miércoles, 7 de febrero de 2024

El Pajarico de Villarino Tras la Sierra (Zamora), o rei Charlo de Lourenzá e a caza do wren: restos dun rito de investidura real

No territorio da antiga Gallaecia, en Villarino Tras la Sierra (Zamora, na fronteira con Portugal), consérvase nas tradicionais mascaradas da invernía, que se celebran o día de Santo Estevo (26 de decembro), o desfile de "El Pajarico", que pode verse na grabación de Videocoria Mascaradas de Invierno en Zamora y Tras-os-Montes, mn. 15 (2020).

Segundo indican no documental: "el Pajarico era el mozo más joven [...], lleva colgados de una estaca uno o dos pajaricos recién cazados junto con un chorizo, en recuerdo de los que recibía como regalo, va acompañado por el mayordomo saliente que porta la vara de San Esteban y por el mayordomo entrante, que recoge limosnas para el santo; [...] se explica por la tradición de pasar factura a los vecinos por parte de los mozos, por librarles de la plaga de pájaros que les comían las cosechas".

Dous pajaricos xunto co chourizo chantados na forca de pau que levaba o mozo máis xoven.
(C) Videocoria.

Evidentemente o desfile do Pajarico é a mesma cerimonia que a que se celebraba en Vilanova de Lourenzá o día de Aninovo aló polo ano 1527, coñecida como "A caza do rei Charlo":

"Que todos los vecinos de este concejo en el día de Año Nuevo están obligados a ir a buscar el pájaro que en este país llaman rey Charlo a la pumarega de la fuente, y allí lo ponen en un palo grueso, y traen preso desde allí todos juntos hasta el Palacio y sala vella del señor abad, y se lo entregan con toda reverencia, quien lo recibe, y después les manda dar y repartir un pan de trigo y una vez vino entre cada cuatro, y dos veces vino a los que lo quisieren. Después van a la casa del Concejo y nombran quatro sugetos para alcaldes hordinarios y el abad escoge dos para dicho oficio, quienes hacen juramento en su mano de exercerlo fielmente... Quando no podían hallar el pájaro Rey para traerlo al abad el día de Año Nuevo, venían todos juntos a pedirle por merced, les diere término para buscarlo, y en caso que no lo trajeren estaban obligados a dar seiscientos marav. al monasterio y traer las luctuosas de aquel año" (ed. de María Xosé Rodríguez Galdo, apud Pensado Tomé).

O costume mantívose polo menos ata mediados do século XVIII*, pois segundo vimos de atopar agora, mencionábase aínda no Catastro de Ensenada, xa sen alusións á caza do paxaro e á eleción dos alcaldes: "Quien [o Mosteiro de Vilanova] por razón de vasallaxe percibe de los vecinos de esta Villa del Estado General, en el primer día del mes de enero de cada año, un Paxaro Rei, el que ha de presentar el Alcalde ordinario de dicho Estado General, y no lo haciendo, diez y ocho reales de vellón por razón de multa en que dicho monasterio les tiene declarados por incursos".



O paxaro chamado Rei Charlo ou Paxaro Rei era cazado aproximadamente nas mesmas datas que o Pajarico (Aninovo / Santo Estevo - 26 de decembro), portado nun pau, e presentado nunha cerimonia de elección dos alcaldes, que no caso da cerimonia do Pajarico delátase na presenza dos mordomos entrantes e saíntes que o acompañan.

Dende moi pronto por parte dos investigadores a caza do Rei Charlo de Lourenzá púxose en relación coa cacería do wren irlandesa (wren = carrizo, galego / reyezuelo, castelán) e tradicións semellantes que se desenvolvían na Europa atlántica.

No estudo de José Luis Pensado ("O Rei Charlo de Vilanova de Lourenzá", Grial, 1981) xa se cita a Frazer, no que respecta á cacería do carrizo na illa de Man, e o costume na Provenza de cazar un carrizo (petousso) por Nadal e presentalo ó abade; o xoven que o capturaba era nomeado durante un ano abade da xuventude. Para Pensado, "a caza do Rei Charlo encerra un antiquísimo rito aproveitado como obriga foral". Aínda así, o investigador semella inclinarse por considerar a cerimonia galega do Rei Charlo como de orixe foránea, ben por ter sido poboada a rexión de Mondoñedo por emigrantes bretóns, ben por estar a orde bieita de Lourenzá moi ligada ás ordes francesas cluniacenses ou cistercienses (e por estar o convento de Lourenzá no Camiño Francés de Santiago).

Mais a orixe foránea (bretona ou francesa) da tradición do Rei Charlo de Lourenzá, idea que seguen os investigadores que posteriormente se ocuparon do tema, queda descartada automáticamente se temos en conta a tradición do Pajarico de Villarino Tras la Sierra, lugar que non foi poboado por bretóns nin está á beira do Camiño Francés.

Fernando Alonso Romero en "La cacería del reyezuelo: análisis de una cacería ancestral en los países célticos" (Anuario Brigantino, 2001) fornece coma sempre unha enorme cantidade de información na súa comparativa. Destacamos polo seu interese, ó concordar co que sucede na mascarada de Villarino Tras la Sierra, o feito de que na Irlanda os rapaces que cazaban ó wren no día de Santo Estevo ían disfrazados con corozas "varios chicos iban con caretas y cubrían el resto de sus cuerpos con gorros y capas de paja" e acompañaba o cortexo dos wren boys un hobby-horse, é dicir, un Caballico, como en Villarino Tras la Sierra. A máscara de coroza (capa, carapucha e polainas de palla) segue a usarse nas mascaradas zamoranas da invernía dos pobos veciños, tal e como se pode ver no documental de Videocoria.

Coroza e máscara do Tafarrón de Pozuelo de Tábara, que tamén sae por Santo Estevo.
(C) Videocoria.


O Caballico de Villarino Tras la Sierra. (C) Videocoria.

Alonso Romero, doutra banda, sinala a posibilidade de que a cacería do paxariño (carrizo / wren / reyezuelo) garde "relación con el sacrificio del rey o jefe de una comunidad, con cuya muerte se auguraba la renovación de la vida" e tamén que "Miranda Green [...] creía que la tradición irlandesa de matar un reyezuelo simbolizaba la muerte del año viejo en invierno y el renacimiento de una nueva primavera". O investigador tamén acepta como moi posible a opinión de Pensado de ser o rito da caza do Rei Charlo de Lourenzá unha costume foránea, de orixe bretona.

Pola súa parte, Marco Virgilio Quintela ten desenvolvido unha comparativa destes rituais da caza do paxariño, espallados pola Europa atlántica, no marco dun estudo centrado nas investiduras reais: "El reyezuelo, el cuervo y el dios céltico Lug: aspectos del dosier ibérico", 2002. Nun dos casos que estuda, o do "roi de Brest", indica que a caza do carrizo (Bérichot ou Roy Brethaud) que tiña lugar o primeiro domingo de decembro en Brest (Bretaña francesa) estaba vencellada a un rito de investidura real, logo transformado nunha toma de posesión dos alcades, segundo Tanguy. Igualmente, en Carcasona, na mesma data, o primeiro mozo que capturaba o carrizo proclamábase rei. Resúltannos interesantes, por se fosen de aplicación ó caso zamorano, as consideracións que expón sobre o deus Lug (celta lugos = corvo) e os corvos, aves oraculares vencelladas á divindade celta, pois é que unha das aves que van na forca de pau do Pajarico de Villarino de Tras la Sierra é... un corvo!

Roberto Tola Tola en "Las obisparras en Aliste (Zamora): la celebración del Pajarico de Villarino Tras la Sierra en una descripción del siglo XVI", Revista de Folklore (2015) amosa por primeira vez un interesantísimo documento que alude seguramente a unha celebración do Pajarico na primeira metade do século XVI. O investigador vencella estes datos á Matanza do Porco-Bispo de Mogadouro (Portugal), rito semellante ós descritos, no que o paxariño é un paporroibo. Ó facer un repaso dos casos espallados pola Europa atlántica, o investigador reafírmase na "idea de que dicho sustrato tenga como denominador común un influjo de origen celta".

Os catro estudos brevemente reseñados serven para amosar que o rito da caza do wren, do Rei Charlo de Lourenzá, do Roy Brethaud, do Petousso, do Pajarico... era común na Europa atlántica (céltica) e que posiblemente estivese vencellado a un ritual de investidura real, logo transformado nun ritual de elección dos alcaldes.

E se consideramos, como Dani García de la Cuesta ("Sobre'l reitán, la zarrica, les fiestes de San Esteban, los Mummers y el Rey Páxaru" (2022) ), que as máscaras de paxaro deben estudarse xunto coas que se vencellan directamente á caza dun paxariño, o que segundo a nosa opinión constitúe unha incorporación perfectamente posible do paxariño á propia máscara, elidíndose ás veces o motivo da caza ó terse perdido, o espectro de casos aumenta considerablemente ata chegar por exemplo ós Charrelos** da Veiga (Ourense) ou ós Galos da Mezquita (Ourense), que serían variantes do Rei Charlo ou do King of the Wren


Galos de A Mezquita. (C) Andregoto Galíndez, 2020.

Finalmente chegaríase entón a encadrar ó Pajarico e ó Rei Charlo nas festas do Rei Paxaro, nas que o tema da caza do paxariño desaparece e só permanece o motivo da elección dun rei temporal, e que adoitan explicarse no marco carobarojiano das festas de inversión da orde (Saturnales romanas, Rei da Faba, Obispillos, Alcaldes de Inocentes, Reis de Porqueros...). "Parece evidente que todas estas fiestas tienen un común denominador, que es el de elegir autoridades lúdicas, autoridades para diversiones y juegos", di o mestre, que nos sentencia á morte intelectual ós que pensamos doutro xeito: "Pobres, muy pobres de contenido, son tanto la teoría de las "supervivencias" como la del "cambio de significación", frente a la realidad y frente al ritmo mismo del juego, que se repite año tras año, periodo tras período, siglo tras siglo, con sus inversiones, sus reglas, sus limitaciones" (El Carnaval).

Moi ben, pero que facemos cando temos casos (Lourenzá, Brest) que indican que ese cargos, eses reis ou alcaldes eran elixidos de verdade, non como autoridades temporais dun xogo? O mestre non se pronuncia. Entón, non serán máis ben ó revés, as festas do Rei Paxaro un resto lúdico dun antigo rito de investidura conservado nas tradicións de Lourenzá e de Brest?
 

CONCLUSIÓNS


Ó atoparse o mesmo rito, a caza do Pajarico, inserido pervivindo aínda no territorio da antiga Gallaecia Bracarense nunha mascarada de invernía zamorana, podemos tirar as seguintes conclusións derivadas dos elementos xa comentados:

1. A orixe da caza do Rei Charlo de Lourenzá, como a do Pajarico, non é foránea (bretona ou francesa) pois, como xa vimos, Villarino Tras la Sierra non foi territorio ó que chegasen os bretóns no século V, e queda fóra do Camiño Francés a Santiago. Ten que ser un rito indíxena.
2. A tradición do Pajarico segue o mesmo guión vencellado á investidura real ou dos alcaldes que as coñecidas ata o de agora, polo que a hipótese de que todas elas sexan cerimonias de investidura reafírmase.
3. A presenza do hoby horse (o Caballico) acompañando ó Pajarico mailo uso de corozas nas máscaras dos pobos veciños o mesmo día de Santo Estevo, coinciden completamente co rito da caza do wren en Irlanda. Estes rituais da caza do paxariño considéranse como de orixe céltico por parte dos autores citados (Alonso Romero, Quintela e Tola Tola) e do soporte bibliográfico que empregan.
4. O que nos resulta máis interesante é que cremos ter identificado claramente un antigo ritual camuflado nunha mascarada da invernía, sobrevivindo aparentemente como simple divertimento. O que abre a posibilidade de continuar a indagar nos rituais agochados nas mascaradas de inverno (e na súa pola desgallada, o Antroido), pois é que agora se revelan como unha fonte segura para coñecer o pasado.

* Segundo me informa amablemente Xabier Moure, unha veciña da Couboeira (Mondoñedo) contoulle fai bastantes anos que a súa avoa lle tiña falado do tributo dun paxaro rei que lle tiñan que entregar tódolos anos ó abade.

**Charrelos, o nome da máscara da Veiga, que seguramente provén do nome da perdiz (charrela), semella ter a mesma orixe que o nome do Rei Charlo.

No hay comentarios: