A finais do século XVIII os límites da parroquia de Lueda (A Cañiza) aínda pasaban por Pedra Dante (actual Paradanta). Non é ningunha novidade que para- en composición sexa unha forma sincopada de pedra, así aparece no topónimo Parafita (Chandexa de Queixa), composto provinte do latín petra ficta, ou no orónimo Monte da Paralonga (Valeixe - A Cañiza) e A Paravedra (Covelo), do latín petra vetula. A forma Pedra Dante do Catastro de Ensenada proba o que xa se sabía. É curiosa por levar incorporada a preposición de ó sustantivo anta, que ás veces tamén aparece coa -s final do artigo feminino plural engadida: As Santas atópase de cando en vez nomeando necrópoles megalíticas, e por suposto non debe considerarse unha variante lingüisticamente correcta.
O sustantivo anta provén do latín anta, "ucheira, xamba dunha porta". O galego mantivo esa acepción no derivado anteira = "cada unha das pedras que forman os laterais da boca do forno", mais tamén desenvolveu, como outras linguas peninsulares, dúas acepcións especializadas relativas ós megálitos, anta = "chanto, mollón de termo, marco" e "dolmen". No texto que seleccionamos do Catastro de Ensenada (parroquia de Lueda - A Cañiza) fálase precisamente dos límites territoriais que pasaban polo "marco de Pedra Dante".
Temos falado xa de que na toponimia as formas Antón, Antões ou Antoinha, etc. e mailos aparentes hipocorísticos alpinos de Antoine (Togne, Tougne, Tognet), idénticos ó nome personal, son en realidade derivados da forma anta, e designan dólmenes ou megálitos doutro tipo (cfr. Forno dos Mouros, Toques - Serra do Bocelo, Arqueotoponimia 2015).
Posto que anta ten xerado derivados, imos valorar se o topónimo A Antiga / A Antigua, ligado ós primitivos camiños reais que ían polas cordas das serras, inzados de megálitos e marcos, podería ser un derivado dela, concretamente da forma *ántiga, que tería experimentado desprazamento do acento, e non, como se cre, do adxectivo latino antiquus, -a, -um "antigo".
Na documentación medieval aparece antiqua xunto dos termos carrale, karraria, via, vereda, semita. Os escribáns dos documentos medievais adoitaban expresarse no rexistro culto da lingua, ó que pertence sen dúbida o adxectivo latino antiquus, -a, -um; o pobo, pola súa parte, prefiriu os termos provintes de vetulus, -a, -um, "vello" > vello / vedro, para expresar esta mesma idea.
A proposta de JL Pensado ("Sobre el gallego "Antiga", "Antigua" y su paralelo italiano", Verba 1978) é que o topónimo A Antig(u)a, en xeral, proviría da elisión do sustantivo ou núcleo dunha destas frases, "illa (vereda) antiqua" > A Antiga / A Antigua: adxectivo substantivado que acabaría por quedar na fala como sinónimo de vía ou camiño. Nós consideramos improbable a súa etimoloxía, pois é que, como dicimos, o pobo non usou este adxectivo, senón vetulus, -a, -um, "vello", e amais o termo Antiga pode provir, mellor, do latín anticus, -a, -um, "dianteiro, na franxa do limes ou borde situado diante do territorio, á súa entrada ou saída". Este termo pertence ó eido dos agrimensores, foi usado nas centuriacións (repartos das terras) e tiña xa en latín unha acepción próxima á de vía ou camiño (como sucede co termo decumanus, que é un dos eixes das centuriacións e tamén forma unha vía principal - cfr. via decumana). A nosa proposta encaixa co feito de que o galego conserva, recollido no dicionario, o termo antiga como "servidume de paso a través de fincas alleas", conservando a dobre noción de camiño e límite, propia das centuriacións territoriais.
Tal e como se formou a frase via decumana, por trazarse o camiño sobre o decumano territorial, semella que puideron formarse expresións como via antica ou carrale antica, por trazarse estes camiños sobre os límites territoriais dianteiros (limes anticus = via anterior), xerando a impresión de que se trataba do adxectivo homófono antiquus, -a, -um, "vello". E así interpretamos un documento dun apeo de Sobrado do século XIV, no que a colisión dos case homófonos antica / antiqua semella provocar a glosa do escribán, que non acaba de entender a expresión: "a pena de Spino e ende a o o marco que esta contra o Pedrouco e ende a a antigua vella e ende fonte de Soo Lodeyro e ende iusa pelo rego".
Non é extraño, porén, que o topónimo A Antiga ou A Antigua (xa con wau pola confusión mencionada) apareza con moita frecuencia nos deslindes. Nos límites entre Samos e Oincio (IGN 1944) descríbense varios mollóns de termo na Pena Dantigua e na Petada Dantigua.
Neste documento de Samos (ano 1277 - Corpus Xelmírez) obsérvase reiteradamente a expresión "fer no antigo" en relación cos límites das leiras: "Conosuda couſſa ſſeya a quantoſ eſta carta viren, como noſ, don Julao, abade de Sſamooſ, τ o conuento de eſſe mííſmo logar, damoſ a uoſ, don Pedro Rodericj́ τ a uoſſo ermao, Nuno Rodericj́, o noſſo herdamento que auemoſ ena uila de Fferreyroſ ſſu ſſino de Sſan Sſadurnino, τ de San Martin de Loſſeyro, o qual erdamento teuo de noſ uoſſo padre τ uoſſa madre, saluo ende a erdade, que ffoy de don Fferreyro τ a que ffoy de don Pedro Sſobrino, conuen a ſſaber [...]: τ una leyra marcada na cortina do Sſouto nouo, que jas entre laſ do caſſal de Ffernan Paes, τ autra leyra ias en Sſindjn aſſi como ſſe determina de la de Ffernan Paes ate ña de Vermon Paes τ ffer no antigo; τ outra leyra en Eyrella aſſi como determina per la de Martin Paes τ per outra do caſſal de Johan Lobo e ffer no antigo; τ autra leyra aa ffonte dEyrella como ſſe determina per la de Sſeſinas τ per la de Sſaa, τ ffer no antigo; τ outra leyra aa caſtineyra de Barreyro, como ſſe parte per la leyra do caſſal de don Payo, τ dautra parte per lo ageyro τ ffer no rrio; τ outra leyra ao poso que jas entre laſ do caſſal de don Nuno, τ ffer na leyra de Gontina τ per lo antigo; τ outra leyra ao Pumarino ante o paso que ffoy de don Payo, como jas marcada entre laſ doſ Ffreyres τ ffer no antiguo; τ autra aa ponte aſſi como jas marcada entre laſ do caſſal de don Nuno τ ffer no antiguo; outra leyra cabo a cortina do caſſal que jas ſſu a daſ Quintaſ aſſi como ſſe uay per la do caſſal de Nuno Peres; outra leyra en Pomar de Dono, que jas ſſu a de Farra eyro τ do outro cabo ſſu a Regãẽga τ fer na de Eglleſia τ no antiguo; outra leyra en Pomarino como vay do antiguo que vay pra Eglleia τ do outro cabo co ſſe uay per la de Vermon Paes no valle de Sſautan, como ſſe uay per lo ualado, a derreyto pra o ualado de Golan, entre la de Pay Ffernandes τ de Ff......do como ffer toda ena de Eccleſia τ vay ao antigo per meo τ da una parte τ dautra, τ toda de Sſamooſ; outra leyra do Mero como jas entranbas las de Sſaa, como ffer no antiguo do Mouro; outra leyra do Baso como jas cabo a da Chaue; outra leyra aa Sſeyta que jas en braso con na lama τ ffer na de Ffernan Paes; outra leyra na cortina de Fformarigo ſſu antiguo que vay p..g.ada τ ffer no Fformarigo; outra leyra ſſu a cortina d ' Ayra que ffoy de don Pedro Sſobrino τ ffer no antiguo da Pedreyra, τ ſſi y mayſ ouuer, que a tendeſ pra o moeſteyro. τ eſteſ herdamentoſ de ſſuſſo ditoſ vos damoſ per atal condison [...]".
Sostemos, polo tanto, que a toponimia A Antiga / A Antigua provén do termo latino anticus, -a, -um, relacionado cos límites da configuración territorial, coas fronteiras e os camiños trazados sobre elas (ou á inversa: fronteiras trazadas sobre camiños previos), á súa vez vencellado ó termo anta, "ucheira, xamba da porta de entrada", que nun senso amplo pódese considerar como a entrada do territorio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario