Fero é adxectivo de orixe latina có significado de "salvaxe, bravo". Monfero é porén un topónimo transparente. Non tanto Faramontaos e as súas variantes, que se atopan ata Portugal baixo formas predominantemente con e como Fermentãos ou Fermentões.
Na base de datos do CODOLGA aparecen de feito algúns Feramontanis documentados no século XIII que nos levan a propor esta etimoloxía: se a discutida orixe de Faramontaos non tería sido un *feri montani, usado para nomear ós habitantes destes agrestes montes, o que poría ó topónimo e xentilicio ó mesmo nivel que o nome de lugar e xentilicio das Highlands e os highlanders, o que se aplicaba por parte dos ingleses ós bravos montañeses da Escocia. Todos asociámolo inmediatamente có film de Bravehearth. Unha motivación semántica semellante podería ter o topónimo Bravos (Ourol).
Deste valor do composto latino extendido por toda Europa dá conta a glosa ó apelido de Hieronymo Wildenbergio, traducido como Ferimontano.
O que está claro é que o topónimo sufriu un proceso de armonización vocálica, e porén calquera dos estadios documentados, fora - fara - fera, podería ser o estadio inicial ou etimolóxico. Non debe descartarse en principio ningunha das posibles etimoloxías propostas ata a data, incluída esta que vimos de formular, como a máis extendida de *fora montani (de fóra do monte, de máis aló do monte), pois hai que ter en conta que as formas máis antigas que nos chegaron puideron estar xa daquela corrompidas por falsas etimoloxías:
- Foramontanos - ano 921
- Faramontanos - ano 961
- Farramundanes - ano 1014 (o que suxire un nome propio xermano *Farramundus, ou ben se trata dunha falsa etimoloxía histórica, por influencia da moda dos nomes de raigame xermana na Idade Media).
No hay comentarios:
Publicar un comentario