Cara o ano 430 tivo lugar un enfrontamento entre continxentes suevos e os habitantes da Gallaecia interior, feito que coñecemos por un texto de Hidacio, bispo de Chaves, que foi clave para xerar consensuadamente na historiografía do país o concepto que actualmente manexamos do que eran os cidadáns galaico-romanos e concibir un novo tipo de fortificacións defensivas (castella tutiora).
"Suevi sub Hermerico rege, medias partes Gallaeciae depredantes, per plebem quae castella tutiora retinebat, acta suorum partim caede partim captivitate, pacem quam ruperant, familiarum quae tenebantur redhibitione, restaurant" (Chronicon, 91).
Como indican Carlos Tejerizo e Celtia Rodríguez, a mención destes castella asociados a unha plebs xerou moita literatura sobre a estrutura social da comunidade galaico-romana da Gallaecia (pois é que plebs interpretouse como unha referencia ós estratos máis baixos dunha única comunidade): "el uso que de este término hace el obispo de Chaves buscaría vincular a las gentes que habitaban estos castros con los estratos inferiores de la sociedad, conceptualmente con una idea de “comunidad” [galaico-romana] con la que él mismo se identificaría pero a cuyo estrato no pertenecería" ("Más allá de los castella tutiora: la ocupación de asentamientos fortificados en el noroeste peninsular (siglos IV-VI)", Gerión, 2021).
Doutra banda, e seguindo o estudo de Tejerizo e Rodríguez, os castella tutiora puxéronse en relación cos achádegos arqueolóxicos que amosaban unha ocupación tardía dos castros: "la interpretación más recurrente para este tipo de asentamientos es que son espacios fortificados de defensa de la población galaico-romana frente a los ataques y razias de los suevos". Estes castella tutiora, segundo unha definición representativa que inclúen no seu traballo, tomada de López Quiroga e Lovelle, consideraríanse "poblados fortificados de tipo defensivo aprovechando en algunos casos las defensas que presentan los castros, en otros reconstruyéndolas, o erigiendo nuevas fortificaciones, con población predominantemente galaico-romana-cristiana".
En resumo, e segundo o tópico historiográfico consensuado, cargado de prexuízos, preséntasenos unha comunidade única e cohesionada (chamada galaico-romana) composta por clases sociais distintas, como a dos plebeios, que loitaría unida contra o inimigo común, o invasor xermánico, reutilizando para iso os antigos castros (xa abandonados), que se terían refeito reforzando as súas defensas. Nada máis lonxe da realidade.
1. Para comezar, Hidacio utiliza o termo plebs para se referir ás xentes dos populi, sendo a dos populi a forma característica mediante a que se artellou a administración romana da Gallaecia lucense, respectando a organización tribal indíxena. Polo tanto Hidacio non se está a referir a unha comunidade única de galaico-romanos na que caberían tódolos habitantes da Gallaecia do século V, senón que está a falar de dúas comunidades. O enfrontamento tería sido entre os indíxenas que aínda vivían nos castros (a plebe dos populi) contra os suevos. Hidacio considerábase el mesmo como romano, polo tanto, membro da outra comunidade que agora si poderiamos chamar galaico-romana.
Andrew Gillett ten presentado unha interesante discusión sobre o termo plebs e indica que non é posible entender que designase unha clase social inferior, pois é que as plebes da Gallaecia interior podían despachar a enviados recoñecidos polas autoridades imperiais, e tratar cos reis suevos, como Hermerico, co que suscribiron acordos de paz nos anos 430, 431 e 438 (Envoys and Political Communication in the Late Antique West, 2003). Gillet tampouco considera probable que plebs se referise a unidades administrativas eclestiásticas, como na Bretaña francesa; na nosa opinión é unha posibilidade que non se pode descartar á vista de que Hidacio utiliza o termo plebs noutros dous contextos cando fala dos aunonenses (que son os "paga Aunone" que voltan aparecer na división eclesiástica do Parrochiale Suevum, ca. 572-582) e dos auregenses. Pero neste suposto a plebs no senso de parroquia proviría igualmente da organización indíxena en populi, división territorial que se mantivo cando menos ata a época do Parrochiale Suevum.
A equivalencia entre a plebe dos aunonenses de Hidacio e os pagus ("paga Aunone") do Parrochiale Suevum, indica claramente que estamos ante agrupacións de individuos que pertencen a familias que se integran dentro dun grupo étnico máis amplo (seguindo a César, Livio ou a Estrabón - cfr. Cortijo Cerezo: "El pagus en la administración territorial romana. Los pagi de la Bética", Florentia Iliberritana, 1991).
2. En segundo lugar vese, polo tanto, que aínda no século V había xentes dos populi indíxenas da Gallaecia que vivían nos castros ("plebem quae castella tutiora retinebat" = xentes [dos populi] que aínda mantiñan as fortificacións principais, cabeceiras de cada populus). Isto explícase pola incompleta ou peculiar romanización do norte da Gallaecia dende o primeiro momento da súa ocupación por parte de Roma. Segundo González Ruibal "podemos observar una utilización diferente de los términos territoriales según el grado de romanización, organización y "civilización" -desde la perspectiva romana- del territorio: así, en el relato de Plinio, Lusitania se organiza por ciudades estipendiarias, municipios y colonias; a la hora de hablar del convento Bracarense recurre al término de civitates; y cuando se enfrenta con el norte de Gallaecia empieza a hablar de populi." (Galaicos: Poder y comunidad en el Noroeste de la Península Ibérica (1200 a.C. - 50 d.C.). Tomo II, Brigantium, vol. 19, px. 337). E é exclusivamente na Gallaecia dos populi, na Gallaecia lucense, onde Roma recoñece a figura do príncipe como xefe tribal de cada populus, estudada no traballo de Martín Fernández Calo (Callaici principes, os soberanos da Galiza castrexa, 2020).
3. En terceiro lugar, chama a atención a capacidade xurídica destes populi para suscribir pactos directamente cos suevos, sen a supervisión de Roma ("pacem quae ruperant [...] restaurant"). A autonomía xurídica dos populi da Gallaecia pactando cos suevos tamén foi notada, ademais de por Gillett, por Pablo C. Díaz, que a explica como debida a un fenómeno de rexurdimento da etnicidade, polo que terían emerxido "referentes de identidad construidos sobre realidades precedentes, a veces muy antiguas, que habían sido olvidadas durante el dominio imperial" ("Una aristocracia sin horizontes: la nobleza hispano-romana frente a los bárbaros durante el siglo V", Studia Historica in Honorem Prof. Urbano Espinosa Ruiz, Universidade de La Rioja, 2018). Nós non cremos que o autoconcepto étnico dos indíxenas da Gallaecia lucense se tivese esquecido e logo recuperado cara o ano 430, pola contra, se tería prolongado dende que Roma artellou a súa administración no territorio mantendo a estrutura territorial indíxena dos populi. A nosa interpretación do texto de Hidacio viría a aclarar o asunto.
4. No Chronicon de Hidacio son intercambiables plebe e Callicis (galaicos) para se referir á poboación indíxena, reservándose romani para as elites dirixentes e a aristocracia civil e eclesiástica da superestrutura administrativa de Roma. Así, Lugo, capital do conventus romano estaría poboada maioritariamente por estes romani, como se deduce do Chronicon, 194: "per suevos Luco habitantes in diebus paschae Romani aliquanti cum rectore suo honesto natu repentino, securi de reverentia dierum, occiduntur in cursum" (= en Lugo os suevos matan a algúns romanos e ó seu gobernador aproveitando que era o día de Pascua). Mentras que o castro de Viladonga podería ser un dos castella tutiora indíxenas (dos galaicos): "a ocupación continua dende o século III ata o VI, e os materiais que evidencian a presencia de individuos de alto estatus socioeconómico, con capacidade para adquirir obxectos de prestixio, fan de Viladonga un asentamento que ben podería corresponderse con estes castella tutiora" ( López Quiroga e Martínez Tejera: In Tempore Sueborum, 2017, px. 220).
No hay comentarios:
Publicar un comentario