miércoles, 29 de junio de 2022

Canillas e Canillejas: outras vías pecuarias de Madrid

 

Minutas Cartográficas do IGN (c. principios do século XX) amosando os pobos de Canillas e Canillejas, hoxe integrados na estrutura urbana da cidade de Madrid.

A pesar do atrativo da hipótese que formulara Oliver Asín en 1959, respecto dos topónimos madrileños de Canillas e Canillejas, como motivados pola suposta existencia de sistemas subterráneos de captación de auga denominados qanat (persa), adoptados polos árabes, o certo é que "esa red subterránea de canales no existió como tal durante el periodo islámico. Ni la arqueología ni la documentación escrita han dado indicio alguno sobre la presencia de esas canalizaciones subterráneas. Tampoco la realidad natural donde se asentó Mayrit, rodeada de grandes cantidades de manantiales y acuíferos, parece ayudar a ratificar la teoría de los qanats" (Jiménez Rayado: "La construcción de la identidad a través del territorio en la Edad Media. El origen bereber del nombre de Madrid", Medievalismo, 30, 2020).

Descartada a hipótese dos qanats, debemos vencellar os topónimos ós seus cognados noutras linguas romances peninsulares, e aplicarlles a mesma etimoloxía. Parécenos que o asturiano Caneya e o galego Quenlla son un bo punto de partida.

Respecto de Caneya, Julio Concepción explica o asturiano caneyu, como "camino estrecho entre sebes, calleja; es una zanja que se abría en las monterías para que en ella cayesen diversos animales; [...] pozo lobal", e fornece a etimoloxía dende o latín *calliculum, derivado "de callis: 'senda, vereda', aplicado a los lugares de paso de animales, o a callejones y empalizadas como trampas para los lobos" (Diccionario etimolóxico de toponimia asturiana, 2007). Suponse, logo, unha confusión de sons alveolares L/N: caleyu -> caneyu.

En galego o topónimo Quenllo / Quenlla aparece tamén ligado a trincheiras de acceso ós castros, ou designa estreitas corredoiras que poderían ter servido para dirixir ó lobo ou a outros animais cara a trapa final; só que a etimoloxía que adoita fornecerse para estes topónimos é o latín canaliculum/-am. Este étimo dende a súa fase evolutiva do galego *cãilla (> quenlla), puido pasar ó asturiano e ó castelán cós significados e acepcións que vimos de comentar, relativos a sendas pecuarias: vías de paso naturais para os animais, aproveitadas tamén como cazaderos dende a prehistoria. Nas linguas que recibiron o préstamo o son nasal da vogal voltaría a consoantirzarse na posición seguinte: Caneya / Canilla.

Así pois, á Cañada Real Galiana ó bordear a cidade de Madrid polo leste teríase unido en Canillejas, no punto marcado no mapa das Minutas Cartográficas como "Descansadero de ganado El Lavadero", outro cordel procedente de Canillas. Ambos topónimos aludirían a vías pecuarias secundarias, cuxa prolongación continuaba polo Camiño Real que saía dende Canillejas (o Camiño Real ven trazado a continuación de Canillejas no mapa das Minutas Cartográficas do IGN).

A moderna estrutura urbana da cidade, chea de centros comerciais, palacios de xeo, arterias de comunicación xigantescas, e outras aberracións arquitectónicas (ó meu ver), non logra ocultar, a pouco que se mire e grazas a deus, o seu pasado como importante nó viario milenario da transhumancia.

2 comentarios:

L. Masús dijo...

Olá Dolores. Xa bexo que sacaches bo proveito da viaxe a Madrid.
Nos aquí chamamoslle a quenlla do muiño o canle que leva a augha pro muiño

Andregoto Galíndez dijo...

Hai que sacar proveito de todo Masús :) senón a vida éche moi aburrida