viernes, 10 de septiembre de 2021

Nemetobriga - Castrisanto

 

Silva sagrada no interior do castro da Fraguella (Rodís - Cerceda). O topónimo alude a unha fraga ou bosque. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

O nemeton en céltico era un santuario natural, sendo o bosque intacto o lugar sacro por excelencia: las sacris sylvarum quae nimidas uocant.

O termo deixou abundante toponimia histórica na Europa céltica, como Drunemeton (Galatia) e Nemetobriga (Gallaecia - Conventus Asturicensis). A romá Vía Nova, de Bracara a Asturica, tras pasar a Ponte Navea chegaba a Nemetobriga, segundo o Itinerario de Antonino, que se ven situando no entorno de Trives ou de Pobra de Trives (Ourense). Mais onde exactamente? Houbo quen a levou a Mendoia, seguindo unha evolución fonética imposible (José de Viu e Moralejo Laso); nós pensamos que o topónimo non chegou ó noso tempo mantendo a súa base fonética evoluída, senón que o seu referente (o santuario natural) foi renomeado ata en catro ocasións empregando as sucesivas linguas que se superpuxeron á lingua prerromá. O resultado foi un conxunto de topónimos redundantes, xa que, logo, todos aluden ó mesmo referente do nemeton, ó santuario natural ou recinto sacro conformado polo bosque.

Castrisanto, San Lourenzo e Mormenta (Pobra de Trives - Ourense): os tres topónimos máis ou menos redundantes que substituíron ó vello topónimo celta Nemetobriga.

Castrisanto é un topónimo romance que calca o céltico Nemetobriga, cuxa traducción sería "o castro do santuario", é dicir, significa o mesmo que Castrisanto, "castro santo". O próximo San Lourenzo ven dunha advocación cristiá que normalmente se sobrepón, có obxecto de cristianizar vellos cultos pagáns (1), ós lugares onde houbo lucos (latín: "bosques sagrados"). O lucus deducido da devandita advocación, pola súa vez é a versión latina do nemeton céltico. Mormenta, do latín munimenta, "recinto protexido", neste contexto podería aludir ó propio santuario inviolable, unha selva de rebolos (carballos) como os que aínda poden verse na contorna.

E que atopamos no interior do nemeton de San Lourenzo - Castrisanto? Pois o pacio / pazo < palatiom (termo indoeuropeo que se aplicou ós espazos gandeiros neolíticos), feito que apunta a que os pazos puideron ter xurdido primeiramente no corazón destes espazos naturais sagrados para os nosos devanceiros. Disto xa temos falado no blog na entrada dos Fairy forts. Neste sentido, Dumézil tiña descrito o santuario de Hera Lacinia (Crotona - Italia) como un groso bosque de piñeiros que arrodeaba un espazo central adicado a pastos, no que pacía gando de todas as especies sen necesidade de vixiancia, protexido milagrosamente dos ataques dos animais salvaxes (2).

O santuario de Nemetobriga non pervive únicamente na toponimia; unha lenda recollida por Mosquera Paans (Lendas de Ourense, 2011) moi preto de Castrisanto é a de A Roda dos Rebolos (Outeiro Grande, Cova - Pareisás). Nela descríbese a existencia dun recinto de carballos que formaba un círculo protector en cuxo interior habitaba, nun penedo, unha fada. Aquí a fada non é outro ser que o espíritu que habitualmente vive nestes espazos sacros naturais segundo creenzas de orixe remoto espalladas por todo o mundo, e que ás veces adoita asociarse a unha árbore senlleira, como as hamadríades da mitoloxía grega.

(1) V. Un lucus en San Lourenzo de Niveiro, Arquetoponimia, 2019.
(2) Archaic Roman Religion, I, 1996, px. 465.


No hay comentarios:

Publicar un comentario