lunes, 15 de julio de 2024

Mámoa de Pedro Muíño (As Cabazas - Vimianzo)


Á dereita dunha pista que sae das Cabazas (Baíñas - Vimianzo) atópase a mámoa inventariada no Visor PBA como Mámoa de *Pedra Muíño (arrodeada na imaxe cun círculo laranxa), pero un pouquiño máis adiante, na mesma pista e á esquerda, encontramos a verdadeira mámoa, chamada realmente de Pedro Muíño (arrodeámola cun circuliño azul na imaxe). Ese é o seu verdadeiro nome, pois é que se está usando toponímicamente Pedro como forma masculina de Pedra < latín petram, "pedra", non como nome propio de home, tal e como sinalamos nalgunha ocasión (p. ex. para o topónimo Pedro Monteiro que pode aludir a unha mámoa no monte, ou a unha pedra cabaleira). Tódalas parcelas deste lugar chámanse con nomes alusivos á nova medoña (Chan da Medoña e Medoña de Atrás). As súas dimensións, tomadas coa regra do Visor PBA son de aproximadamente 30 metros de diámetro.

A zona é rica en megálitos, dacabalo entre a Arca da Piosa e os túmulos arrasados polo encoro da Fervensa, mais aínda visibles os seus restos se baixa o nivel do encoro.

Restos dun anel lítico con cámara central (platfom cairn) na ourela oeste do encoro da Fervensa.
(C) Dolores González de la Peña, 2017.

No plano que contén o acotamento de San Antolín de Baíñas (arquivo da Real Chancillería de Valladolid, ano 1796) vese que a nova mámoa de Pedro Muíño servía de límite entre Baíñas (Vimianzo) e Muíño (Zas), de aí o seu nome. O máis interesante é a súa descrición, porque, ben debido ó tamaño, ben por descoñecemento do que era unha mámoa, é descrita por unha das partes como unha canteira: "mámoa de Pedro Muíño, que es un sitio alto con piedras naturales en cuya cumbre se reconoce haberse abierto unha cantera". Mentras que a outra parte interesada no deslinde descríbea máis polo miúdo e indica: "mámoa de Pedro Moíño, que es un alto de tierra en la lomba del monte da Pioza, con dos piedras puestas a mano en un hoyo que forma en el medio, y sin cruz [de demarcación] alguna; [situada] a la vista de los lugares de Novelle, Cabazas y otros".

Fai dous séculos aínda se conservaban dous ortostatos da cámara, agora dubidámolo, porque todo o montículo é un eucaliptal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario