A epéntese do b é regular cando o son nasal é un m (Tám(a)ra > Tambre), mentres que a do d é case inexistente ou imperceptible cando o son nasal é n (gen(e)rum > xenro, non *xendro).
Mais case inexistente non significa que non se practicase nos inicios da lingua. Temos exemplos, aínda que limitados ós escasos étimos que comportan unha cadea fónica formada pola nasal n + unha vogal átona perdida + o son vibrante simple r. E aquí imos ver dous casos tomados da toponimia, eido dos fósiles lingüísticos e dos eslabóns perdidos.
Soandres (A Laracha) é un topónimo composto pola preposición so, "xunto de" (1), máis o tema hidronímico paleoeuropeo Ánaris (mesma base hidronímica que o Anas de Guadiana). Este Ánaris é o hidrónimo que o xeógrafo hispanorromano Pomponio Mela (século I) mencionara entre o pobo prerromano dos ártabros ou arrotrebas. Ós ártabros, segundo o papiro de Artemidoro (século I a.C.), hai que resitualos no seo formado pola desembocadura do Anllóns, entre Laxe e Corme. Como é sabido, o Anllóns nace preto das Brañas da Estaca, en Soandres (A Laracha). Tendo en conta a reubicación do porto dos ártabros á que obriga o papiro de Artemidoro, non queda outra que reducir o río Ánaris ó Anllóns, que desemboca nel. É, porén, moi probable que o nome prerromano do río se conserve na súa cabeceira baixo a forma Andres, provinte de Án(a)ris > *Ánres > Andres, coa epéntese do d entre n'r da que estamos a falar. O nome do río logo sería sustituído polo latín *Angulones > Anllóns, motivado polos meandros do curso fluvial, mais o antigo hidrónimo se tería mantido dende a Idade Antiga ata a actualidade nomeando ó territorio que ocupa a súa cabeceira: Soandres = Xunto do Andres ou Ánaris.
Bendrade (Cuiña - Oza dos Ríos) é un topónimo escuro (2) se non se ten en conta na súa análise este fenómeno de epéntese; se se ten en conta, resulta doado averiguar a súa etimoloxía romana. Como nome propio, Veneratus, en caso xenitivo de posesión Ven(e)rati > Bendrade.
* A etimoloxía de senrar e senra a partires do latín seminare, é mea e de Harri Meier, e confronta a hipótese da orixe celta da palabra. V. Senra.
(1) Jairo Javier García Sánchez, "El elemento prefijal sub (> so) en toponimia. Reconsideración de su valor", Archivum, 2002.
(2) Dun hipotético antropónimo xermano *Brandatus, ou dun prerromano Bend- máis ráth, "defensa de terra" (Carlos Búa: "Thesaurus Palaeocallaecus", en Onomástica Galega, ed. Dieter Kremer, 2007).
No hay comentarios:
Publicar un comentario