Xa Isidoro Millán González-Pardo vira unha posible falsa segmentación do texto no que se indicaba o lugar de sepultura do apóstolo Santiago ("Autenticación arqueológico-epigráfica de la tradición apostólica jacobea", en El Camino de Santiago, camino de Europa, conferencias no Escorial, 1991). Resulta evidente que nos códices a lectura dun suposto texto cursivo orixinal "in arcamarmorica" ou ben "in arcemarmorica" (tamén coa variante "in arcamarmarica" / "in arcemarmarica") é susceptible de ser separado polos sucesivos copistas do manuscrito de dúas formas:
- in arcam Armórica / in arcem Armórica
- in arca<m> marmórica / in arce<m> marmórica
A proposta de Millán González-Pardo é algo máis complexa do que reflictimos, pois supón tamén unha confusión na lectura doutras grafías, o que conduciría a que o lugar do sepulcro do apóstolo fose un castro ou recinto fortificado (arcem) da Amaía (ammaeicam). Cremos que é moi ad hoc e con demasiadas modificacións do material textual para considerala correcta.
Recorte do artigo citado coa explicación de Isidoro Millán.
Ata o de agora, ademáis da proposta de Isidoro Millán, que é a única que separa o -M- ligándoo á palabra anterior, só se formularon hipóteses sobre o segundo termo lido como MARMÁRICA / MARMÓRICA, ben no sentido de consideralo topónimo (Marmárica, parte da costa norte de África) ou calificativo, "de mármore", o que aludiría, segundo os defensores desta posibilidade, ó sepulcro do apóstolo feito de mármore ou á súa colocación baixo arcos de mármore.
A existencia de formas antigas nalgúns dos manuscritos coa escrita continua, como "
achamarmarica" (Bern Bürgerbibliothek 224 f. 159), e coa separación "
achaia armorica" (Torino Biblioteca Reale Varia 141), serve de apoio á nosa lectura do texto, no que vemos unha referencia ó corónimo
Armórica, deturpada polos sucesivos escribas que non estaban familiarizados co nome de orixe celta (are + mori = ante o mar; a costa) que recibía o
tractus armoricanus, que ó final do imperio romano de occidente abranguía tamén a costa da Gallaecia (dende a saída dos bretóns do emperador galaico Magno Máximo dende Britannia cara o continente). De feito, un comentarista dun destes textos ve que a forma
Armarica cecais estea por Armórica (Aremórica), indicando un lugar xunto ó mar (Adam Miodonski, "
De ortu et obitum patruum. Ex codice veronensi", 1893).
Outro corpo santo que chegara flotando sobre as augas en barca de pedra (no seu propio sepulcro) fora o do Conde Santo de Vilanova de Lourenzá. (C) Dolores González de la Peña.
A condución do corpo do Apóstolo por mar en barca de pedra ten visos de pertencer, pola característica embarcación pétrea que transporta un corpo santo, ás lendas célticas bretoas, que nos terían chegado transmitidas polas migracións destes pobos a partires do momento en que o continxente dos bretóns do emperador Magno Máximo estableceu a Sé Britoniense e fundou o Mosteiro de Máximo, na costa norte da Gallaecia.
A lectura que ofrecemos do texto xacobeo "
in arcam armorica" / "
in arcem armorica", xunto coa efectiva chegada do corpo do apóstolo a Galicia, refrenda o feito de que o antigo nome de Armórica foi un exónimo utilizado exclusivamente polos bretóns insulares e os da Bretaña francesa para referirse en xeral ó territorio que ocuparon os seus colonos, que se espallaron polas costas meridionais do
Mar Céltico, e en particular, á costa galega, onde fundaron a súa primeira sé histórica coñecida no mosteiro de Máximo ó final do imperio romano de occidente (cfr.
Arqueotoponimia:
Bretones en Galicia, 2008, e
Un galego na corte do rei Artur: o emperador Magno Máximo, 2024).
Marmancón
ResponderEliminar