoas diferentes, non obstante, perduraba a noción de estaren estreitamente emparentadas, polo que Máximo aparece como sogro de Vortigerno.

(3) A tradución é miña, por evidente; non se precisan moitos coñecementos de galés para darse de conta, só bastantes de latín. Outros investigadores aseguran a equivalencia entre Gwrtheyrn e Superbus Tyrannus / Maximus Tyrannus, p. ex. Foster e Daniels, Prehistoric and Early Wales, 2017: "There is a likelihood that Gildas' description of Vortigern as superbus tyrannus is a translation of British *Vortigernos; Guy Halsall, Worlds of Arthur. Facts an Fictions of the Dark Ages, 2013: "Vortigern's name could be read as a translation of the Latin magnus or (better) maximus tyrannus, wich can mean Magnus or Maximus the Tyrant but also great, or greatest, tyrant".

No hay comentarios:

Publicar un comentario