domingo, 5 de septiembre de 2021

Gundisal e outros topónimos en gund / gond


 Gundisal e os Curros de Herves e Beira (Carral).

Vimos sostendo que a toponimia clasificada indiscriminadamente como de orixe xermá, supostamente a partires exclusivamente dos nomes propios dos colonizadores, non ten sempre (ou máis ben, case nunca) esta orixe.

Pertence segundo pensamos a unha camada moi anterior, indoeuropea. Sería o caso deste Gundisal, que nomea o acceso ós curros pecuarios de Herves e Beira, o que podería explicarse como un bitemático a partires do indoeuropeo gund, "peche, recinto" (sánscrito gund = arrodear, encerrar, protexer) e o ben coñecido sala, "vivenda principal dun asentamento gandeiro" (cfr. De sáas y chalets, Arqueotoponimia, 2019). Gundisal podería interpretarse entón como "recinto da sala (sáa, sa, sal / sel)", en alusión á vivenda neolítica. Cecais o étimo sexa tamén a orixe das linaxes Gonçalez, "os que residían na *Gund-sal(a)".

Pode porse en relación có sistema de propiedade chamado "gunth land" na India, que consiste na asignación de terras a un templo para o seu mantemento. En calquera caso, sostemos que esta toponimia ten que considerarse como formada por sustantivos significantes, tal vez de orixe xermá (1), e non como nomes propios xermáns desprovistos de significado máis aló do meramente identificativo dun individuo.

Na lingua estonia (da familia fino-úgrica, non indoeuropea) son bastante correntes os topónimos en -kond, que definen parroquias ou comarcas (var. -gunde). Farkas considera por exemplo que o finés valtakunta"estado"é de orixe fino-úgrica, non un préstamo das linguas xermánicas (2). Neste senso podemos engadir os topónimos Contrebia e o seu equivalente o galés Cantref como proba dunha orixe cando menos indoeuropea, e non exclusivamente xermánica.

No caso do Gundián de Moeche localizamos xunto a el unha ampla Campeira dos Bois, o que semella concordar có destino gandeiro destes recintos pechados (gund).

(1) Para Moralejo Laso sen dúbida é un topónimo prerromán o Trigundo / Trigondo / Atricondo do Itinerario de Antonino, ó que vencella Abegondo, Bergondo, Cullergondo e Mabegondo (Toponimia gallega y leonesa, 1977).

(2) Urmas Sutrop: "Taara-pita" - the great god of the Oesellians", Folklore 26.

No hay comentarios:

Publicar un comentario