Construción tipo "Portalén" no lugar da Pedra da Cabirta, Montemaore (A Laracha).
(C) Manuel Ruibal, 2021.
Na entrada "Unha "Portalén" entre Montaos e Bergantiños" falaramos da "Portalén" megalítica da Pedra da Cabirta, descoberta por Manuel Ruibal no pasado ano. Clasifícase, como as Comhla Bhreac irlandesas, dentro da tipoloxía de portais megalíticos de comunicación có Alén, que creara Calros Solla tras estudar etnográficamente o Portalén de Lama e Forcarei, o primeiro dado a coñecer.
Daquela non reparamos en que o nome de Pedra da Cabirta podería designala; pensabamos que era o nome da pena de abalar que está xusto ó lado. Chamounos a atención o nome, mais desbotada inmediatamente calquera etimoloxía vencellada ás cabriñas, e sen ter moito máis corpus que facilitase a análise, pasamos a tarefa etimolóxica ó caixón de "pendentes".
Logo, examinando a toponimia dos límites parroquiais entre Rus e Sofán (Carballo), topamos cos microtopónimos A Toca e Alcoberta / Alcaberta, xusto na liña dos lindes. Como é ben coñecido, os megálitos serviron de lindes, ben porque xa foron marcos dende tempos recuados, amáis de estruturas funerarias, ou porque a súa visibilidade favoreceu que logo se utilizasen con esta finalidade. Así pois, pola situación nos lindes parroquiais, e pola súa estrutura fónica, Alcoberta ou Alcaberta ten necesariamente que provir da frase Arca Aberta, topónimo indicativo da existencia de estruturas megalíticas de tipo dolménico.
Unha outra proba de que "arca aberta" deu Alcoberta ou Alcaberta nalgúns casos é o topónimo portugués das Alcobertas, aldea na que destaca a famosa anta-capela anexada á igrexa de Santa María Madalena, que lle daría o nome o lugar.
Anta-capela das Alcobertas. (C) Tripadvisor.es.
Polo mesmo, no contexto da porta megalítica sita na Pedra da Cabirta, supomos a orixe do topónimo na frase Pedra da(ɹ) Caberta > Pedra da Cabirta. Así pois, o nome do lugar viría motivado pola estrutura megalítica do trilito; non pola pedra abaladoira próxima. O trilito vese como unha arca aberta ó non ter fondo, ó ser un portal.
A microtoponimia ven de confirmar que o trilito de Montemaore é un megálito pertencente á tipoloxía das arcas, segundo a clasificación dos antergos. É destacable que nunha distanza duns 20 kms teñamos tres das formas provintes da frase Arca Aberta: Arca Aberta entre Quembre e As Encrobas ("Os petróglifos de coviñas como marcas de trifinios"), Alcoberta / Alcaberta entre Rus e Sofán, e A Cabirta entre Soandres e Montemaore.
2 comentarios:
No percurso do rio Sar entre os concellos de Santiago e Ames está a Ponte Cabirta, nunha paraxe de canón fluvial que nada a ver ten co megálito da Laracha. Semella máis relacionado cos hidrónimos de raíz Carb-/Carb-.
Non coñezo esa raíz hidronímica Carb-. De tódolos xeitos, veño de ver fotos da ponte e é impresionante. Por manter a miña idea, a ponte mesma semellaría unha porta ou arca aberta, vista dende o río, coas paredes do canón facendo de ortostatos laterais e o pasadoiro como lintel?
Publicar un comentario