domingo, 6 de septiembre de 2020

As Conchadas

Castro das Conchadas (Melide).
(C) Visor PBA da Xunta de Galicia, capa do Vóo Americán de 1956-57.

Ás veces o topónimo Concha / Cuncha ten aplicación a depresións no chan en forma de cuncha (v.gr. á croa dos castros); mais neste caso o derivado Conchadas pensamos que pode referirse a unhas leiras que se recuperaron do monte para labradío mediante o aporte de areia de praia e cunchas. O procedimento completo é descrito por Bouhier na súa tese de doutoramento, seguindo a Antonio Somoza e Monsoriu (1767). A posta en cultivo do monte levaba uns tres anos e pasaba por unha primeira fase de roza sobre un terreo a toxo, e logo unha labrada simple seguida dunha pasada co legón para eliminar as raíces; entón xa podía cultivarse algún cereal. Despois da primeira colleita era necesario o aporte de varios carros de areia de praia, ou toxo para queimar, así como de terra de prado e esterco quente (da corte do gando); logo xa podían sementarse nabos en rotación con millo e o terreo quedaba como labradío mentres se lle fora achegando esterco periodicamente  (Galicia. Ensaio xeográfico de análise e interpretación dun vello complexo agrario, trad. Benxamín Casal, 2001, px. 948-49).

O xeógrafo ven contarnos que el mesmo viu empregar a areia de mar para dar forza a vellos labradíos non soamente na beira litoral, senón ata distancias de 30 km da costa, no interior. Polo tanto, aínda que a distancia de Melide á costa e algo superior, non nos parece imposible que se tiveran cunchado as leiras de As Conchadas seguindo o método descrito, que debeu ser ben antigo, cecáis practicado dende o Neolítico ou na Idade do Ferro. A aparición de pequenos estratos de cunchas no interior  do noso territorio podería ser un indicador desta vella práctica agrícola, e non restos dunha duna fósil datada nun periodo xeolóxico arcaico.

No hay comentarios: