sábado, 23 de abril de 2022

A trabe de ouro e a trabe de alquitrán

Os límites do mundo na xeografía mítica de Galicia

Case cincuenta anos despois de que Antonio Blanco Freijeiro formulase o reto que moveu ó profesor Fernando Alonso Romero á escritura do seu artigo "El folklore gallego sobre la viga de oro: su origen y significado" (Anuario Brigantino, 2009), o enigma segue, ó meu ver, sen se resolver totalmente.

A escueta análise de Blanco Freijeiro fora a seguinte: na "leyenda que habla de dos trabes o vigas enterradas, la una de oro y la otra de azufre, carbón o asfalto [...] tenemos ya nítidas alusiones al Infierno y al eventual fin del mundo que esas vigas sostienen. Las dos vigas, como sugiere Isidoro Millán, pueden tener relación con el mitologema céltico de las dos columnas que soportan el cielo" ("Petróglifos de Pontevedra", Bellas Artes, 1975, nº 42).

O profesor Alonso Romero, nesta única exégese ampla sobre o mito galego, quédase curto (xa o di el mesmo, que o seu traballo naceu antes de tempo):

  1. Fornece moita información sobre o mito, mais limitada ó tema da trabe ou viga de ouro, desligándoo do da grade de ouro, có obxecto, semella, de reducir o mito da trabe exclusivamente a Galicia para cadrala coa súa hipótese da orixe sueva da lenda: "la gran mayoría de las leyendas sobre la viga de oro se encuentran en la zona norte de Galicia [...] y que sepamos  ninguna en Portugal [...]; tampoco encontramos estas leyendas en el foklore salmantino, ni en el extremeño". "Es una leyenda que se encuentra exclusivamente en una zona del Noroeste de España en un territorio en el que se establecieron pueblos germánicos; sobre todo los suevos en el siglo V d.C.". 
  2. Entre as posibles explicacións á orixe do mito que enumera, adica o máximo espazo argumental á que filia o mito dentro do mitoloxema da árbore como pilar do mundo, axis mundi ou pilar cósmico, coñecido como Irminsul entre os saxones ou Yggdrasil (o freixo) na mitoloxía nórdica. "Aquí se rindió culto al árbol Iggdrasil, probablemente debido a los suevos que ocuparon el extremo noroeste de España".
  3. Non adica nin unha soa mención ás famosas Columnas de Hércules no seu estudo, no que, no apartado referente ós pilares cósmicos, rexistra: as Columnas de Roldán (Alemania), as Columnas de Thor (Suecia), as Columnas de Athelstan (entre os saxóns), o monte Atlas (entre gregos e libios), o monte Teide (na mitoloxía guanche é sustentador do ceo), as Columnas de Xúpiter (na Galia e Inglaterra), o pilar Skambha (na India). Evidentemente, a ausencia podería xustificarse por non seren as Columnas de Hércules propiamente pilares sustentadores do ceo, senón límites do mundo: os marcos de Hércules.
Dous atlantes (titáns - mouros) sosteñen o mundo na basílica de San Martiño de Mondoñedo (Foz - Lugo).
(C) Andregoto Galíndez, 2018.

A nós parécenos que a orixe da lenda galega da trabe / grade de ouro, limitada á fachada atlántica da Península Ibérica, con epicentro no seu extremo noroeste, ten que ver precisamente có milenario mito das Columnas de Hércules, situadas segundo as fontes históricas máis antigas no lonxano occidente da ecumene, nun punto indeterminado do Atlántico que ben puido ser o Finisterrae galego, o que explicaría o arraigamento do mito nesta zona e, por suposto, o propio topónimo Fisterra. Pero... que eran as Columnas de Hércules na antigüidade?

Grades ou trabes?

Fernando Alonso Romero non inclúe as lendas da grade de ouro no seu estudo por ter a palabra distinto significado, e atopar que os contos sobre as grades e as trabes van asociados a lugares diferentes: mentras que trabe significa "viga" e as súas lendas vencéllanse sobre todo ós outeiros e castros (seguindo a Taboada Chivite), grade (e aquí fornezo a definición do diccionario da RAG, porque a do profesor está errada) alude a unha "ferramenta de labranza, con forma de grella (cadrada) de madera ou ferro, e con dentes na súa parte inferior, para desfacer os terróns", e as lendas das grades de ouro aparecen ligadas sobre todo, segundo o profesor, a simas, pozos e ríos.

Nós consideramos que ámbolos dous son termos equivalentes dentro da topografía da xeografía mítica. Trabe gardaría o significado de viga, marco ou columna; mentras que grade conservaría mellor a cara significante, ó ser presuntamente corrupción ou adaptación do vello nome que tiveron as Columnas de Hércules na antigüidade: Cades Herculis ou Gades Herculis. Obxectos ou elementos míticos que, como veremos, non se sabía moi ben que eran nin onde estaban, mesmo na máis remota antigüidade.

Tendo esta prevención en conta, podemos ver que a lenda máis antiga sobre a trabe de ouro non é a que recollera George Borrow nos Ánxeles de Brión (segundo Alonso Romero); é, en realidade, a do achádego dunha grade de ouro nun outeiro (non na esperable sima ou pozo). Fora no Outeiro da Nossa Senhora dos Milagres de Pedrogão Grande (preto de Coimbra) segundo indicou Miguel Leitão de Andrada no século XVII: "Como o gago da torre, que dizia achara naquelle outeiro de nossa Senhora dos Milagres huma grade de ouro mociço" (Miscellanea do sitio de N.Sa. da Luz do Pedrogão Grande, Miguel Leitão de Andrada, 1629).

As Gades de Hércules en Galicia

Ranulph Hidgen no século XIV explicara como o nome de Gades / Cades aplicárase a moitos dos pilares que sinalaban os límites do mundo que non se podían ultrapasar, en lembranza dos primeiros que puxo Hércules en Gades. O cal pode ser certo ou non. Chama moito a atención a proliferación de Gades / Cades nos mapas medievais: nun deles marcáronse ata os catro puntos cardinais como Gades Herculis, Gades Alexandri,  Gades Varacis e Gades Gamel (Conquest Landmarks and the Medieval Word Image, Stephen McKenzie, 2000); noutro mapa figura Gades Liberi Patris (Gautier Dalché, "Mappae mundi antérieures au XIIIe siècle dans les manuscrits latins de la Bibliothèque nationale de France", 1998).

As Columnas de Hércules xa eran lenda ou mito en tempos de Platón (s. IV a.C.). Segundo o filósofo, foran creadas por Hércules cando separara Europa de África, no mesmo terremoto que provocara o tsunami que asolagou a Atlándida. Vese que o mitoloxema e antíquisimo pois intégrase na mitoloxía ctónica da formación do mundo, na que Hércules asumía o papel de creador da forma do mundo, como os Titáns ou os nosos Mouros (xigantes).  A lenda de Platón enlaza tamén coas das nosas cidades asolagadas, situando o nacemento do mito da Atlántida na nosa costa.

Máis tarde, Estrabón, respecto da localización das Columnas, indicaba que algúns pensaban que eran os promontorios que forman o Estreito, mentres que outros creían que estaban en Gadeira, e outros, que estaban máis aló de Gadeira ("está claro, polo pasaxe de Estrabón, que a ubicación orixinal das Columnas nunca se coñeceu" - McKenzie, px. 127).

Ben sexa porque na Idade Media chegou a usarse o termo Gades / Cades para nomear xenéricamente todos os límites do mundo, como indicaba Hidgen, ou ben porque se perdeu case totalmente o coñecemento da ubicación da Gades Herculis en Galicia, o caso é que algunhas poucas fontes sitúana no noso país.

  • Iohannes Ganivetus no século XVI fala de que Hércules en Hispania formóu un consello de expertos astrónomos a carón do mar, e que baixo a liña eclíptica solar mandou erixir una alta torre, á que chamou Gades; esta torre aínda permanece, e é chamada polos habitantes Le Castel Pharaont, ou a Torre de Hércules (Amicus Medicorum, 1614).
  • Na chamada Crónica Pseudoisidoriana (século X) que semella versionar a Orosio, fálase dun Altum Petron situado no segundo ángulo da Península que forma Galicia; ó que os autores chaman Gades Herculis e está orientado cara Britania.
Manuscrito da Crónica Pseudoisidoriana na Biblioteca Nacional de Francia: as dúas primeiras liñas do visor lense como "[secundus angulus] versus Gallitia, ubi Altum Petron dicitur quod auctores Gades Herculis uocant, Britannia aduergens".

O mito da trabe / grade de ouro como mitoloxema cósmico


Tamén tratada con moito detalle por parte de Alonso Romero esta suxerente posibilidade, indica o profesor que "para estar seguros de que la leyenda de la viga de oro posea un componente astronómico, necesitaríamos comprobar su orientación en todas sus versiones legendarias, cosa que no hemos hecho, y verificar si sus extremos señalan algún punto determinado del horizonte en relación con alguna fecha significativa del orto u ocaso solar". Coido que non é necesario ser tan escrupulosos, senón que bastaría con atopar a lenda perfecta.

A lenda propia que mellor manifesta a relación entre o mito da trabe / grade de ouro e o percorrido ou movemento solar visto dende algún punto da Terra é a que recolleu Xosé Manuel González Reboredo en Rendar (Oincio - Lugo). A lenda vai dunha chave de ouro que abre unha porta de bronce; nós considerámola variante evidentísima polo que se verá de seguida. "Os meus tíos aínda estiveron cavando no Castro de Santa Cristina, pois un home da vila falou cun mouro de Xerusalén que lle dixo que os seus antergos eran do Castro de Santa Cristina, e que nel, ao saír o Sol, había que mirar onde marcaba cós raios; alí había unha porta de bronce que tiña dentro unha chave de ouro, pero había que andar con xeito, pois se os raios de sol daban nel, queimaríase o que estivese diante" (Lendas galegas de tradición oral, 2014). A lenda é interesantísima, pois vencéllase á creenza nas ianuae caeli ou portas celestes por onde saía e logo entraba o sol ó iniciar e finalizar o seu percurso diario (v. no blog o artigo adicado ó noso immram: Navigatio ab Stella Obscura). Habería, pois, unha porta de ouro, e outra escura, a do ocaso, que xustifica a expresión mítica "de alquitrán".

A maiores, temos o texto xa citado de Jean Ganivet que apunta a unha ubicación astronómica, baixo a eclíptica, na construción da Gades da Torre de Hércules. O poeta romano Estacio tamén deixara escrita a relación entre o punto denominado Gades e o curso solar, concretamente semella que é o lugar onde se refuxia o Sol no ocaso: "Solisque cubilia Gades".

Das hipóteses baralladas por Alonso Romero semella que é esta, a de ser un mito de orixe xeográfico baseado nas primitivas observacións astronómicas, a que mellor se adapta as evidencias históricas e folklóricas que levamos comentado. Di o profesor que "os los límites espaciales del territorio de la tribu local se medían tomando como punto de referencia el castro en el que se habitaba y desde el que se observaba el recorrido del Sol. Así, el castro era como un centro cósmico, un centro del mundo de esa tribu y del territorio que se podía abarcar desde él".

A lenda, como tantas, ten base real. As trabes ou grades de ouro e alquitrán non son, porén, axis mundi ou árbores sagradas (postes centrais) que sosteñen o mundo, senón puntos astronómicos que indican a posición na que xurde e se oculta o sol, vista dende un asentamento humán na Terra, e que marcarían, na antiga concepción do mundo, os límites do territorio habitable.

No hay comentarios:

Publicar un comentario