martes, 27 de junio de 2023

Rus (Carballo; Zas) e Ru (Vilasantar)

Estes dous topónimos derivan, por harmonización vocálica, do latín riuus (nominativo singular) e riu(m) (acusativo singular), "río". Cecais cabería aducir un étimo prerromano provinte do tema hidronímico paleoeuropeo *UR < base *ER, "moverse, fluír", que é o que utiliza Bascuas para explicar como compostos bitemáticos os topónimos Ruanes (Cáceres) ou Ruña (A Coruña) (Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, 2002, 42.4).

O sentido hidronímico queda claro nun documento do ano 915:

  • "et inde per sepiato de pomare Ruderici, et inde in directura usque in fontano que dicimus Ruis, et per ipso fontano usque in uallo"

A harmonización documéntase, tras producirse primeiro a metátese da iode, no caso do nome da parroquia de Rus carballesa: *riuus > ruis > rus

  • ano 1272: sancto Iohanne de Tordoya, de sancta Maria de Ruis, de sancto Mamete de Andoyo, de sancto Silvestre de Veiga, de sancta Maria de Cellas
  • ano 1403: Sabeam todos que eu, Ffernã Eanes de Villariño, morador ẽna frigresía de Sancta María de Rruus

Castro baixo Ru (Vilasantar), preto de As Raposeiras, topónimo que con frecuencia aparece vencellado a asentamentos da Idade do Ferro pola semellanza entre as tobas dos raposos e os traballos de terra (terrapléns e foxos) dos castros.

No primeiro exemplo aducido vemos que un pumar cercano á mencionada fonte de "Ruis" leva o nome de "Ruderici"; resulta verosímil que o hidrónimo "Ruis" se teña interpretado nalgúns casos como se fose o hipocorístico do nome propio Rudericus (Rodrigo), isto é Roi ou Rui. A consecuencia desta etimoloxía popular prodúcese a hipercorreción do topónimo, transformándoo involuntariamente nun antropónimo de orixe xermano, que é o que nos parece que sucedeu neste caso ó chamar ó pumar "pomare Ruderici" en vez de "pomare de Ruis".

martes, 20 de junio de 2023

A Manda, manada e A Encomenda

Provintes do latín manum dare > mandar, "estreitar a man, acordar, encargar, outorgar", estes termos poden designar tanto o feito de encomendar algo a alguén, como o conxunto de bens e accións (a executar con ditos bens) que se encargan ou encomendan a alguén.

Explicando o español manada (de gando), Malkiel, ó partir dunha premisa distinta á que expoñemos aquí, non entende o extremeño manadas, "regalos que se hacen los novios", mencionado por Zamora Vicente, e di que "lo más probable es que se relacione con rebaño; un pequeño rebaño puede servir de dádiva en una sociedad pastoril" ("Estudios de léxico pastoril: manada y piara", Bulletin Hispanique, 1951). Non é así: o extremeño manadas é cognado do galego mandas, "encargos", e proba que noutras linguas románicas peninsulares o étimo manda (< latín manum dare) desenvolveu un a epentético que desprazou o acento.

A aplicación de manda ó léxico pastoril é evidente, pois a manda ou man<a>da de gando é o conxunto de reses que se encomenda pola comunidade ó coidado dun pastor.

Na toponimia atopamos polo menos un lugar chamado A Manda en  Mazaricos, que podería ter a mesma motivación que o topónimo A Encomenda (Pobra de Trives) e Leira da Encomenda (Noceda - As Nogais), é dicir, ser terras provintes dunha doazón testamentaria: "facio hodie uobis mea manda de quantum hodie habeo et habere debeo" (1086 - Lourenzá); "facio manda de cuncta mea hereditate que iacet de termino Monte de Roca" (1134 - Lourenzá); "castello de Murgadanes que fuit Iohanis Agracii tali uidelicet pacto quod ego in tota mea uita teneam ipsam hereditatem in encomendam" (1227 - Fiães). A orixe da propiedade das terras por encomenda ou manda testamentaria tería motivado estes topónimos.

Polo tanto, é o pacto selado estreitando a man (manum dare) o que orixinou todos estes significados, que básicamente son:

  • encomenda, encarga, manda testamentaria
  • conxunto de bens que se encomendan - > manda de gando, rabaño / regalos dos novios / terras herdadas por manda testamentaria
  • doación, ofrenda a unha entidade sacra (v. Mondas / móndidas e mandas / mándidas no noso blog).

miércoles, 14 de junio de 2023

SICENATA PACATA. A inscrición do Castelo de Parada

Ó tratar na anterior entrada o tema do Medulio, o amigo Manolo Camba fíxome un comentario no meu Facebook relativo á frase "SICENATA PACATA" inscrita nun penedo preto do Castelo de Parada (Vilariño - Pereiro de Aguiar, Ourense). Lembrei que no 2011, no artigo que Manolo Gago escribira para o seu blog Capítulo 0 ("Vencidos e pacificados"), eu mesma aportara nos comentarios a chave que permitiría descifrar a inscrición, mais por non adicarlle un minutiño máis ó asunto, a lectura quedou incompleta ata que un ano despois un lector anónimo, seguindo a mesma pauta gráfico-fonética que eu aplicara á primeira palabra, completou a lectura dun texto que ata entón fora un completo quebracabezas (1).

Poño a continuación os recortes dos dous comentarios no blog de Manolo Gago:

  1. Xa o teño -di Andregoto Galíndez [eu]- "sicenata pacata = signata pacata", asinada a pacificación (escribindo esaxeradamente a oclusiva [velar] en posición implosiva)
  2. Se se contracta -di Outro Anónimo tras facer unha equivalencia de grafías e sons un tanto confusa- sae "signata pacta". En latín: "Acordos asinados".


Efectivamente, a inscrición pon en latín SIGNATA PACTA (firmados os acordos, asinados os pactos), só que o escriba, aínda que letrado, non estaba moi familiarizado coa lingua latina. Sabémolo porque non sabía, ou repugnáballe, escribir só, sen a compañía dunha vogal, o son oclusivo velar en posición implosiva ou final de sílaba, polo que recurriu ó truco de engadir unha vogal de apoio tras el: SIC<E>NATA PAC<A>TA. A vogal de apoio e a vogal previa son homoorgánicas entre si. Nótese tamén que o escriba era alleo a diferenciación na escrita de G e C, oclusivo velar sonoro e xordo, pois é que en posición final de sílaba esta parella ten unha pronuncia con oclusión velar indiferente para o rasgo opositivo sonoro / xordo (posición de neutralización).

Ó identificar SICENATA como participio do verbo signare faise necesario considerar PACATA como substantivo (latín pactum). É dicir, é imposible que aquí PACATA sexa participio do verbo latino pacare, "pacificar": non pode lerse con dous verbos *asinada pacificada, pois signare esixe un obxecto.

Dos dous feitos fonéticos descritos dedúcese que o escriba descoñecía casi completamente a norma ortográfica latina, amosando cecais unha interferencia ou colisión de linguas (2), que ben poderían ser, como hipótese: celta - latín, ou xermano - latín. O escriba sería un celta ou xermano versado na escritura pero non na ortografía latina. Amáis de explicar esta inscrición aberrante por colisión de linguas, cabería analizala dende o punto de vista da gheada, de ser unha temperá documentación dunha tendenza que comezou a se producir no final silábico e que logo se espallaría dende a posición final á posición intervocálica actual. 

A peculiaridade deste truco consistente en usar vogais de apoio para grafar sons consonánticos en posición implosiva ou final de sílaba lembra ó uso que no signario ibérico teñen os signos, que ás veces se len como silábicos en formacións de sílaba aberta, tipo consoante + vocal (ka, ke, ki, ko, ku), e outras semella que poderían ter funcionado en sílabas trabadas (que rematan en consoante) como grafías da consoante final, isto é, con lectura unifonemática [K]. Así pois, tendo en conta o exposto, o escriba podería ter sido un mercenario celtíbero ó servizo de Roma, pertencente cecais á Cohors I Celtiberorum establecida en Galicia no século II.

Mais a posibilidade de que o escriba fose xermano cadra co feito fonético da tendenza do antigo alto alemán (Old High German) á anaptixe ou epéntese de vogais. Concretamente temos localizado (3) un smaragede escrito con epéntese de <e> como vogal de apoio tras oclusiva velar en posición final de sílaba, que é a versión xermana do latín smaragdus, "esmeralda". A escritura de smaragdus como smaragede é o mesmo caso que a escritura de signata pacta como sicenata pacata, o que nos leva a considerar a inscrición de Parada como un texto escrito por un xermano, probablemente suevo, que tentaba reflictir o latín dende un sistema fonético alleo.

Segundo me indica amablemente Luís Torres Gómez, históricamente esta posibilidade ten moito sentido, xa que a inscrición está en terras ourensás, na mesma área na que se adoita ubicar aos auregenses, que segundo Hidacio estaban en guerra cos suevos no ano 461. Tras mencionar este conflicto, Hidacio sinala a continuación que se restaura a paz entre os suevos e os habitantes da Gallaecia. Os "pactos asinados" da inscrición de Parada poderían moi ben aludir a esta restauración da paz que menciona Hidacio. Dende a perspectiva xeográfica do asentamiento inicial suevo (na Gallaecia bracarense) as terras ourensás foron unha zona de fronteira, onde houbo enfrontamentos coas xentes do lugar, seguidos de acordos de paz.

Tralo exposto por Luís Torres, é máis verosímil considerar que estamos ante unha inscrición latina feita por un falante dunha antiga lingua xermana (suevo), na que se perciben as tendenzas fonéticas propias do antigo alto alemán que deturpan a escritura da lingua latina. En dita inscrición, do século V, deixaríase constancia da pacificación acordada cos galaicos auregenses dos que falaba Hidacio.

O historiador José Manuel Barbosa Álvares precísanos que os pacta asinados poderían tamén gardar relación coa campaña militar que o visigodo Leovigildo levou a cabo nos montes Aregenses (Ourense) no ano 575 en oposición ó reino suevo-galaico de Miro (v. A Evolução Histórica dos Limites da Galiza, 2021, px. 81-82).

O Penedo das Letras coa inscrición "SICENATA PACATA". (C) Ferro Couselo, 1971.

(1) Copiamos aquí a errónea proposta de interpretación da inscrición que fornecera o profesor Monteagudo: "Quizá la única posible inscripción (de sólo una palabra prelatina) sería bilingüe, grabada en una peña de Vilariño (2,5kN Pereiro de Aguiar 7kNE Ourense): SICENATA PACATA 'quieta, pacificada', caracteres datables quizá antes de Cristo; ie *sek 'dejar, estar tranquilo'; lat segnis 'lento, perezoso' POK 896; [...] Ahora bien, relacionando estos dos significados con la situación flumini Minio inminentem del castelo (alto-medieval? con tradición de gran batalla y situado ca 400 m. sobre y al S de la inscripción) es lógico pensar que aquí pudo estar el tan buscado Medulium montem (Orosio VI 21,5) donde los últimos combatientes callaicos para evitar la esclavitud se suicidaron certatim (a porfia, con emulación) igne, ferro et veneno" ("Populi y Castella en el "edicto de Bembibre". Bierzo-León", Anuario Brigantino, 1999, px. 75).

(2) O belga Albert Joseph Carnoy na súa obra Le Latin d'Espagne d'après les inscriptions explica tamén no capítulo adicado á epéntese, que son os extranxeiros os que aplican este recurso ás palabras que empregan. Segundo o corpus manexado por Carnoy, no que non inclúe a inscrición SICENATA PACATA, a nosa sería o primeiro caso coñecido de epéntese documentada en dúas palabras dunha oración. Agradezo ó profesor Marcial Tenreiro Bermúdez a achega da referencia bibliográfica á obra de Carnoy.

(3) Renata Szczepaniak: "Vowel and Consonant Epenthesis in the History of German", comunicación presentada no Workshop do Freiburg Institute of Advanced Studies, 29-31 marzo do 2010.

martes, 13 de junio de 2023

O Medulio, o monte que non era un monte


 Meditolium = "in medio campo eminet" = punto que se eleva no medio do chan.

Nos inicios da conquista do que hoxe é Galicia, que idea poderían ter os romanos dos castros? Coñecían o hábitat castrexo da Idade do Ferro propio de Galicia? Tendo en conta a primeira acepción do vocábulo meditolium que atopamos nun antigo glosario, sospeitamos que os romanos non tiñan nin idea do que era un castro galego, nin do que implicaba ser, en definitiva, un celta castrexo.

Durante o fin das guerras cántabras, nas partes máis lonxanas da Gallaecia os romanos cercaron ós guerreiros do noroeste peninsular cun foso de quince mil pasos no "Medullium montem Minio fluminem imminentem, in quo se magna multitudo hominum tuebatur". Lonxe de supor, como ata agora, que Medullium fose un topónimo, o nome dun monte, sospeitamos que está a funcionar como adxectivo cualificativo co sentido antedito de "punto que se eleva no medio do chan". É dicir, que medullium montem indicaría que os guerreiros se protexían nun monte elevado no medio do chan, non nun monte chamado Medulio. Meditolium / Meditullium > Meidulium > Medulium.

E que é un monte levantado no medio do chan, senón un castro? O que amosaría que os romanos, daquela, non coñecían o hábitat defensivo propio dos habitantes da Galicia da Idade do Ferro, pois aínda non penetraran nela o suficiente. Cecais fose o primeiro castro que vían. Os castros pareceríanlles montes elevados ou levantados no medio dun campo, cousa de bárbaros. De feito, aseméllanse moito a montes, e ata se confunden e camuflan voluntariamente con eles. Unhas veces construíronse reformando defensivamente unha elevación orográfica natural mediante fosos, e outras levantando completamente as defensas de terra sobre o nivel do chan, erixindo o que podería parecer un simple monte a alguén que non estivese familiarizado con eles.

Esta posibilidade interpretativa do termo medullium reforza a ubicación na Galicia castrexa desta campaña militar que rematou co suicidio colectivo dos galaicos. Dita ubicación xa viña manifestada, doutra banda, pola indicación do texto de Lucio Anneo Floro: "Minio fluminem imminentem" = xunto do río Miño.

Tamén proba que os castros foron concebidos como bastións ou fortalezas, con carácter defensivo. O último refuxio dos guerreiros galaicos, onde se replegaron, foi un castro, non un monte; onde non terían nin posibilidade de facerse fortes nin de sobrevivir a un asedio.

lunes, 12 de junio de 2023

Castelo da Raíña - Ancado (Monterredondo - Padrenda)

 

No centro da imaxe, Castelo da Raíña, baixo Ancado (Monterredondo - Padrenda).

Recuperamos e normalizamos o nome do castelo, que ven na folla catastral do Visor PBA como "Castillo da Reina". Podemos explicar o seu nome relacionándoo coa lenda do veciño Castelo da Raíña Loba (Covas - Os Blancos), recollida por Xabier Moure Salgado: 

"O alcume de Raíña Loba púxollo a xente merecidamente, xa que a raíña era cruel, mala, os veciños tíñanlle moito medo. Apenas podían dispoñer do que con tanta suor lles proporcionaba a terra, obrigándoos a levarlle todos os días un xato, unha ovella e un porco. Quen se negaba a entregarlle o tributo era asasinado, ademais de lle queimar a casa e as colleitas. Mais eran tantos os abusos que un bo día, fartos, xuntáronse os veciños de Pexeirós e acordaron rematar con aquelas tropelías e unha noite asaltaron o castelo, matando aos seus moradores que estaban a durmir. Non se sabe moi ben como morreu a muller, uns din que foi morta polo ferro, outros que, ao vérense acurralada, suicidouse, lanzándose dende o alto da torre. Daquel suceso quedou unha copla: Fidalgos de Pexeirós / matastes á Raíña Loba / Fidalgos quedastes vós" (Patrimonio Galego: Castelo da Raíña Loba, 2014).

Trátase dunha lenda ben interesante por conservar a lembranza do ritual indoeuropeo da suovetaurilia (sacrificio dun porco, unha ovella e un touro), que os romanos adoitaban ofrecer ó deus Marte. Na lenda de Os Blancos o sacrificio (tributo) destínase á figura mitolóxica da Raíña Lupa, e deste xeito pódese albiscar o seu carácter de antiga divindade pagá.

O Castelo da Raíña de Ancado, cecais castro, pola súa situación no cóbado dun río, logo transformado en campamento romano que perdurou como castelo ata a Alta Idade Media, pode vencellarse ás vías de comunicación romanas que viñan de Castro Laboreiro por Azoreira, polo Porto dos Cabaleiros (lembranza do paso frecuente dalgunhas cohortes equitatas?), e a que proviría do próximo campamento romano de Lamas do Mouro (Portela de Pau, Verea - Castro Laboreiro) pasando polo Leboreirón ou polo monte do Covelo. Neste sentido pode consultarse o traballo de Cástor Pérez Casal e Xosé Ramón Estévez Pérez (Camiño Xacobeo miñoto-ribeiro, 2010), que trata deste trazado viario romano e a súa reutilización como camiño de Santiago e transfronteirizo.

Castelo da Raíña no cóbado do río, cos seus dous fosos sinalados cos números 1 e 2.

martes, 6 de junio de 2023

Na procura da arca perdida de Ilduara Eriz

Respecto da famosa donación da condesa Ilduara Eriz ó mosteiro de Celanova (ano 938) tiñamos falado xa das pezas de xadrez que se mencionaban nela co nome de "arrodomas", segundo costume da época entre os que non estaban familiarizados co xogo de estratexia, das que oito chegaron ata nós, e hoxe en día consérvanse integrando o chamado Tesouro de San Rosendo (Catedral de Ourense).

Las redomas iraquíes de Ilduara - Arqueotoponimia, 2016.

La condesa gallega Ilduara Eriz, propietaria del ajedrez de cristal del monasterio de Celanova (Ourense) - Arqueotoponimia, 2022.

Desta vez imos tratar doutra peza relevante desta mesma donación "a nauicella bizath", citada xunto coas redomas.

A nauicella bizath de Ilduara


O significado do termo bizath ata o de agora permanecía na máis absoluta escuridade. No contexto dunha donación de obxectos valiosos que estaban destinados a seren utilizados como adornos dos relicarios ou no servizo da misa, a nauicella sería, literalmente, unha pequena caixa, unha arquiña (v. p. ex. "naveta para insienso" = caixa, doc. de 1775 do arciprestazgo de Nemancos). Atopamos o significado de bizath, adecuado ó contexto relixioso e adaptado ó obxecto, que tería un destino litúrxico, fornecido no termo persa e árabe bayyat / biyat que ten dúas acepcións:

  1. "acordo, alianza, pacto"
  2. "templo, igrexa"
Notamos que o yim árabe, cun son [dzi], foi grafado co z medieval do galego-portugués, que é a mellor opción pois representaba tamén un son africado postalveolar sonoro. O árabe biyat amosa inflexión por imela, que pecha o a conservado no persa. A proposta de F. Corriente (Dictionary of Arabic and Allied Loandwords, 2008), que vencella bizath co árabe bisat, "tapiz", ha descartarse por non ter en conta o son africado que está a ser representado polo z.

Como primeira hipótese, pois, barallamos a posibilidade de que a nauicella tivese forma de templo en miniatura; sendo moi habituais os relicarios medievais en forma de arcas que imitan templos coas súas columniñas.


  Definición de bayyat / biyat no Dictionary Persian / Arabic / English, de Francis Johnson, 1852.

Doutra banda, chamamos a atención sobre as reducidas dimensións do fragmento de pórfido verde da ara portátil de San Rosendo (Tesouro de San Rosendo - Celanova). Unha das crenzas máis importantes do cristianismo é a da existencia dunha Arca da Alianza onde se gardaban as táboas de pedra cos mandamentos fornecidos por Deus; pois ben, o fragmento de pórfido verde do altar portátil de San Rosendo de Celanova podería terse considerado unha reliquia das Táboas da Lei, chegada a Gallaecia nunha arquiña bizath ou "Arquiña da Alianza" que acabaría pertencendo a Ilduara Eriz. Cecais, aínda que como veremos a continuación non é nin sequera necesario supoñer isto, posteriormente á donación da condesa, trasladaríase a pedra de pórfido ó altar portátil que vemos hoxe, prescindindo da nauicella (arca).

Altar portátil de Celanova 26x18x4 cm. (C) La Región, 19/10/21: "El CSIC pone el foco en el ajedrez de la Catedral de Ourense", artigo de José Paz.

Mais a comprobación de que na Etiopía usan dos tabots ou réplicas da Arca da Alianza como aras portátiles, coa mesma forma e tamaño que a do chamado altar portátil de San Rosendo, lévanos a propor que a nauicella bizath ou Arquiña da Alianza de Ilduara fora unha destas réplicas, un tabot que o abade Pedro posteriormente consagraría a San Rosendo, engadindo o texto do reverso, a adicatoria do anverso (OB HONOREM SANCTI SALVATORIS CELLENOVENSIS RUDESINDUS AEPISCOPUS PETRUS ABBA ME IUSSI FIERI), e renovando a súa decoración coas láminas de prata nielada.

Tabot etíope do Linden Museum. (C) Wikipedia.

No cristianismo etíope, a identidade entre o altar portátil e a Arca da Alianza fora un tema moi controvertido, tal e como se pode ver na bibliografía: Leonardo Cohen, The Missionary Strategies of the Jesuits on Ethiopia (1555-1632), 2009. Varios viaxeiros da antigüidade describiron os tabots etíopes e a súa función: "Os abisinios aínda celebran a misa sobre pequenas caixiñas chamadas tabot, que significa Arca da Alianza" (Baltasar Telles: Travels of the Jesuits in Ethiopia, 1710).

Existe un forte tabú na relixión ortodoxa etíope sobre a visión dos tabots, que só estaría permitida ó clero (1): o British Museum ten retirado as fotografías dos seus once tabots da súa web, e anda en conversacións para retornalos a Etiopía. Nós podemos amosar o de Celanova porque, aínda que moi probablemente sexa un tabot - navicella bizath (Arquiña da Alianza), leva consagrado a San Rosendo mil anos e non pode probarse que chegase ás mans de Ilduara como resultado dun saqueo, como é o caso dos tabots do British Museum, que proceden do espolio trala batalla de Magdala de 1868.

A identificación da nauicella bizath (Arquiña da Alianza) de Ilduara co altar portátil de San Rosendo ven refrendada por algún texto altomedieval europeo no que se insiste no vencello entre a pedra do altar portátil, a estela de Xacobe e a Arca da Alianza: é unha oración illada do Sacramentario Gelasiano, do século VIII, "Singulare illud repropitiatorium", estudada por Jean Magne (v. Eric Palazzo: "Les mots de l'autel portatif", 2019). Ó mesmo tempo, na Biblia dos Septuaginta, co termo hilasterion defínese a Arca da Alianza como altar do sacrificio. Semella que a cualidade de ser a Arca da Alianza o altar fora un dogma ben antigo que non chegou a se consolidar na Igrexa occidental.

Xa levamos dous elementos identificados léxicamente da donación orixinal de Ilduara Eriz, que se conservaron ata hoxe no Tesouro de San Rosendo: as pezas de xadrez (arrodomas) e a Arquiña da Alianza (nauicella bizath). Congratulámonos da exitosa custodia de alfaias de tan extraordinario valor histórico durante algo máis dun milenio.

(1) Unha prevención semellante pode lerse no envés da ara de San Rosendo: ESSE DECET CLARAM VITAM VENIENTES AD ARAM = convén que os que se acheguen á ara leven unha vida libre de pecado. Lenda que conecta coa do Santo Grial, ó ser un cabaleiro de corazón puro o único que podería atopalo.

lunes, 5 de junio de 2023

O muíño de pementa de Sobrado dos Monxes


 Bóveda da sacristía da igrexa do mosteiro de Sobrado dos Monxes. (C) Andregoto Galíndez, 2023.

Na bóveda que conduce á sacristía da igrexa do mosteiro de Sobrado, construída por un outro Juan de Herrera (1) entre os anos 1569 e 1572, destacan uns obxectos para o servicio da mesa (un par de coitelos talladores e un muíño dos que se usaban antigamente para moer café), entre fontes con distintos manxares como troitas, un ollomol, cenouras, uvas, granadas, un polo, etc. alternando con distintas follas e flores. A temática lembra alegóricamente a comida (o corpo e sangue de Cristo) mailos obxectos para o servicio da misa que se gardarían na sacristía (como por exemplo a patena que garda a hostia, o cáliz, etc.).

Pola época, e aínda que o descubrimento de América xa era un feito, e tamén polo destino destes utensilios  para o servicio directo na mesa, seméllanos máis axeitado soster que o muíño fose para moer sal e pementa. A pementa era unha das especias ou condimentos máis usados na cociña galega medieval, tralo sal, mencionándose no ano 1133 xunto cos cominos: "pimentam, cuminos" (Historia Compostelana - CODOLGA). No Cartulario de Guimarães aparece tamén unha "pimenteira scultile deaurata" no ano 1058 (CODOLGA), isto é, un recipiente labrado e dourado para gardar a pementa. Nun documento leonés do ano 1038 entre os obxectos do servicio da mesa cítase unha "pimentaria" (ocurrencia fornecida por Varela Sieiro: "Léxico de la alimentación en los documentos notariales de la Edad Media de Galicia: los condimentos", Archivum Latinitatis Medii Aevi, 2011).

A pementa, tamén nomeada como piper nos textos medievais, servía por exemplo para preparar o pescado, supoño que en escabeche: "duobus ferculis de piscato cum pipere bene parato; et de oleribus cum anguillis binis vel ternis" (Samos, ano 1166). E falando de anguías, tamén no teito da bóveda aparecen un par delas, así como unha lamprea.

O relevo de Sobrado sería, pois, a máis antiga representación dun muiño de sal e pementa para servicio da mesa, do tipo que logo se empregaría para moer o café. O que ten o seu aquel, pois bota por terra polo menos o comezo daqueles versos do xesuita Padre Butrón: "Sal molida, casa barrida, camino en que quepan dos, verdad, limpieza y justicia, no la hallaréis en Galicia aunque la pidáis por Dios".

(1) Segundo o folleto que se entrega na visita, este Juan de Herrera non sería o mesmo que construíu O Escorial.

domingo, 4 de junio de 2023

Ona e Vilardoa (Portomeiro)

Clarinda de Azevedo Maia tratara a orixe de ona en "Ona um arcaísmo galego-portugués. Breve contributo para o estudo das fórmulas de tratamento na lingua medieval galego-portuguesa" (Revista de Filología Románica, 1984). En realidade fora esta investigadora a que prestara atención por vez primeira a unha palabra na que ninguén reparara ata entón.

A contribución de de Azevedo limitouse á análise da documentación do mosteiro de Ramirás, pois non atopou máis ocurrencias do uso de ona fóra deste mosteiro. Na casuística de Ramirás revélase que ona tiña o significado de abadesa, en uso dende o século XIII ó XV: "Ona Orraca Petri" (1216), "Ona Maria Fernandi" (1225), "ego Maria Fernandi, Ona de Ramiranes" (1225). A partir de 1423 as patroas de Ramirás chámanse de abadesas.

A orixe de ona segundo a investigadora hai que procurala na forma medieval galega miona (coñecida dos filólogos e historiadores), procedente da aglutinación do posesivo mea e o substantivo domina (latín domina, "señora"), tratamento honorífico destinado ás mulleres da alta nobleza. A aglutinación do posesivo ó substantivo facilita a caída do -d- ó quedar situado en posición intervocálica. Outros resultados nas linguas románicas coa conservación do -d- son ben coñecidos: madonna (italiano) ou madame (francés).

O valor posesivo da cadea fónica mi que integraba o tratamento miona aínda sería patente na Idade Media, segundo de Azevedo, pois separouse en mi - ona, quedando illado o termo ona coa posibilidade de funcionar de forma autónoma, tal e como se atopa na documentación de Ramirás. Tamén probaría que se coñecía o valor posesivo orixinario da formación o feito de existir hipercorrecións como miana e minhana en portugués, pois é que, froito dunha incorrecta segmentación, a cadea fónica mio de miona tomouse como adxectivo masculino, e sustituíse polas formas mia e minha (v. Gunnar Tilander: "Portugués antigo miona, miana", Archivo de Filología Aragonesa, 1963-64).

Pola nosa parte, comprobamos que efectivamente mea domina, de onde proviría miona, fora exclusivo das señoras da máis alta liñaxe, pois a súa primeira aparición na documentación galega vai ligada á condesa Ilduara, nai do bispo San Rosendo de Celanova: "mea domina domna Ilduara" (ano 947). Constátase xa o uso do dobre tratamento co emprego de formas cunha mesma orixe etimolóxica (latín domina).

Tamén comprobamos que o uso de ona estivo máis extendido na Galicia medieval, non estaba limitado só ó mosteiro de Ramirás. Atopamos tres casos máis, co dobre tratamento:

  1. "ego comitissa donna Ardio, de consensu viri mei comiti domno Alvito et soror mea ona dona Azenda" (ano 997 - Caaveiro). Advertimos de que o "mea" que precede a ona vai con "soror" (viri mei e soror mea).
  2. "ona domina Marina" (ano 1161 - Santiago)
  3. "Suarius Pelaiz fuit marito da ona donna Hermesenda" (Caaveiro - sen data)
Os dous primeiros exemplos son, amáis, ben máis antigos que os de Ramirás e permiten percibir o significado orixinal de ona, pois non se aplican a ningunha abadesa, senón a mulleres da alta nobleza. Non se atopa ona, "señora" (< domina) fóra de Galicia.

Semella, pois, bastante posible que o topónimo Vilardoa (Portomeiro - Val do Dubra), documentado como "Vilar d ' Õa que he ẽna frigrjsía de Sam Cosmede de Bretomeyro" (ano 1345 - Corpus Xelmírez), teña a súa orixe na fórmula de tratamento ona, propia das mulleres da alta nobleza galega. Trataríase cecais dunha noble vencellada ó veciño castelo de Portomeiro, propietaria do vilar, que tería sido nomeado a partires do tratamento honorífico da súa posuidora. A forma Õa de 1345, con til de nasalización, garante cando menos a base Ona, que seguramente sexa a mesma palabra que estamos a tratar.