miércoles, 31 de enero de 2024

O motivo da harpa eólica en Queixumes dos pinos: estrutura da obra e concepción poética en Eduardo Pondal

O tópico literario da harpa eólica, isto é, referido ó instrumento musical movido polo vento (Eolo), non pulsado pola man humana, configurouse na literatura do romanticismo como tópico de significado metapoético empregado para referirse alegóricamente ó proceso de creación.

Rara é a harpa que aparece na poesía romántica como obxecto meramente decorativo para crear un determinado ambiente; a harpa adoita ter un sentido que vai moito máis aló do poema en si e proxéctase en xeral en alegorías sobre o xenio poético e a poiesis: a inspiración e a sensibilidade do poeta, a cualidade musical da poesía, a orixe divina ou natural da poesía... Vexamos algúns exemplos.

"A harpa eólica de Thomson" (1809), óleo de Turner.

No poema da harpa eólica de Coleridge ("The Eolian Harp", 1795) o pensamento dos seres vivos xurde da súa cualidade sensible, son como distintas harpas movidas ó unísono por unha forza (o vento, un hálito divino) dotada de intelixencia, que forma as almas individuais, gobérnaas e ten orixe sobrenatural (Deus):

And what if all of animated nature
Be but organic Harps diversely framed,
That tremble into thought, as o’er them sweeps
Plastic and vast, one intellectual breeze,
At once the Soul of each, and God of all?

E qué se tódolos seres animados
non fosen máis que harpas de formas diversas
que vibran no pensamento, mentres sobre elas sopra
cambiante e vasto, un hálito de intelixencia,
á vez a alma de cada un e o Deus de todos?

A harpa en Bécquer representa o poeta como creador:

1870 - A harpa, e a súa configuración física (as cordas do instrumento), abandonada no salón da rima VII de Bécquer (rima XIII no Libro de los gorriones) representa o xenio poético durmido no fondo da alma (salón), paralizado, aínda non chamado á creación poética polo pulo dunha voz superior de carácter sobrenatural e divina, como a de Deus cando lle ordena a Lázaro que se erga.

En Rosalía de Castro, igualmente a harpa é a poeta como creadora, a alma da poeta, o xenio poético movido pola forza da natureza (lume / vento) que impulsa a creación:

1884 - A harpa en En las orillas del Sar ("Santa Escolástica").

Sentí otra vez el fuego que ilumina y que crea
los secretos anhelos, los amores sin nombre,
que como al arpa eólica el viento, al alma arranca
sus notas más vibrantes, sus más dulces canciones.

No estudo de Cuvardic García sobre a harpa eólica na literatura hispánica (2021) sulíñase que o do poeta inglés Percy B. Shelley é o único caso coñecido, na teoría literaria, no que a alegoría da harpa eólica se propón no dobre senso de identificar o instrumento co poeta, e os sons producidos por ela co poema (A Defence of Poetry, 1840). Non obstante na práctica poética do romanticismo español temos composicións anteriores como a de Meléndez Valdés ("Al viento", 1784) que versan sobre a alegoría harpa eólica = poeta + sons da harpa = poemas.

Luego a mi amable lira
más bullicioso llega
y mil letrillas toca
meciéndote en sus cuerdas.

No mesmo estudo de Cuvardic indícase que o poeta colombiano postmodernista Rivas Groot utiliza unha variante orixinalísima cando compara o son que produce o vento nas ramas das árbores co que emite unha harpa eólica tanxida polo ar (v. poema "Liras eternas", 1888). A pretendida orixinalidade de Rivas Groot parécenos fora de lugar ó deberse a súa invención ó poeta galego Eduardo Pondal que utilizara a analoxía previamente nas súas obras Rumores de los pinos (1877) e Queixumes dos pinos (1886).

A mesma orixinalidade de estirpe pondaliana vese no poema "La canción de los pinos" (1907) de Rubén Darío, poeta que ata utiliza a mesma árbore que Pondal como harpa natural, o piñeiro:

Los brazos eolios se mueven al paso
del aire violento que forma al pasar
ruidos de pluma, ruidos de raso,
ruidos de agua y ruidos de mar.

Este repaso que vimos de facer do uso do motivo da harpa eólica na literatura do romanticismo (v. Cuvardic) serviranos para comprender mellor a concepción que Eduardo Pondal tiña da poesía e verificarmos a asombrosa xenialidade do poeta na utilización do motivo da harpa eólica como estruturador da súa obra Queixumes dos pinos.

O desenvolvemento que Pondal fai en 1886 do recurso literario alegórico (tropo) da harpa eólica difire tanto do que se fixo a día de hoxe na poesía universal, que constitúe un novo xénero literario aínda sen nome.


A concepción da poesía en Eduardo Pondal e a estrutura de Queixumes dos pinos


Penúltimo poema de Queixumes dos pinos (1886).

Xa dende o principio da obra anúnciasenos co título que o que imos escoitar non son propiamente poemas, senón os rumores, as queixas dos piñeirais de Bergantiños. Imos escoitar... os sons da Natureza versionados poéticamente nun libro enteiro!

Isto explica a aparente desorde do conxunto dos poemas de Queixumes dos pinos, que teñen variada temática e están dispostos como aleatoriamente; a Natureza non ten unha estrutura sonora definida, non é música, é máis ben ruído.

Ó longo do poemario e ata chegar ó final, non hai máis indicio deste artificio que o título. É no final onde se nos revelan no penúltimo poema ("Da ruda pendente") os elementos que integran a concepción poética pondaliana e se confirma a orixinalidade deste poemario:

1. Os piñeiros soantes chantados na pendente emiten vagos e monótonos ritmos - son harpas naturais (de follas de "arpados arumes") que zumban ó ser movidas polo vento.

2. O eu poético é o único que pode entender eses sons ("eu ben sei o que din vosos vagos, monótonos ritmos"), e volcalos á lingua humana para que os comprendamos.

3. Eses sons que zumban os piñeiros son as "ardentes estrofas dun poema", concretamente son as estrofas do poemario que temos entre as mans, Queixumes dos pinos. Son sons máxicos e proféticos, inintelixibles, como emitidos pola sibila.

4. A alma do poeta, dotada de especial sensibilidade, é capaz de adiviñar o que din: falan do pasado, dos futuros destinos, dos eidos escravos, da fatal servidume da terra... de tódolos temas tratados en Queixumes dos pinos.

A concepción da poesía por parte de Eduardo Pondal é, polo tanto, radicalmente distinta ó visto ata o de agora. O poeta non se considera un creador, é un transductor, un mediador co sagrado, capaz de comprender e verter á linguaxe humana a mensaxe, doutra forma inintelixible, emitida nun código alleo pola Natureza. Deus está ausente do proceso poético, ata está ausente a inspiración de orixe divina que xurde recorrentemente nas diversas teorías sobre a creación poética formuladas polos propios autores.

Como podemos comprobar, ningún dos poetas anteriormente citados (cremos que ningún poeta) se achega á profundidade coa que Eduardo Pondal formulou a súa concepción da poesía e da función do poeta nestes doce versos, nin ó uso do motivo poético (tropo literario metapoético) da harpa eólica como símbolo da Natureza comunicante, imaxinando deste xeito unha sorte de poesía ecolóxica. Temos que remontarnos ás concepcións máis arcaicas da poesía para dar con algo semellante, como pode ser a cualidade do bardo de ser mediador entre os deuses e os humáns, mais xa dicimos que en Pondal os deuses, ou Deus, están ausentes.

Exercicio


Tentade facer un poema, ou sexa, traducir a linguaxe humán, a posible mensaxe da sibila que se esconde no ruído do vento zoando na carballeira de Uxes, ou en calquera outro ruído da Natureza.

Vento zoando na carballeira de Uxes (Arquivo sonoro de Galicia).

No hay comentarios: