O nome de lugar de Mantiñán (A Laracha) puido ter sido un Martiñán, como no caso do topónimo Martiñán de Lugo, que conservou as dúas pronunciacións, con -r e con -n, como evidenciou Amable Veiga Arias (Algunas calas en los orígenes del gallego, 1983). Chegamos a esta conclusión, non só pola dobre pronunciación do Martiñán de Lugo, senón tamén ó observar a proximidade do río de Mantiñán ó Coto Martíns (Castro de Santa Baia - A Laracha), onde poderían existir os restos dun campamento romano ó redor do castro. Parécenos que Mantiñán e Martíns teñen a mesma etimoloxía.
Doutra banda, como topónimo temos documentado un "Castrum Martiniani" na zona de Dorra (na Ulloa) no ano 572 (fonte: CODOLGA).
Forneceremos, pois, a etimoloxía destes nomes de lugar, e do haxiotopónimo Santa Marta, que se repite nas inmediacións: na Pedra de Santa Marta (límite dos concellos de Culleredo, A Laracha e Cerceda) e no Monte de Santa Marta, non moi lonxe do priorato de Soandres, onde existía no cumio unha antiga ermida adicada a esta santa, hoxe en ruinas.
No cumio do Monte de Santa Marta, límite parroquial entre Coiro e Soandres (A Laracha), observamos as ruinas da capela arrodeadas dun anel perimetral de grandes pelouros a modo de cromlech.
Para Xosé Lluis García Arias (Toponimia Asturiana: El porqué de los nombres de nuestros pueblos) "es posible que el cristianismo haya sustituido el culto a Marte generalizando la veneración a Santa Marta y a San Martín, de gran arraigo entre nosotros". Porén, tanto os haxiotopónimos Santa Marta como San Martiño, así como o derivado Martiñán / Mantiñán, poderían ser o resultado da cristianización de lugares de culto adicados ó deus romano Marte*; que, á súa vez, poderían agochar un culto prerromano a unha divindade de atributos semellantes.
Neste sentido, non descartamos que a divindade romana fose Silvano, chamado ás veces Mars Silvanus, deus que fora o que instaurou a forma de demarcar os lindes territoriais mediante pedras, ó que se lle ofrecían porcos en sacrificio, como a San Martiño.
Chama a atención que o culto a San Martiño reflictido pola toponimia peninsular, como amosara Francisco Marsá ("El topónimo San Martín en la Península Hispánica", v. XXXVIII, 1954), foi elevadísimo no noroeste (Galicia e Asturias). Cecais proveña dun culto previo a Marte, vencellado ás campañas militares das longuísimas guerras cántabras.
A ara romana achada no mosteiro de Soandres, hoxe no museo da Catedral de Santiago, lamentablemente non está adicada a Marte, senón a Xúpiter (IOM = Iovi Optimo Maximo), pero proba a intensa romanización da zona. No mesmo mosteiro, o costume de elevar os altares sobre tenantes ou peanas semellantes ás aras perdurou ata o século XIV, tal e como se desprende do achádego destes altariños baixo as mesas das capelas laterais da igrexa parroquial (Begoña Fernández Rodríguez: "Dos altares góticos gallegos: ejemplos del antiguo monasterio de San Pedro de Soandres", Boletín del Museo Arqueológico Nacional, nº 21-23, 2005).
Xogo de tenantes de altar do século XIV que sosteñen a mesa dunha das capelas laterais (antigo mosteiro de Soandres, hoxe igrexa parroquial).
* Adicados ó deus Marte ou á súa versión feminina Belona (Marta): neste sentido destacamos a coincidencia de se atopar un ara a Belona en Santa Marta de Magasca (Cáceres).
No hay comentarios:
Publicar un comentario