martes, 7 de mayo de 2024

Ofrendas de la e crinas ás antigas divindades lusitanas

En Luyego de Somoza antigamente o ramo de Santa Mariña era unha rama de carballo da que se penduraban cerros de liño espadelado e la virxe lavada e cardada (sen fiar) (Manuel Rivero Pérez, "El canto del ramo en Luyego de Somoza: sus referentes, signos, leyes y significados", Revista de Folkore, 2006). O equivalente deste ramo no mundo grego clásico era o eiresione ofrendado a Apolo: unha rama de oliveira ou loureiro ornada con la virxe, da que penduraban froitas, pasteis e garrafiñas de aceite. O eiresione era un stemmata ou rama dunha árbore ornada con la (Sófocles: "stemmata esse lanam ramo circumvolutam").

O motivo da la virxe (vélaro ou vellocino) colgada dun carballo pode rastrexarse ata o mito do Vellocino Dourado da Viaxe dos Argonautas, relato etiolóxico que tenta explicar integrando nunha ficción narrativa o feito singular e incomprensible da existencia dunha ofrenda de vellóns dourados colgados dun carballo na Cólquida*.

Xasón recuperando o vellocino dourado colgado da árbore tras durmir o dragón que o custodiaba.
(C) Annibale, Agostino e Ludovico Carracci, século XVI, Palazzo Ghisilardi Fava (Bolonia).

A la virxe fora un produto natural que, como a cera, se ofrecía á divindade nos sacrificios incruentos (sen sangue) da antigüidade. Nunha cántiga do rei Alfonso X, "A madre do que a bestia" (c. 147), cóntase como unha vella leva o vélaro da súa ovella á Virxe de Rocamador; o rei compón a cántiga xa sen comprender que se trataba dunha ofrenda de la a unha divindade (María como substituta da deusa) e explica a peculiar ofrenda como debida ó favor da Virxe, por cuxa intercesión a vella recuperaría unha ovella roubada ó falaren esta milagrosamente, indicando así onde se atopaba retida.

A vella da cántiga 147 tosquiando a ovella e levando o vélaro a Rocamador. (C) Códice Rico das Cántigas de Santa María, en Teresa C. Rodríguez, "Estructuras formales y narrativas en una cantiga de Santa María. Estudio de A madre do que a bestia", 2011.

Ofrenda dun vellón de la a unha divindade (posiblemente portadora de fusos) nunha impresión dun selo cilindro acadio do segundo milenio a.C. (BM 103329, en Drumbill, Musical Scenes and Instruments on Seal, Sealings and Impressions of the Ancient Near East, 2015).

De la virxe estaban feitas as infulae que envolvían os cabelos das vestais romanas como un turbante. Longas tiras ou vellóns de la virxe (que podía ser de distintas cores: nivea, caerulea, punicea) cinxidos a intervalos regulares con cintas (vittae), nós ou contas para manter unidas as febras, formaban os ornamentos dos oficiantes dos sacrificios, das víctimas, dos altares, templos e estatuas dos deuses (Smith, A Dictionary of Greek and Roman Antiquities, 1843; Davis e Llewellyn-Jones, Greek and Roman Dress from A to Z, 2007). O caso con máis sona cecais sexa o do ónfalo de Delfos que nos ten chegado coa decoración das infulae de la que o cubrían (agrenon en grego). Segundo a Descrición de Grecia de Pausanias (10.24) había unha pedra sagrada na montaña sobre Delfos que se unxía con aceite tódolos días e nas festas se lle ofrecía la virxe.

Ónfalo no museo de Delfos decorado con distintas infulae ou grilandas dispostas nunha trama reticulada (agrenon). Os mechóns de la van cinxidos a intervalos por cintas e contas furadas polas que pasa a la. (C) Wikipedia.

Outra representación do ónfalo de Delfos, cuberto de infulae de la branca dispostas doutro xeito.

Chegados a este punto, tras contextualizar moi brevemente o sacrificio ou ofrenda de la nas relixións pagás, cumpre preguntarse se na inscrición lusitana de Cabeço das Fráguas a palabra OILAM non será, mellor que "ovella", o termo indoeuropeo para "la", *Hwl-n-: Hitita hulana, Sánscrito úrṇā, Grego lễnos, Latín lāna, Gótico wulla, OHG wolla (Inglés wool), Lituano vilna, Ruso vólna, Irlandés Medio olann... Neste suposto teriamos no texto de Cabeço das Fráguas dúas ofrendas de la a divindades que semellan femininas, se no son altares ante os que se depositarían as ofrendas de la (OILAM TREBOPALA e OILAM VSSEAM TREBARVNE), e, doutra banda, o que serían propiamente os sacrificios animais do porco e o touro.

A outra ofrenda ou sacrificio dunha COMAIAM á deusa ICCONA (Epona) podería encadrarse entón no primeiro grupo de ofrendas incruentas, se, como defendía Pena Graña, esta palabra fose equivalente do latín comam, "crina, melena" ("Cerimonias celtas de entronización real na Galiza", Anuario Brigantino, 2004). Era habitual entre os iakutos as ofrendas de crinas de cabalo, que penduraban das ramas das árbores (Taylor, Primitive Culture, 2023); nos santuarios galegos as crinas de cabalo eran unha das ofrendas ó santo (Vázquez Varela, "La iglesia como modeladora de la cultura popular gallega", 2004), así como as crinas e colas nos pardons des chevaux que aínda se celebran na Bretaña (Daniel Giraudon, "Les perdons des chevaux aux chapelles en Bretagne", 1996).

Esta relectura é necesaria porque a base IE. *óuis, "ovella", como indicara Witczak, non ten en ningunha lingua indoeuropea derivados co sufixo -la como o que propuxera Tovar (*owi-la-m): Latín ouis, Sánscrito ávi, Grego ó(w)is, Antigo Irlandés , etc. (Witczak, "On  the Indo-European origin of two Lusitanian theonyms", Emerita, 1999), o que indica que OILAM podería ser outra palabra, porén o sacrificio descrito non sería unha suovetaurilia (dunha ovella, un porco e un touro).


* Podemos supoñer que a sona da la dourada das ovellas da Bética (Iberia occidental) chegou a ouvidos dos gregos, que entenderon que a la era de ouro, e situaron a súa narración na Cólquida, limítrofe coa Iberia oriental.

No hay comentarios: