viernes, 22 de noviembre de 2024

O sabbat de Jan Ziarnko: fonte de (des)información principal nos procesos de caza de bruxas da Inquisición

Gravado dun sabbat executado por Jan Ziarnko para o xuíz Pierre de Lancre. Foi publicado por vez primeira no 1613 na segunda edición do Tableau de l’inconstance des mauvais anges et demons, obra do xuíz francés. (C) Imaxe tomada da Wikipedia.

Na conferencia "De brujas y aquelarres. Del archivo a la leyenda", impartida por Jesús M. Usunáriz no Archivo Real de Navarra, no marco da exposición “Maleficium. Navarra y la caza de brujas, siglos XIV-XVII” (2023), o investigador, no coloquio final, expón a súa ben fundamentada opinión para os procesos instruídos no tribunal de Logroño a principios do século XVII: a caza de bruxas foi unha "epidemia" que chegou a Navarra procedente de Francia. No sur de Francia producíronse a finais do século XVI importantes oleadas de caza de bruxas, e así o caso de Zugarramurdi tería sido consecuencia da caza de bruxas previa que se levara a cabo no Labord (País Vasco francés). O Santo Oficio, influído polo que sucedera en Francia, deixouse levar e seguiu e imitou o modelo francés; de feito sábese que houbo correspondencia cruzada entre eles e o xuíz instructor de Labord, Pierre de Lancre.

Nós non dubidamos de que a hipótese do profesor Usunáriz sexa correcta; vese perfectamente que no legaxo Procesos de fe de brujas do Archivo Histórico Nacional (INQUISICIÓN,1679,Exp.2) se mencionan constantemente supostos bruxos procedentes de Francia, nenos bruxos franceses e outros datos que sinalan as conexións co país veciño. Amais da correspondencia cruzada entre a Inquisición e o xuíz Lancre, á que alude Usunáriz, vimos de atopar unha proba moi singular que evidencia a relación directa coas maquinacións urdidas polo xuíz instructor do proceso de Labord: é o gravado de Jan Ziarnko que encabeza este escrito.

O gravado de Ziarnko tivo que ser realizado uns anos antes da súa edición no libro de Lancre de 1613, seguramente correría nunha impresión distribuída entre os comisarios, que a utilizarían secretamente para formarse unha idea do que era un sabbat, pero non só para iso, senón tamén para difundir subliminalmente as fabulacións ideadas por Lancre, co fin de que o pobo estivese familiarizado con elas e logo confesase falsos crimes con detalle, chegado o momento de se declararen bruxos para evitar as torturas.

Chegamos a esta conclusión tras encontrar no legaxo de Procesos de fe de brujas unha mención ó gravado de Ziarnko. Na "Relación hecha a don Antonio Venegas de Figueroa, bispo de Pamplona" no ano 1610 (px. 451-467 do legaxo) infórmaselle ó bispo dalgúns sucesos que aconteceron nas Cinco Villas (Navarra). Os acontecementos foron editados por Gustav Henningsen en The Salazar Documents (2004) e son en liñas xerais os seguintes feitos: o licenciado Hualde, francés e rector de Vera, amáis de comisario do Santo Oficio, máis un tal don Juan de San Paul, tamén comisario, adicábanse a predicar nas súas parroquias obrigando ó pobo a que confesasen ser bruxos aínda que a xente non tiña nin idea do que era un bruxo. A súa estratexía consistía, entón, en describirlles ós paisanos con todo tipo de detalles o que era un aquelarre, deste xeito, segundo a relación, "nació que todos los niños y niñas, mozos y mozas, casados y casadas, viejos y viejas, y toda la gente de familia -aunque en ninguna manera fuesen brujos- sabían de memoria como el avemaría todo el arte de los brujos y todo lo que los dichos predicadores dijeron y predicaron de sus púlpitos".

Nas descricións das xuntas de bruxos que estes dous suxeitos facían ex púlpito tomaban como referencia o gravado de Ziarnko, cadro que amáis, segundo eles, se podía atopar sempre nun sitio principal dos aquelarres. A continuación fornecemos os paralelismos entre a descrición do sabbat que facían Hualde e Juan de San Paul e as escenas do gravado de Jan Ziarnko.

"Decían como en el dicho aquelarre había un quadro hecho de nueve*, adonde estaban muchos niños y niñas guardando sapos, con sendas varas en las manos".

Nenos pastoreando sapos nunha escena do sabbat de Ziarnko.

"Allí algunas veces veían muchas personas de muchos regocijos, y que para veer esto, deshacía el demonio el cuadro, y otra vez lo volvía a poner como antes". Ó que se ve, era un cadro máxico capaz de transformarse (motivo logo moi empregado na literatura de terror).

Grupos de persoas en varios "regocijos", bailando e tocando música no sabbat de Ziarnko.

"Llevaban a los dichos niños a los puestos de los aquelarres y los presentaban ante el Cabrón [...] y entonces el Cabrón daba dinero a la portadora, según el concierto que tiene con cada una de ellas".

Presentación dun neno por unha portadora ante o Cabrón, no sabbat de Ziarnko.

"Paraban unas mesas espléndidas de todo género de comidas, y todos se sentaban a comer, y al llevar el bocado a la boca no hallaban nada, sino un poco de barro".

O banquete do sabbat de Jan Ziarnko.

En canto ós oficios dos que asistían ó sabbat, amáis dos portadores dos nenos ou dos mordomos, etc. Hualde e San Paul contaban que había uns que eran "hacedores de salsas con sapos y yerbas y culebras y otros animales sucios".

Dúas bruxas na cociña do sabbat de Ziarnko, facendo unha salsa de sapos e cobras.

Non cabe moita dúbida de que o gravado de Ziarnko, cadro composto de nove esceas principais, fora coñecido antes de editarse no libro de Lancre en 1613, ben por terse feito unha tirada limitada do gravado, distribuída secretamente entre os membros máis próximos á Inquisición francesa do xuíz Lancre, como o licenciado Hualde, ben por estar exposto nalgún lugar principal, como cecais o Tribunal de Labord. As prédicas dos comisarios Hualde e San Paul, coas descricións dos aquelarres, están baseadas no gravado de Ziarnko, que ata é mencionado como cadro composto por nove (cadros ou esceas): os músicos, a danza das mulleres núas, un "regocijo" de nobres enmascarados, os nenos pastoreando sapos, a presentación do neno ante o Cabrón, danza de diaños con mulleres, o banquete, a cociña das bruxas, e o voo. Próbase tamén como as fabulacións gráficas foron unha fonte de propaganda esencial na configuración deste imaxinario demoníaco, creado para someter ó pobo.

________________________________________________

*Lamentablemente o grandísimo experto que foi Gustav Henningsen non foi quen de ver na súa edición a conexión entre este documento e o gravado de Jan Ziarnko ó interpretar a frase "quadro hecho de nueve" como "cuadra hecha de nuevo".

No hay comentarios:

Publicar un comentario