Soldadiños de chumbo movéndose torpemente na paisaxe de bocage normanda durante a Batalla entre as Sebes (II Guerra Mundial). (C) Xogos de Warlord Games.
O xeógrafo francés Abel Bouhier (teño que repetilo outra vez) estivo preto de 17 anos estudando a paisaxe agraria de Galicia para preparar a súa tese de doutoramento (La Galice: Essai géographique d'analyse d'interpretation d'un vieux complexe agraire, 1979). Foi o primeiro investigador en notar que a paisaxe da zona das montañas setentrionais era semellante á paisaxe de bocage armoricana (Bretaña francesa e Normandía) e chegou a prantexar a posibilidade dunha orixe bretoa da nosa: posto que os colonos bretóns chegaron á Armórica galega establecendo en torno ó século V (nós probáramos que fora no IV) a Sede Britonorum, e dita forma de parcelación / ocupación agrogandeira foi coñecida entre eles "sería entón lícito pensar que os bretóns, que traían a fórmula agraria do cerrado, a tiveran difundido no norte de Galicia" (Galicia. Ensaio e interpretación dun vello complexo agrario, trad. Benxamín Casal, 2001, px. 1.229).
Cremos ter atopado no topónimo O Beque, propio da zona de Trasancos (Ferrol, Narón, Valdoviño, San Saturniño, Neda e Fene), Ortegal e Eume unha proba irrefutable de que o bocage ou parcelario de tipo cuadrilongo, pechado frecuentemente con sebes a modo de arte topiaria, é de orixe bretoa.
No estudo de Irene García Losquiño sobre o topónimo O Beque / O Beco, "The North Germanic place-name element bec in
England, Normandy and Galicia" (Namn och bygd, 2018), a investigadora plantexara que o elemento bec aparecía na toponimia de Galicia, Normandía e Inglaterra porque era remisible a una migración / colonización ou a contactos continuados cos vikingos, que aportarían o substantivo provinte do Old Norse bekkr, que significa "small stream; rivulet".
O principal problema que lle vemos á súa proposta é que en Galicia Beque non é un hidrónimo, senón que habitualmente o seu referente é un tipo especial de terreo adicado a cultivos ou plantacións. Mais Losquiño xustifica esta obxección do seguinte modo: os nomes de lugar co elemento bec eran primeiramente hidrónimos, e despois o nome transferiuse e pasou a designar os campos adxacentes ós cursos de auga, para, finalmente, reutilizarse por analogía (sen consciencia xa do seu significado - o que chama "proceso de replicación"); isto explicaría a presencia masiva do topónimo Beque na área de Trasancos, Eume e Ortegal.
Outra obxección non menor á súa correctísima investigación, cun amplo traballo de campo e ben documentada, é que non ten en conta, nin sequera para descartala, a posibilidade de que o topónimo se deba ós migrantes bretóns que se instalaron no noso territorio na zona mencionada da costa norte das provincias da Coruña e Lugo dende finais do século IV, dotados dunha sé episcopal propia da que temos documentación histórica durante catro séculos. Esta será a hipótese que imos probar, que nos levará a rexeitar a etimoloxía do topónimo normando Becque e do galego Beque dende o Old Norse bekkr, "small stream".
Distribución do topónimo Beque / Beco en Galicia, que amosa unha altísima concentración na zona de Trasancos, Eume e Ortegal. (C) I. García Losquiño segundo información da base de datos xeoposicionada Toponimia de Galicia.
No Libro de arriendos de Trasancos (século XVIII) das propiedades pertencentes ó mosteiro de San Martiño de Xuvia e San Vicente de Regoela utilízase varias veces beque para designar un tipo especial de terreo labradío. Non son moitos os datos que se poden sacar en claro, pero si é moi notable o uso do termo beque, fai dous séculos, como substantivo ou nome común. Despréndese da casuística que os falantes que informaban ó notario sabían exactamente o que era un beque, polo que non é posible soster que na zona de Trasancos houbo un "proceso de replicación" de beque como topónimo (supostamente xa valeiro de significado), tal e como alega Losquiño.
A paisaxe que se describe neste documento, pola mención ós peches vexetais, é principalmente unha paisaxe de bocage, como xa informamos na entrada anterior do blog ("A paisaxe de bocage de Trasancos no Visor de Valados de Galicia", Arqueotoponimia, 2024), e pois, forma parte da zona das montañas septentrionais que Bouhier calificara como área de bocage.
Tipos de organización agraria de Galicia. (C) Abel Bouhier, en Guía de caracterización e integración paisaxística de valados, Xunta de Galicia, 2017.
Xa que logo, semella un bo punto de partida considerar que o beque é unha forma peculiar de terrádego de uso agrario propio do sistema de bocage. Segundo o documento que manexamos, a finais do século XVIII nos beques de Trasancos cultivábase ou plantábase case de todo, principalmente salgueiros: "en el enunciado Beque, sauces para leña que en el cortan anualmente", "beque de salgueiros", "otro beque de nabos y alcacén"; "beque labradío de sembradura todo el de un ferrado de pan labradío". A expresión máis frecuente é simplemente "beque" ou ben "beque labradío", sen que poida atribuírselle carácter xeral a isto, xa que tamén había "beques montesíos". Nalgún caso atopamos o nacedoiro dunha fonte nun beque, pero ven sendo excepcional, polo que non valida a tese de Losquiño: "beque de salgueiros en que nace la fuente do Vizoso".
Un dato moi importante é que na descrición dos beques non se di nunca que están "circundados", como si se indica continuamente doutras pezas de terra, explícitamente "circundadas" por sebes, muros ou valados. Isto é ben importante para determinar, por exclusión, que eles mesmos eran o circundado de pezas maiores, unha especie de ringleira en forma de cómaro, valado ou trincheira máis ou menos ancha que pechaba as propiedades.
Nuns textos que consideramos bastante aclaratorios indícase que os beques constituían as cabeceiras de pezas de terra, é dicir que eles formaban o circundado: "una pieza de heredad labradía de cinco ferrados de sembradura, incluso el beque de salgueiros de su cabecera"; outra peza de terra "testa al norte en hacienda de Juan de Villar del mismo lugar da Pena y más adelante en Veque de Salgueiros en que nace la fuente que llaman do Vizoso, hasta llegar al Beque y salgueiros del Monasterio".
O beque circundaba, pois, unha peza de terra nalgún dos seus bordes, e a súa forma era a dunha ringleira, como noiro ou cómaro máis ou menos ancho no que se podían plantar ou cultivar determinadas especies vexetais como aproveitamento (usura), conformando unha característica paisaxe de bocage.
Posible beque formado por un cómaro e sebe de salgueiros en San Saturniño.
(C) Dolores González de la Peña.
En galego beque rexístrase únicamente no dicionario de Carré Alvarellos coa acepción de "callejuela sin salida", o que coincide co significado principal do galés gwig / gwic, "street" (A Dictionary of the Welsh Language), que tamén ten outros dous significados máis ou menos relacionados, "aldea" e "bosque". O termo galés provén do latín vicus, "barrio". Vese que na devandita lingua houbo unha estreita relación ou identidade entre a rúa e a aldea que se forma en ringleira nos bordes da vía de comunicación, pero o mesmo sucede en galego coa verba rueiro, "aldea", derivado de rúa, "calexa", e mesmo no inglés row, "ringleira" e "vivendas adosadas". Supomos pois que o sema principal que orixina tódolos significados do galés gwig / gwic é "rúa, cale, ringleira", do que xurden as outras dúas acepcións, aldea (agrupación de vivendas seguindo unha rúa) e bosque (vexetación arbórea seguindo un ordeamento en ringleira, ou seguindo a trincheira ou cale dun río).
Neste sentido convén repasar as acepcións de becque na Francia e na Normandía, que non se recollen no traballo de García Losquiño. A acepción de trincheira domina nestas linguas, sendo semellante á do galés gwig / gwic, "street":
- Becque: "a ditch or trench made upon the high way, also as beche (Norm.) = "cuneta xunto dun camiño real, como beche en normando" - Dicionario de Randle Cotgrave.
- Becque: "Fossé établi le long des terres cultivées pour favoriser l'écoulement de l'eau" = trincheira formada ó longo das terras de cultivo para escorrentar a auga - Dicionario de Hécart.
- Bec, becques: "la crête d'un fossé" = terraplén dunha trincheira - Dicionario da Academia Francesa.
Conclusións
O latín vicus, "barrio", tería chegado a Britannia coa romanización, onde se especializaría para designar realidades da paisaxe articuladas en torno a un eixe lineal que se concretaba en referentes moi semellantes: estrada / rúa / cale / ringleira. A saída dos colonos britanos cara as Armóricas, francesa e galega, a partir do ano 383, ordenada polo emperador Magno Máximo, levou consigo o préstamo lingüístico gwig / gwic e as formas da paisaxe de bocage atlántica. Na Normandía o termo becque evoluíu semánticamente dende a idea de cale ou ringleira á de "trincheira nos campos de cultivo para recollida das augas", de onde sae, por equivalencia, a acepción que recolle Losquiño de "rivulet". En Galicia, e a falta de máis documentación que permita definir mellor a realidade agraria denominada beque, semella que o termo quedou vencellado estreitamente á toponimia da paisaxe de bocage ó denominar preferentemente as ringleiras de vexetación arbórea (salgueiros), que a modo de pequenos bosquiños, servían para circundar as propiedades dos mosteiros. Doutra banda, a acepción de "callejuela" recollida por Carré Alvarellos, indica que aquí se conservou tamén outra das acepcións galesas do termo gwig / gwic, "rúa".
2 comentarios:
Sería interesante poner todo esto en relación con el apellido Bécquer o con el francés Becquerel. Enhorabuena por su blog. Un saludo.
Moitas grazas Rus! Si, está relacionado co apelido Bécquer, ata tal punto que en Fene o microtopónimo Beque rexístrase como Béquer (en Magalofes e Sillobre).
Publicar un comentario