domingo, 5 de septiembre de 2021

Anjanas / Anxanas < Ancianas. Outra etimoloxía

Segundo Aurelio de Llano Roza de Ampudia (seguindo a Menéndez Pidal) o sustantivo asturián xana viría do nome latino da deusa romá da natureza Diana. O grupo inicial d+yod de Diana tería palatalizado nun resultado fricativo (Xiana > Jana / Jiana); mais de aquí difícilmente pódese tirar unha explicación das formas emparentadas anxana e anjana. Esta etimoloxía foi criticada por Álvarez Peña, que engade que non se atopa nenghún rastro da divindade cazadora nas xanas (v. un resumo do estado da cuestión no estudo de Bartolomé Pérez: "El mitu de las xanas en Llión", Faceira, 2009).

Nós pensamos, pola contra, que xana é forma abreviada de anxana / anjana, procedente do latín ancianam, "vella, avoa", empregado como título de respeto. Nunha das lendas populares recollidas por Jesús Callejo Cobo, "Las anjanas de Treceño" (Hadas: Guía de los seres mágicos de España, 1995), os seus informantes, Blanca e o seu avó Fernandón, describían os peitos das anxanas como moi longos, tanto, que daban de mamar ós críos pola espalda (botábannos por riba da espalda para non arrastralos); os maridos das xanas non estaban nunca presentes porque eran cazadores (prehistóricos, por suposto: a cova das Inxanas está pegada á do Buxu, célebre por ter arte prehistórico).

Os peitos longos e caídos son atributo das mulleres de avanzada idade, e voltan aparecer na descrición dunha vella (anciana) galega no manuscrito Voces gallegas, de Usoz y Río (BNE):

Unha vella moito vella

máis vella que un San Antón,

botaba a teta ó lombo

e arrastráballe o pezón.

Temos, pois, que considerar á Anxana como variante da figura da Vella mitolóxica; espíritu ancestral creador do mundo, matre, e que ven sendo a deusa Kali da cosmovisión hindú: A danza da vella que creou o mundo, Arqueotoponimia, 2021. 

Enormes peitos da Venus prehistórica de Lespugue; unha representación da Anxana ou Vella Deusa Nai.

2 comentarios:

  1. E non ten relación con "argana" ?que polo menos na miña comarca significa espina e ademais se pronuncia con lixeira gheada (arghana).
    Por certo en Lanzarote hai o toponimo Argana.

    ResponderEliminar
  2. E que relación podería ter a espiña coas anxanas / xanas? E por certo, eres a Ana Mosquera que estudou conmigo? :) Saúdos!

    ResponderEliminar