Sospeitaba don Edelmiro Bascuas que o lugar de Ardexurxo (Sarandós) podería ter un nome xerado dende a base hidronímica paleoeuropea ARD- (v. tema Ard- no punto 20.1.1 dos seus Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, Verba, anexo 51, 2002). Entre os ríos que levan este nome están o Arda (tributario do Doiro) ou o "Rivulo Ardili" (tributario do Eume, documentado no ano 714). Rebardille (Ardille) segundo o profesor sería entón un hidrónimo provinte desta base máis un sufixo diminutivo coa vogal final relaxada. Nada que ver coas ardillas (esquíos).
Concretamente respecto a Ardexurxo di que semella un composto hidronímico, cecais da base Arde- ou de Ar-de (provinte neste caso do hidrónimo *Anarem), e que lle parece menos probable que o primeiro formante veña do latín agrum pola dificultade fonética da evolución do grupo -gr-, que normalmente evolúe a -ir- (integrum > enteiro). Neste suposto o topónimo Ardexurxo sería case transparente, o "Agro de Xurxo / Eiro de Xurxo".
Unha búsqueda na toponimia da contorna de Ardexurxo, tamén na histórica, amosa que hai máis dun topónimo coa base ARD-, mesmamente un lugar chamado Ardilleiros xunto dun regato que vai cara o río Barcés. No Catastro de Ensenada (Abegondo - Sarandós) menciónase no punto que se pasa o Barcés dende Ardexurxo cara a Bordel un lugar chamado Pozo de Ardagaña, o cal nas Planimetrías das Minutas Cartográficas do IGN ven situado aproximadamente onde o pomos nós, aínda que ven cun nome errado (Pozo de Arcogaña). Asemesmo, nas ditas Planimetrías o topónimo Ardexurxo ven como Ardejurjo, o que nos fai pensar que o actual Ardexurxo é una ultracorrección dunha forma Ardegurgo con gheada (Ardeghurgho): sentida a gheada como pronuncia castelanizada foi sustituída o que lles parecía unha jota pola correspondente xe galega (*joguete - xoguete; *Jurjo - Xurxo).
E que podería ser un *gurgo no campo da hidronimia?
- riuulos discurrentes Mandeo et Minuete que sunt gurgites mixta alueo nominati (ano 964. Fonte: CODOLGA)
- duas leyras vinearum quas comparavi in Gurgulione (ano 1293. Fonte: CODOLGA)
2 comentarios:
En Carballo tes a parroquia de Ardaña.
Apretas
Será un hidrónimo da mesma familia.
Publicar un comentario