lunes, 31 de mayo de 2021

Castro do Valló - Monte do Gato (Fervenzas - Aranga)

Novo castro non inventariado no Monte do Gato (Fervenzas - Aranga).
(C) Dolores González de la Peña, a partires da información fornecida no Visor PBA da Xunta.

Tiñamos na recámara este humilde castriño, reservado para explicar a articulación da paisaxe castrexa de Galicia en relación coa megalítica, propia das vías de tránsito naturais que discorren polas divisorias das augas. Del xa tiña falado Pato Fandiño na súa monografía Historia documentada de Santa María de Ois, 2018.

A vía de tránsito natural indicouse dende tempos recuados polas medoñas do Monte do Gato, e dela queda constancia no topónimo Camiño Grande, que alude ó antigo Camiño Real de Betanzos a Curtis pola dereita do Mendo (Camiño Real de Betanzos a Curtis por Monte do Gato); este tramo de camiño é a divisoria das cuncas dos ríos Mendo e Mandeo.

Con acceso directo ó camiño, nun enclave estratéxico, máis agochadiño no típico cóbado dun dos tributarios do Mandeo pola esquerda (Rego dos Paraños), atopamos, como non podería ser doutra forma, o castriño do Valló, có seu correspondente espazo gandeiro (Chousa dos Meixóns = mallada onde se recolle o gando) e toponimia alusiva ás defensas do recinto da Idade do Ferro (Valló < diminutivo provinte do latín *valleolum, de vallum, "cerca ou parapeito").


Relevo da croa do Castro do Valló. Nas fichas catastrais da capa correspondente ó Catastro, o microtopónimo Castro aparece nas parcelas 175, 190 e 191.
(C) Dolores González de la Peña, segundo información fornecida no Visor PBA da Xunta.

E o Castelo Vello do Monte do Gato (Rodeiro - Oza) 


Segundo o artigo da Opinión do día 6 de maio ("Un arqueólogo localiza "fortes indicios" dun castelo da Alta Idade Media no Monte do Gato") o arqueólogo Antón Malde solicitou permiso á Xunta para prospectar na zona do monte do Gato (no Castelo de Arriba, Rodeiro - Oza) unha estrutura que podería ser o Castelo de Teodomiro, un BIC que estaba recollido no plan de ordeación do concello de Aranga aínda que non se sabía moi ben onde estaba.

Pola nosa parte, unha pequena cata no Catastro de Ensenada confirma que Malde ten razón na súa proposta de ubicación, pois os límites da parroquia de Bandoxa con Rodeiro pasan por "la fuente do Espiño de Novás, de allí al puerto de Bolete, desde allí a la Cruz do Coto, desde allí a la fuente Pedregosa, desde allí al Castelo Vello [...]" (v. Bandoxa - Catastro de Ensenada). Esta dirección lévanos á falda do monte no que Malde intúe a estrutura do chamado Castelo de Teodomiro (indicado no mapa de aquí abaixo cunha estreliña laranxa).


Liña laranxa: divisoria das parroquias de Bandoxa e Rodeiro.
Estreliña laranxa: ubicación do Castelo de Teodomiro segundo o arqueólogo Antón Malde.
Textos en cor negra: lugares polos que transcurre a divisoria parroquial mencionados no Catastro de Ensenada - Novás, Volete, Cruz do Coto.
Textos en cor amarela: principais núcleos de poboación.

domingo, 30 de mayo de 2021

Camiño Real de Curtis a Betanzos por Monte do Gato


 Divisoria de augas do río Mendo cos seus tributarios. (C) Dolores González de la Peña, 2021.

Estamos a comprobar nesta derradeira serie de entradas que as divisorias das cuncas fluviais, que foron os primeiros camiños naturais, sinaláronse con mámoas (necrópoles megalíticas) nunha época moi recuada. Como vestixios das primitivas vías de tránsito, amáis dos propios camiños, quédannos as mámoas e a toponimia para localizalos. No caso do Camiño Real que circundaba a cunca do Mendo, a toponimia camiñeira pola dereita do río dá conta da existencia dunha importante vía de comunicación: Camiño Grande, Campo Xaneiro (derivado do latín ianua, "porta, paso") e Parada.

Polo tanto estamos a percibir a seguinte evidencia: que se na divisoria dunha cunca fluvial se atopan mámoas estamos ante un Camiño Real (vía de tránsito natural utilizada dende a Prehistoria). Máxime se a toponimia corrobora a súa existencia.

Sector do mapa de Carlos Lemano (1769) do camiño proxectado entre Cortiñán e Lugo. (C) Biblioteca Virtual do Ministerio de Defensa. Vese que a idea inicial do enxeñeiro era levar a vía polo vello camiño de ferradura (vello Camiño Real) que ía de Pedra Partida - A Parada, pasando por Muros (preto do Vallo) e Paraños ata Vilarraso, é dicir, pola divisoria do Mendo e o Mandeo. Finalmente levouse por Costa do Sal e Montesalgueiro.

Aínda que o Camiño Real de Curtis a Betanzos polo Monte do Gato non estea inventariado por descoñecemento, existe (topónimo Monte do Camiño Grande). Por elo non é posible instalar nas súas marxes os "6 aerogeneradores de 4,2 MW de potencia unitaria, con velocidad y paso variable, altura hasta el buje de 112 m y un diámetro de rotor de 136 m" (Proxecto Parque Eólico do Gato) da empresa Greenalia, xa que os camiños "son bienes de dominio público con las características propias de estos bienes: inembargabilidad, inalienabilidad, imprescriptibilidad, pese a no estar inscritos en el Registro de la Propiedad" (1). A compra dos terreos efectuada xa por Greenalia, se os mesmos comprenden partes do vello Camiño Real, é nula, así como a súa utilización privativa con calquera fin.

O exposto ata aquí tería que aplicarse a todos os proxectos de novos parques eólicos que se pretenden ubicar, como se fai sempre, nas divisorias de augas sinalizadas por mámoas. Deste xeito, impedindo a súa instalación nas vías de tránsito natural cos argumentos anteditos, se evitarán os conseguintes danos e afectacións ós bens patrimoniais (camiños, necrópoles) e ó entorno natural das nascentes fluviais, que poderían verse danados polos descomunais alicerces dos xigantes eólicos.

Protección dos Camiños Reais, polo Padre Sarmiento

"Es preciso se haga saber a todos los que tienen dominio en tierras, que ni tienen ni pueden tener dominio alguno, por ningún título, en el terreno de los Caminos Reales. Dicen esos usurpadores de caminos, y enemigos del bien público, que pueden plantar árboles. Plántanlos, y después añaden que tienen derecho a cerrar sus plantíos, y vienen a parar en que quieren tener derecho a cerrar los caminos, o a estrecharlos enormemente. Es muy digno de remedio este pernicioso abuso, que todos le ven, todos le censuran, todos le padecen, y ninguno le puede remediar, ni aún quejarse jurídicamente; pues suelen ser poderosos los usurpadores, y a veces son los mismos que debían administrar justicia" (Discursos del Padre Martín Sarmiento sobre Caminos Reales y de Travesía, Mss/1975, s. XVIII, BNE).

Camiño Real da Serra da Carba, na divisoria das cuncas do Eume e do Miño. O Camiño Real está inventariado, así como as mámoas que sinalan as rutas naturais das divisorias de augas, o que non foi obstáculo para que fai vinte anos chantasen trinta aeroxeneradores ó seu carón, dos de 46 metros de diámetro nas palas. O Camiño Real chega, incluso, a empregarse como vía de acceso dos vehículos de mantemento do parque eólico. (C) Visor PBA da Xunta de Galicia.

Bibliografía sobre a relación dos túmulos e as vías de tránsito natural


  • Bello Diéguez, Criado Boado e Vázquez Varela: La cultura megalítica en la provincia de La Coruña y sus relaciones con el marco natural: implicaciones socio-económicas, 1987.
  • Criado Boado, Fábregas e Vázquez Lastres: "Concentraciones de túmulos y vías naturales de acceso al interior de Galicia", Portugalia, 1990-91.
  • Villoch Vázquez: "La sucesión de paisajes monumentales en la sierras Faladora y Coriscada (A Coruña)", Gallaecia, 1999.

(1) Caminos naturales: análisis de la normativa y legislación aplicable en España a nivel comunitario, nacional y autonómico, ed. Observatorio de caminos naturales e itinerarios no motorizados - Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medioambiente.

lunes, 24 de mayo de 2021

Fontes Tamarici - as fontes do Tambre

Forno dos Mouros na Serra do Bocelo (entre Sobrado e Toques).
(C) Dolores González de la Peña, 2016.

No artigo de Virgilio Fernández Acebo ("Las "fontes tamarici" de Plinio y la ciudad ptolemaica de Camarica: Hacia la reescritura de un pertinaz equívoco sobre la Cantabria antigua", Sautuola IX, 2003) revísase e descártase como falta de fundamento a hipótese de García Bellido que situaba as fontes tamarici de Plinio na Reana (Palencia), nunha publicación na que Acebo destaca o posible obxectivo espurio de promocionar o turismo na zona palentina fornecendo atractivos histórico-lendarios sen moita base para soster a proposta.

Pola contra, o autor inclínase, na miña opinión con moi bo criterio filolóxico, a favor dunha localización das fontes tamarici na Galicia (Gallaecia) pois nos textos clásicos, e (engadimos) refrendada polos testimonios medievais, temos suficiente documentación que garante que o hidrónimo Tambre ven da forma Támara, e que os pobos que vivían na contorna do río recibían os nomes de celticos supertamaricos (doutro lado do Tambre, ó norte) e praestamaricos (deste lado do río, ó sur). Fontes tamarici, é impepinable, non é outra cousa que as fontes do Tambre, os mananciais que orixinan o río Tambre, e non unha fonte romana de pedra. Non cabe máis discusión.

A paisaxe gandeira pacego > castrexa artéllase coa paisaxe megalítica (tambén gandeira) mediante as vías de tránsito naturais; isto é, os camiños formados polas divisorias das augas dos ríos, auténticas vías sacras sinaladas polas medoñas. Nunha altura temporal na que as pontes aínda non existían e na que o gando estaba semidomesticado e cecais non era doado obligalo a vadear (se é que era posible o paso nos ríos encaixados de Galicia), a comunicación entre cuncas fluviais tiña que basearse en remontar o percorrido do río ata o seu nacemento e darlle a volta, ou ben tomar nese punto a dirección doutra cunca. A modo de exemplo imos velo có caso do Eume.

(C) Andregoto Galíndez, 2021.

Vindo do sur pola divisoria indicada polas medoñas do Galiñeiro en Cambás (Aranga) e as da Serra da Loba, chégase ó Alto do Fiouco, onde nace o Eume no Xistral. Logo pódese dar a volta cara a Muras e seguir o Camiño dos Arrieiros que no Freixo toma a dirección a Bares, tamén inzado de medoñas e ben estudado por don Federico Maciñeira, que puxo de relevo a estreita relación entre os túmulos e as vías de tránsito natural. Cunha liña laranxa sinálase a opción de ir cara á costa de Lugo: xusto onde termina a liña é onde nace un importante tributario do Landro, o que permite salvar o camiño nese punto. O nacemento sinalause no pasado chantando a estela megalítica do Pau da Vella. Non é maravilloso?

Non esperamos entón algunha maravilla semellante no nacemento das fontes tamarici? Amáis das que conta Plinio, como o seu carácter intermitente, o que as dotaba de capacidade augural? Ó final do Camiño Real de divisoria das augas, inzado de mámoas, que percorre o Bocelo nacen o Tambre e moi cerquiña (no Marco das Pías) o Mandeo. Xusto onde xurden varios tributarios que acabarán formando o río Támara os nosos antergos construíron o formoso Forno dos Mouros. A toponimia da zona non pode ser máis diáfana: Monte das Meigas, Os Mirallos < Miraculos (miragres).


Fontes tamáricas (Sobrado). Os percursos sinalan as divisorias de augas do Tambre alto e medio polo norte e polo sur. As estreliñas, concentracións de mámoas (necrópoles do Bocelo e do Abelar), así como acumulacións de castros neste último punto: As Travesas (Beira - Carral), e A Alcaiana e Castromaior (Vizoño - Abegondo) no lugar no que a divisoria coincide con varias nacentes.
(C) Andregoto Galíndez, 2021.

QED

miércoles, 19 de mayo de 2021

Cementerio das Vacas

 

Cementerio das Vacas no cordal que vai cara á Cruz Encarnada (Cerdido).
(C) Visor PBA da Xunta Galicia.

Intentando verificar a proposta xeral formulada por varios autores (dende Díaz Sanjurjo en 1904) de que as mámoas adoitan espallarse polos cordais que forman as divisorias das aguas (na imaxe de arriba temos unha corda de divisoria), e que os castros preferentemente se asentan nun rechán no cóbado dun río, fumos comprobalo sobre o mapa no concello de Cerdido. No cordal que vai cara á Cruz Encarnada atopamos unha parceliña que podería ter acollido unha mámoa, e que leva o curioso nome de Cementerio das Vacas.

Xa tiñamos visto que De Blas Cortina falara dunha tipoloxía de túmulos que el denominaba "túmulos enigmáticos", entre os que citaba A Tumba en Berducedo (Allande): "las excavaciones certificaron varios expolios y también el uso del montículo artificial para el entierro de algún ganado; se infiere tal proceder del encuentro en sus respectivos hoyos de huesos de vaca y équido" ("Túmulos enigmáticos sin ofrendas: a propósito de Monte Deva V (Gijón) y Berducedo (Allande), en Asturias", Trabajos de Prehistoria, 2004, V. 61, nº 2).

Nós vencelláramos esta tipoloxía de enterramentos cos ashmounds ou túmulos de incineración de bosta de vaca dos pastores neolíticos de Deccan (India) estudados por Alchin ("Bustos, ashmounds y pastoreo neolítico", Arqueotoponimia, 2019). Doutra banda, o costume ritual de enterramento dos bóvidos no Neolítico foi practicado no Sahara ("Inside the “African Cattle Complex”: Animal Burials in the Holocene Central Sahara", Di Lernia et al., Plos One, 2013) e na Europa (v. a introdución ó paper "Grave gifts manifest the ritual status of cattle in Neolithic societies of northern Germany", Weber et al., Journal of Archaeological Science, 2020). O que semella é que nesta altura os enterramentos de gando tiñan un carácter ritual, non eran só unha precacución para desfacerse dos restos dos animais mortos evitando que os depredadores e carroñeiros se achegasen ós corpos poñendo en perigo ó rabaño. Isto seguramente foi así xa que ás veces aparecen en depósitos asociados a enterramentos humáns acompañados de enxoval funerario. Delo pode deducirse que o gando, sobre todo o bovino, tivo certo status familiar ou clánico no pasado. Era como da familia. Non obstante, hai outras hipótesis, que recolle James Morris en Investigatin animal burials. Ritual, Mundane and Beyond, 2011.

Mámoa do tipo "enigmático"; trátase dun dos ashmounds da Mourela. Vista do interior do cono de violación cun corte que amosa finísimas cinzas. (C) Andregoto Galíndez, 2006.


O costume de enterrar o gando nas mámoas mantívose en Galicia ata non fai moito tempo.

  1. O arqueólogo Xosé María Bello infórmame amablemente de que no ano 85, cando excavaban unha mámoa en Silleda "un paisano díxonos que a ver se atopábamos os ósos dunha vaca que enterrara alí o seu pai había 20 anos. Non apareceu ningún. A min fáiseme raro que en vinte anos desaparecera todo vestixio; pero fose verdade ou non que a vaca a enterraran alí, o certo é que a historia e a vinculación entre mámoa e vaca enterrada, aí estaba, viviña de todo".
  2. Cándido Rico (megalitos.arqueoloxico.com) tamén aporta o dato de que cando Pombo Mosquera excavaba nas Pontes, atopou o esquelete dunha vaca nunha mámoa da Veiga da Vilavella.
  3. Felipe Criado ("Catalogación de mámos en los municipios de Curtis, Sobrado y tierras adyacentes", Brigantium, 1980) describe unha mámoa no monte Lousado (Dombrete - Sobrado) có cono de violación recheo "ya que en él, para continuar sus prísitinas tradiciones funerarias, sin duda, enterró un paisano una vaca que se le murió. No cabe duda de que debió de ser tan llorada como los neolíticos constructores del monumento".
Pola nosa conta, examinamos o lugar de Dombrete onde está a mámoa de monte Lousado. O sitio exacto leva o nome de Meixón ("lugar onde se recolle o gando na mallada"); non é, polo tanto, produto do azar o feito de atoparse a mámoa nun emprazamento gandeiro.

Deste xeito, poderán encadrarse neste asunto outros topónimos. Supoñemos que o nome do cordal da Fonsagrada, O Muradal, caracterizado por unha longa liña de mámoas fronte a un pazo gandeiro (Pacios), ven do mesmo étimo que deu en castelán muladar, "espazo ó ar libre adicado a cementerio de animais".

Adenda do 6/1/22

Recollemos do Facebook de Manuel Ruibal R. o interesante relato fornecido polo seu avó, de 96 anos de idade: "Os veciños de Argonte e Sanbertolameu (San Bartolomé), e ata os de Herves e Beira, levaban as vacas mortas nos carros ata a Eira dos Mouros, alí as botaban polo buraco que había na cima, aqueles bois que eu lembro, ganaran medo porque ulían a morte". O informante referíase ós muxidos dos bois que pastaban preto dunha mámoa que existía entre Argonte e San Bartolomé (Carral), onde se botaba o gando morto, cecais seguindo un vello costume.

lunes, 10 de mayo de 2021

Castros, eiras dos mouros, cidades dos mortos

A propósito dunha entrada anterior ("Configuración da paisaxe pacega de Galicia"), o veciño de Rodís Manuel Ruibal informoume amablemente da existencia do microtopónimo A Croa xunto á igrexa de San Martiño de Rodís (O Adro), na que existen vestixios dunha necrópole altomedieval. A situación topográfica do posible castro deducido do nome A Croa, ven sendo igual á que explicabamos na entrada citada, nunha estreita confluencia de ríos que deixa a zona máis ampla para o pazo gandeiro. Pensamos que o espazo adicado ó gando, neste caso, viría sinalado polo topónimo Ameixeira (v. ameixoar o gando = xuntalo na mallada), e non polo veciño Pazos, xa que elo implicaría atravesar o río dese lado, e pode que non resultara moi cómodo. En calquera caso, temos o espazo gandeiro correspondente, que segundo nós precedería no tempo, e determinaría a situación dos futuros asentamentos do Ferro no seu entorno.

O caso de estaren a antiga necrópole (posiblemente de orixe sueva) tocando o castro do Adro de Rodís resulta moi interesante, primeiro pola súa excepcionalidade, e logo para verificar a proposta de Mingote Rodríguez, que sostiña que os camposantos ou os adros antigos circulares, foron previos ás igrexas e estaban vencellados dalgunha forma á preexistencia de castros na contorna inmediata: así, a uns douscentos metros dun castro en Coeses (Lugo) aparecera unha necrópole nunha chousa circular, na que se atopou gran cantidade de vasillas funerarias (A rede de igrexarios e a identidade do territorio: os conxuntos vinculados ao patrimonio arquitectónico parroquial no medio rural do noroeste galego, tese de doutoramento, 2015).

Lauda de estola de San Martiño de Rodís na traseira da igrexa. Os expertos na materia afirman que son suevas ou datan deste periodo. (C) Dolores González de la Peña, 2016.

A necrópole de Tines, da mesma época, e situada en Manlle (cecais do latín villa manualia, en referencia ás tarefas manuais do agro) na confluencia de dous ríos, non se atopa á veira dun castro, senón xunto ós restos dunha vila romana hoxe tapada. A situación da vila na cola do interfluvio, onde menos espazo resta para o gando, amosa a mesma estratexia de ocupación do territorio que na Idade do Ferro, aínda que executada tempo despois, durante a romanización. Disto deducimos que, a pesares da aculturación que se produxo durante a romanización, se mantivo a base da identidade cultural e económica (gandeira) da poboación. Tambén resulta interesante o vínculo entre castros ou vilas abandoadas, por obsoletas, e o nacemento dos cementerios na súa periferia: son as cidades dos devanceiros, as cidades dos mortos. 

Camposanto ou adro circular de Manlle (necrópole de Tines), hoxe case desaparecida a súa forma polos cambios no parcelario. (C) Visor PBA da Xunta de Galicia, capa do Vóo Americán de 1956-57.

domingo, 9 de mayo de 2021

As Tradicións do Apóstolo Santiago en Galicia (Brocos)


Tríptico de Modesto Brocos sobre As Tradicións do Apóstolo Santiago en Galicia (1897). (C) Museo da Catedral de Santiago de Compostela.

Con esta obra inaugura o pintor compostelán Modesto Brocos, por encargo da Igrexa, a pintura simbólica en Galicia, 25 anos antes de que o ferrolán Díaz Baliño formase o seu tríptico do Cabaleiro do Sant Grial (1922) para a "Terceira Exposición de Arte Galega" que tivo lugar na Coruña, o cal fora adquirido logo pola Igrexa compostelá, concretamente polo coengo Manuel Caeiro (El Noroeste, 30/9/1923).

  1. A esquerda, a prédica nos penedos dun culto pagán en Santiaguiño do Monte (Padrón).
  2. No centro, a inventio do sepulcro no bosque de Libredón: a arca marmorica, fortemente inspirada na do Conde Santo de Vilanova de Lourenzá; a perspectiva da luz cenital azulada descendendo cara a tumba, e na que se adiviñan varias estrelas, foi fonte de inspiración para Díaz Baliño nas súas composición místico-relixiosas.
  3. A dereita, a chegada da barca có Corpo Santo (cun encadre entre a proa e o trinquete que logo aparecerá tamén nalgunha obra de Díaz Baliño), o carriño dos bois disposto para a traslatio, e o padrón-ara que fixo de bocoi para o amarre da barca.
  4. Tipoloxía de letras anticuadas e douradas o pé dos paneis, logo utilizada por Díaz Baliño.


O Cabaleiro do Sant Grial, de Camilo Díaz Baliño (1919-22). (C) Iria-Friné Rivera para Historia de Galicia ("Galicia, retratando un país de fadas", 11/08/20).

Triptico de Brigantia, de Camilo Díaz Baliño (1919-22). (C) Iria-Friné Rivera para Historia de Galicia ("O Ara Gael de Camilo Díaz Baliño. Cando o mundo celta se fixo arte", 29/09/2017).

Estas dúas obras foron estudadas pola investigadora Iria-Friné Rivera en diversos artigos, suliñando que Díaz Baliño e a súa obra son as principais referencias para achegarse ó comenzo do celtismo artístico en Galicia. 

Nós queremos engadir que este celtismo inaugural estivo fortemente supeditado a un proxecto ideolóxico cristián; o motivo do Santo Grial atopado supostamente en Galicia (aproveitando a lenda do Cebreiro), sobreponse a unha paisaxe na que aparecen integradas as referencias básicas do celtismo finisecular (druidas, dólmenes, a Torre de Hércules - Breogán) có obxecto de achegar a idea fundamental de que a cristianización de Galicia se produxo moi cedo, cando aínda eramos celtas enxebres: celtas si, pero celtas cristiáns, como na Irlanda. Tras esta nova lenda parecen estar Risco e Cabanillas: véxase por exemplo o relato aparecido no nº 14 (25/07/1925) da revista da inmigración galega en Buenos Aires, Céltiga ("A estrela do Apóstolo", texto de Risco, ilustracións de Castelao), na que o Grial é levado da Ceca para A Meca ata acabar no Cebreiro.

O feito de que estas obras teñan unha presentación nun formato relixioso tradicional (tríptico), que a Igrexa as encargara ou as mercara, e que na concepción das tres se formulen mitos haxiográficos nacionais como o vello da chegada do Apóstolo Santiago a Galicia, e o novo do traslado do Santo Grial a Galicia, fainos pensar que non só o de Brocos foi un encargo da Igrexa; os traballos de Díaz Baliño seguramente tamén, ou polo menos estiveron orientados por ela, xa que os primeiros nacionalistas galegos foron conservadores (no que atinxe á "raza", ás tradicións e á relixión). Neste senso podemos fornecer como exemplo a carta de 1934 que lle dirixe o Padre Nilo Varela á Díaz Baliño onde lle pide con moito melindre que lle pinte un San Xosé que non sexa xoven, máis  ben entrado en anos e fermoso, xa que é o que quería o Papa Pio XI.

Pero a cousa da fabricación de propaganda en formato mítico xa ven de moito antes, e craramente a Igrexa foi a artífice dela.

O Soño de Carlomagno no Códice Calixtino de Salamanca. (C) Dolores González de la Peña, 2020 (tirada na exposición Galicia, un relato no mundo).

O novo mito haxiográfico do Grial non tivo afortunadamente a repercusión do vello mito que deseñara a Igrexa en torno á chegada do Apóstolo Santiago a Galicia, conservado no Códice Calixtino. Cecais xa era moi tarde para confiar na credulidade do pobo? Na vella lenda pódense investigar as técnicas de construción dun mito, da súa fabricación como símbolo identitario. Por exemplo, decidiron meter ó Carlomagno pois "determinados propagandistas jacobeos buscaron, cuando menos desde el siglo XII, la relación entre dicho descubrimiento y el gran unificador de la Europa cristiana para ampliar y prestigiar la peregrinación a Santiago desde todo el continente" (Xacopedia: Carlomagno).

Estas obras de ficción (artísticas e literarias) teñen unha indubidable cualidade estética, máis tendo unha manchea de tradicións e elementos culturais fiables de alto valor etnográfico que son parte da nosa identidade como pobo, na miña opinión o recurso á manipulación do noso folclore có obxectivo de crear un produto identitario espurio que promova o orgullo do noso non é o camiño, posto que é falso; aínda que sexa o que se faga por aí. Lemos nun estudo de Joaquim Ventura ("Vicente Risco y la "Moi nobre orde galega do Sancto Graal": ¿Divertimento esotérico o proyecto de sociedad secreta?", 2000) que Risco ó redor de 1922 creou catro lendas de tema artúrico ex novo, xa que anteriormente non houbo na nosa tradición folklórica lendas artúricas propias, de xénese galaica. Segundo expresaba Risco nunha carta dirixida a Losada Diéguez e atopada por Ventura: "comprometín ó Cabanillas para que me fixera un poema sobre cada unha destas [...] co obxecto de adoptarmos esas lendas e faguer coelas definitivamentes o noso ciclo épico relixioso".

domingo, 2 de mayo de 2021

A Chonia (Trazo)

 

Castriño sen inventariar, completamente arrasado, en Trazo (Oa - A Chonia). (C) Visor PBA da Xunta de Galicia - Capa do Vóo Americán de 1956-57).

A pesares de estaren o castriño completamente arrasado, o recurso a microtoponimia é suficiente para a súa identificación nos tres nomes de Bico do Castro, Trascastro e Currelo, que nomean o que fora a croa, un aterrazamento ou antecastro e un posible curral para gando anexo ó conxunto. No punto onde se xuntan os camiños perimetrais do castro que bordean os seus aterrazamentos, e que formaría parte do pomerium do recinto, unha capeliña que cristianiza a área sacra das protocidades do Ferro. A conversión en agra de todo o espazo castrexo é, polo tanto, moi posterior (Portela da Agra), cecáis resultado da colonización tardorromana ou altomedieval. Neste sentido, o topónimo A Chonia parece sinalar na súa etimoloxía (proposta polo profesor Moralejo) unha colonización do territorio: coloniam > Chonia. Aínda que o mestre atopaba certas dificultades en xustificar a terminación -onia en vez de -oña, nós pensamos que podería tratarse dun semicultismo.

sábado, 1 de mayo de 2021

As salinas de Betanzos


Enorme complexo produtor de sal, probablemente de orixe medieval (1), situado na foz da ría de Betanzos, no Pedrido, e pertencente ós concellos de Bergondo e Paderne.
(C) Visor PBA da Xunta de Galicia, capa do Vóo Americán de 1956-57.

Na actualidade, no sector indicado có número 2, ó estar tan tupido xa polos depósitos mariños, fíxose un párking para autocaravás. A microtoponimia que atopamos nas fichas catastrais das parcelas pegadas ós sectores 1 e 4 indica perfectamente a funcionalidade das antigas estruturas: Salinas e Salsas. O sector sinalado có número 1 é o que proxectaba protexer en 2018 o concello de Bergondo, como ben de carácter patrimonial.

"Las salinas de evaporación solar desarrolladas sobre marismas constituyen paisajes de origen antrópico de gran interés geomorfológico, histórico y patrimonial, presentes en muchas costas bajas mareales europeas" ("Evolución histórica y geomorfología de las explotaciones salineras en marismas mareales. Ejemplos de la bahía de Cádiz", Cuaternario y Geomorfología (2017), Gracia, Alonso e Abarca).


Aspecto actual do sector 3 das salinas, bastante tupido pola sedimentación. Os tabiques dos tallos do sal son apenas perceptibles e o conxunto podería confundirse fácilmente coas croas ou baixos de area que asoman nos estuarios das nosas rías. (C) Visor da Xunta de Galicia - PNOA 2004-7.


(1) Artigo de Sara Vázquez en La Opinión, da Coruña: "Bergondo protegerá en el plan general seis bienes arqueológicos no catalogados antes" (22/3/18).