domingo, 27 de febrero de 2022

Benito da Fonte: o Bento do Mesón do Bento

Mesón do Vento ou do Bento? Sobre este curioso topónimo do Camiño Inglés tense pronunciado moitos filólogos e interesa ós paisanos coñecer se convén escribilo con uve ou con be.

Di Cabeza Quiles (Toponimia de Galicia, 2008, px. 402) que "segundo algúns autores e opinións, faría alusión a un hipotético propietario ou mesoneiro de nome Bento (Benito, en castelán). Non compartimos esta opinión por crer que a expresión toponímica "do Vento" pode facer referencia ao vento, que, tendo en conta a situación elevada e desprotexida do lugar, alí ha soprar con forza e frecuencia, como ocorre cós topónimos Ventoso, Ventoseira, Ventosela [...]". Incluso, o autor descarta que no lugar houbese un establecemento hosteleiro, apuntando que o termo mesón neste caso indicaría unha elevación do terreo en forma de mesa orográfica.

A nós non nos cabe dúbida de que o termo mesón, nun camiño da relevancia que tivo na antigüidade o Camiño Inglés, facía referencia a unha venta, taberna ou establecemento hosteleiro con posibilidade de aloxamento para os peregríns e arrieiros. A existencia deste camiño real viña informada polo capelán de Crendes, que no 1775 debuxouno dende Cabeza de Lobo e Hospital de Bruma ata a ponte de Beldoña xa preto de Piadela - Betanzos (v. a entrada neste blog: O nó viario prerromán das Travesas (Carral)).

Ponte de Beldoña (Mabegondo). (C) Dolores González de la Peña, 2007.

Respecto á discusión de se é Vento (con uve) ou Bento (con be), unha lectura detida do Catastro de Ensenada (1750) deparounos a sorpresa de atopar ó futuro dono do mesón, que por entón tiña tres tabernas ó seu cargo neste tramo de camiño real que pasaba pola parroquia de Beira (Carral). Este dato disipa xa calquera posibilidade de defender unha etimoloxía a partires de vento, baseada nas inclemencias do tempo e os fenómenos atmosféricos.

Benito da Fonte, có seu nome de pila castelanizado, era natural das Travesas, concretamente do lugar da Fonte, que xusto veñen de atopar agora Manuel Ruibal e David Chas grazas á información fornecida polo veciño Manolo de Pepito (de 99 anos de idade). Viviu a mediados do século XVIII, fai uns trescentos anos, e tiña moita sona na contorna de Beira ó ter ó seu cargo as tres tabernas da parroquia, o que lle reportaba uns beneficios anuais astronómicos para a época. Del fálase nada menos que dúas veces no libro do interregatorio xeral da parroquia de Santa Mariña de Beira [Veira no Catastro de Ensenada].


"A la vigésima nona [pregunta], dixeron que en este término hay las tres tabernas que dexan depuesto, las que lleva en arrendamiento dicho Benito da Fonte, al que, por la utilidad que le contemplan en él, le regulan de ganancia mil y cien reales al año".

Dado que as catro tabernas da veciña parroquia de Ardemil (As Mamoas, Cabeza de Lobo, A Piolla e Canedo), onde se sitúa O Mesón do Bento, levábaas na época do Catastro de Ensenada o veciño Sebastián Francisco Manteiga, e só lle reportaban trescentos reais ó ano, pensamos que Benito da Fonte foi facéndose có tempo con boa parte do negocio da contorna, pois é que cuadriplicaba as ganancias da competencia. En definitiva, o taberneiro Benito da Fonte viu unha oportunidade ó non haber aínda ningún mesón en Ardemil no 1750 (v. Catastro de Ensenada - Ardemil), así que pouco despois abriu un a só tres kilómetros das Travesas (Beira), que levaría o seu nome e daría orixe ó pobo do Mesón do Bento.

Cecais, unha das tabernas do Bento nas Travesas (Carral). (C) Dolores González de la Peña, 2022.

Das tres tabernas que tiña Benito da Fonte en Beira, antes da apertura do mesón coñecido polo seu nome de pila, parécenos localizar unha no lugar das Travesas, pretiño da Fonte (onde residía o hosteleiro): trátase dunha construción antiga con aspecto de ter sido taberna á beira do camiño real monumentalizado (do que tratamos na entrada citada do blog). A casiña, cecais de orixe medieval, vese moi deteriorada; cunha parte reconstruída con cemento e teitada de uralita. O negocio semella pervivir no actual estanco-bar fronte dela. Á existencia doutra taberna, xa en Montouto, ven indicado polo topónimo Taberna Nova, a só catro kilómetros. O nome proba, unha vez máis, a existencia de toponimia baseada ou motivada pola instalación de establecementos hosteleiros (v. p. ex. Hospital de Bruma) ás beiras dos antigos camiños reais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario