lunes, 13 de julio de 2020

A cazadora-pastora mesolítica do Chan do Lindeiro (O Cebreiro)

Fai uns 9.300 anos unha muller caeu na dolina do Sumio do Chan do Lindeiro (Fonteboa, Pedrafita do Cebreiro). Na exploración da cavidade kárstica atopáronse xunto ós seus restos, os de tres uros. Tras a analítica de radiocarbono, que deu unha mesma cronoloxía para todos eles, o accidente sufrido pola muller e os tres uros vense inscribindo no marco dun incipiente pastoralismo itinerante que tería comezado no mesolítico (J.R. Vidal Romaní, A. Grandal d'Anglade e M. Vaqueiro Rodríguez, "El mundo de una mujer llamada Elba hace 9.300 años", Cadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe, 2017). Os autores tambén chaman a atención sobre o feito de que a ruta que seguían a muller e a súa manda ía sobre un camiño de travesía entre vales que aínda continúa a funcionar case 10.000 anos despois. Temos xa, polo tanto, importantes evidencias de que os camiños tradicionais de Galicia xurden na prehistoria pola necesidade de seguir o gando nos seus desprazamentos estacionais, primeiro como cazadoras, logo como proto-pegureiras.

Costa crer que unha muller de pouco máis de 1,50 metros de estatura pastorease uros de 1,80 na cruz con cornos de 2 metros de longo, pero así foi. Co gando non é tan importante a forza como saberse a dona dos animais, e que eles o saiban, é unha cuestión de actitude.

Máis neste caso non só se mantivo no tempo o camiño que seguiú Elba, do que falan estes investigadores, tambén a toponimia dá soporte á hipótese presentada por eles: Lindeiro e Cebreiro, aínda que modificados no seu aspecto formal (cara significante) gardan o seu significado desde fai 10.000 anos.

O lugar do accidente foi O Chan do Lindeiro. Aquí recurrimos ó asturiano para evidenciar que efectivamente a muller atopada na cavidade cos tres uros era unha cazadora-pastora ou allendadora que levaba ou seguía o seu gando a pacer polos camiños, e que o tal Lindeiro xa era un lindeiro fai 10.000 anos:

Allendar: conducir el ganado al pasto; apacentar el ganado; vigilar las vacas en los prados; cuidar del ganado bovino cuando anda suelto; llevar a pacer el ganado por las orillas de las heredades o caminos (DGLA).

Allendador: que vigila las vacas; que se dedica a mantener los ganados pastando dentro de una parcela determinada sin que se pasen a otra (DGLA).

Llinde: Sitio donde se llenda, allinda / allenda o apacienta el ganado (DGLA).

O seu gando eran uros. E digo eu: que outra especie podería ter sido, nun territorio chamado O Cebreiro? O nome de lugar, como xa explicamos noutra ocasión, ven motivado polo nome de "cebros" que se lles daba ós "bois ariscos" (uros) segundo deixou anotado o Padre Sarmiento en 1761.

Antiga microtoponimia de gandeiría preservada na zona: en Veiga de Forcas, Bedredo e Bustelo, sendo o primeiro, probablemente, un derivado de vitulum, tenreiro.


No hay comentarios: