Dicía Monteagudo (1) que o topónimo Cruzul provía dun antropónimo latino, é de supor, mais de orixe etrusca *Craeciurius, derivado de Craecius cun sufixo -urius, frecuente nesta lingua, e citaba a mención máis antiga do topónimo, do ano 1087, na documentación de Samos: "in Crezur".
Nós non estamos moi conformes coa proposta do profesor porque as influencias etruscas quedan lonxe da base que formou a nosa onomástica medieval, e de dito nome propio non hai restos no noso territorio. Aproveitando que na documentación de Penamaior do ano 1232 recóllese unha forma Creszur ("ecclesiam de Creszur, hereditatem quam habet in Valde Tortores et in Valle de Auseli") proporemos outra hipótese máis acorde có modelo onomástico galego medieval, de base latina e xermana.
Trataríase dunha vila ou dunha venda propiedade de Cresciturus (home) ou Crescitura (muller), antropónimo de orixe latina común no primitivo cristianismo (século VI). As connotacións de crecemento e mellora persoal que contén o nome terían motivado que o recibise o seu portador co fin de axudalo a achegarse ós ideais cristiáns. Así pois: *(villa) Crescituri > Cruzul = a (vila) de Crescitura ou de Crescituro.
- O nome propio "Crisciturus" aparece nunha pizarra visigótica de compra-venda, datada no ano 586 por Velázquez Soriano (Galinduste - Salamanca); na pizarriña vai grabada unha cruz monogramática.
- "Crescitura", escrito con caracteres gregos nunha lápida datada no século VI atopada preto da Catedral Vella de Cartaxena (Murcia).
- Un "patri nostro Creceturo" documéntase nun texto do ano 904 (Catedral de León).
- "Creceturus" (ano 941 - Catedral de León).
- "Cresceturo" (ano 952 - Catedral de León).
No hay comentarios:
Publicar un comentario