miércoles, 28 de diciembre de 2022

Veliña

Lombo do Veliña (O Xistral). (C) Dolores González de la Peña, 2022.

O pico Veliña asoma a súa lomba arredondada tralo corte da turbeira de cobertor, feito para a instalación dun eólico. Aínda que a manipulación e extracción de turba estea prohibida, por mor do seu papel como reservorio de carbono, sendo "o territorio estudiado [O Xistral] uno de los mayores reservorios de carbono del SO de Europa" (1), aquí a lei non está feita para aplicar ás grandes industrias das renovables; que paradóxicamente se presentan como moi ecolóxicas mentras contaminan liberando carbono ó destruír para sempre as turbeiras nas que se instalan.

O nome do pico provén do latín vigiliam, "acción de vixiar ou observar; lugar dende o que se vixía - observatorio". Neste sentido, no Dictionnarie Étimologique des Noms de Rivières et de Montagnes en France, de Dauzat e Deslandes, o monte Le Veyou é remitido ó provenzal velha, veille = observatoire. Na nosa documentación medieval aparece unha "Penam Vigiliam" (ano 1198 - Ourense), do que se derivaría, en xeral, Vixía, mais se temos en conta a posible caída do -g- intervocálico, da forma resultante *Vilía saería Veliña. Non obstante, o Diccionario etimolóxico de toponimia asturiana de Julio Concepción recolle Velía remitíndoo a Bela, do que dice que é unha "voz, sin duda, discutible y rara como nombre de montaña", e remata vencellando o topónimo ó celta bela, "álamo".

Nós discrepamos desta última etimoloxía ó divisarse dende o Veliña unha grande extensión do concello limítrofe de Muras, e ó ser habitual orónimo na Romania. O pico foi, pois, sen moita dúbida unha atalaia de observación do territorio.

En Galicia a deturpación e reetimoloxización destes topónimos polo termo "valiña", derivado do latín vallem, "val", é moi corrente:


O topónimo Veliña das Minutas Cartográficas do IGN, preto de Bestemuz (Muras), coñécese agora como A Valiña.


Preto da aldea de Brandián, a capeliña de San Miguel da Veliña, mailo lugar das Penas da Veliña (O Freixo - As Pontes de García Rodríguez), que segundo Ana Durán Penabad teñen de sempre ese nome que lle ensinou o seu avó, presentan a mesma deturpación por influencia do derivado do latín vallem, aparecendo Baliña e Abaliña, fronte a "La Veliña", nas Minutas Cartográficas do IGN. 

(1) Luis Gómez-Orellana, Boris Hinojo Sánchez, Marco Rubinos Román, Pablo Ramil-Rego, Javier Ferreiro da Costa e Carmen Cillero Castro: "El sistema de turberas de la sierra de O Xistral como reservorio de carbono, valoración, estado de conservación y amenazas", Bol. R. Soc. Esp. Hist. Nat. Sec. Geol., 108, 2014. 

4 comentarios:

Carlos dijo...

Non moi lonxe temos en Espasante a capela da Vela nun promontorio sobre a entrada da ría de Ortigueira. Por non falar de toda a costa da Vela presidida polo Facho.

Andregoto Galíndez dijo...

Grazas Carlos :) Si, tamén na costa existían estes outeiros como atalaias, fronte as invasións por mar, ou para observar a chegada de baleas, etc. No interior, para o mesmo, vixiar o gando, ver aproximarse ó enimigo, ou presas de caza, observatorios astronómicos...

MARÍA JOSÉ GONZÁLEZ dijo...

Boas.
No meu pobo, San Facundo de Cea (Ourense) temos o agro de Veliñas e a Costa de Veliñas que é un outeiro que está nese agro.
Ignoraba por completo que o seu significado fose ese, aínda que paradóxicamente, nos anos noventa instalaron alí un posto de vixilancia de incendios durante uns poucos veráns, certo é que se divisa bastante territorio.
Moitas gracias polo blog, gran traballo.
Saúdos.

Andregoto Galíndez dijo...

Grazas polo dato e polo teu comentario :)