domingo, 30 de mayo de 2021

Camiño Real de Curtis a Betanzos por Monte do Gato


 Divisoria de augas do río Mendo cos seus tributarios. (C) Dolores González de la Peña, 2021.

Estamos a comprobar nesta derradeira serie de entradas que as divisorias das cuncas fluviais, que foron os primeiros camiños naturais, sinaláronse con mámoas (necrópoles megalíticas) nunha época moi recuada. Como vestixios das primitivas vías de tránsito, amáis dos propios camiños, quédannos as mámoas e a toponimia para localizalos. No caso do Camiño Real que circundaba a cunca do Mendo, a toponimia camiñeira pola dereita do río dá conta da existencia dunha importante vía de comunicación: Camiño Grande, Campo Xaneiro (derivado do latín ianua, "porta, paso") e Parada.

Polo tanto estamos a percibir a seguinte evidencia: que se na divisoria dunha cunca fluvial se atopan mámoas estamos ante un Camiño Real (vía de tránsito natural utilizada dende a Prehistoria). Máxime se a toponimia corrobora a súa existencia.

Sector do mapa de Carlos Lemano (1769) do camiño proxectado entre Cortiñán e Lugo. (C) Biblioteca Virtual do Ministerio de Defensa. Vese que a idea inicial do enxeñeiro era levar a vía polo vello camiño de ferradura (vello Camiño Real) que ía de Pedra Partida - A Parada, pasando por Muros (preto do Vallo) e Paraños ata Vilarraso, é dicir, pola divisoria do Mendo e o Mandeo. Finalmente levouse por Costa do Sal e Montesalgueiro.

Aínda que o Camiño Real de Curtis a Betanzos polo Monte do Gato non estea inventariado por descoñecemento, existe (topónimo Monte do Camiño Grande). Por elo non é posible instalar nas súas marxes os "6 aerogeneradores de 4,2 MW de potencia unitaria, con velocidad y paso variable, altura hasta el buje de 112 m y un diámetro de rotor de 136 m" (Proxecto Parque Eólico do Gato) da empresa Greenalia, xa que os camiños "son bienes de dominio público con las características propias de estos bienes: inembargabilidad, inalienabilidad, imprescriptibilidad, pese a no estar inscritos en el Registro de la Propiedad" (1). A compra dos terreos efectuada xa por Greenalia, se os mesmos comprenden partes do vello Camiño Real, é nula, así como a súa utilización privativa con calquera fin.

O exposto ata aquí tería que aplicarse a todos os proxectos de novos parques eólicos que se pretenden ubicar, como se fai sempre, nas divisorias de augas sinalizadas por mámoas. Deste xeito, impedindo a súa instalación nas vías de tránsito natural cos argumentos anteditos, se evitarán os conseguintes danos e afectacións ós bens patrimoniais (camiños, necrópoles) e ó entorno natural das nascentes fluviais, que poderían verse danados polos descomunais alicerces dos xigantes eólicos.

Protección dos Camiños Reais, polo Padre Sarmiento

"Es preciso se haga saber a todos los que tienen dominio en tierras, que ni tienen ni pueden tener dominio alguno, por ningún título, en el terreno de los Caminos Reales. Dicen esos usurpadores de caminos, y enemigos del bien público, que pueden plantar árboles. Plántanlos, y después añaden que tienen derecho a cerrar sus plantíos, y vienen a parar en que quieren tener derecho a cerrar los caminos, o a estrecharlos enormemente. Es muy digno de remedio este pernicioso abuso, que todos le ven, todos le censuran, todos le padecen, y ninguno le puede remediar, ni aún quejarse jurídicamente; pues suelen ser poderosos los usurpadores, y a veces son los mismos que debían administrar justicia" (Discursos del Padre Martín Sarmiento sobre Caminos Reales y de Travesía, Mss/1975, s. XVIII, BNE).

Camiño Real da Serra da Carba, na divisoria das cuncas do Eume e do Miño. O Camiño Real está inventariado, así como as mámoas que sinalan as rutas naturais das divisorias de augas, o que non foi obstáculo para que fai vinte anos chantasen trinta aeroxeneradores ó seu carón, dos de 46 metros de diámetro nas palas. O Camiño Real chega, incluso, a empregarse como vía de acceso dos vehículos de mantemento do parque eólico. (C) Visor PBA da Xunta de Galicia.

Bibliografía sobre a relación dos túmulos e as vías de tránsito natural


  • Bello Diéguez, Criado Boado e Vázquez Varela: La cultura megalítica en la provincia de La Coruña y sus relaciones con el marco natural: implicaciones socio-económicas, 1987.
  • Criado Boado, Fábregas e Vázquez Lastres: "Concentraciones de túmulos y vías naturales de acceso al interior de Galicia", Portugalia, 1990-91.
  • Villoch Vázquez: "La sucesión de paisajes monumentales en la sierras Faladora y Coriscada (A Coruña)", Gallaecia, 1999.

(1) Caminos naturales: análisis de la normativa y legislación aplicable en España a nivel comunitario, nacional y autonómico, ed. Observatorio de caminos naturales e itinerarios no motorizados - Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medioambiente.

No hay comentarios: