Fervenza de Santa Leocadia en Vilariño de Chacín, río do Vao da Denociña.
(C) Andregoto Galíndez, 2022.
Aínda que o termo denociña / denonciña / donosiña / donicela / doniña ("señorita"), cós característicos sufixos diminutivos agarimosos, está moi arraigado no noso país para referirse ó mamífero mustela nivalis, pensamos que non só se aplicou a el. O hábitat desta fervenza, un pequeno paraíso amazónico, non é propio do mustélido, e si das libélulas da suborde odonata.
No artigo de Romay, Cordero-Rivera, Romeo et al., "Nomes galegos para as libélulas (orde Odonata) da Península Ibérica" (Chioglosa, 2011), de feito amósase que un deles, donceliña, é o nome có que se designa, cando menos, ás libélulas do xénero Coenagrion.
Os derivados do latín domina, "señora", aplicáronse con frecuencia a estes belísimos insectos: por exemplo a Calopteryx Virgo (gaiteiriño) que vimos na fervenza é chamada Beautiful Demoiselle / Damselfly en inglés e doumaiselo / damaiselo / damizele en francés. Estas designacións entran dentro do mecanismo do tabú polo que se evita chamar polo seu nome ós animais que se teme ou que, dalgunha forma, se consideran máxicos (serán as libeliñas as nosas fadas?).
Supoñemos, pois, que o nome de donceliña / denociña, etc. foi usado amplamente para referirse a outros xéneros de libélulas, como á Calopteryx que atopamos no Vao da Denociña.
Calopteryx Virgo ou gaiteiriño azul. Cecais sexa a Denociña ou Señorita que deu nome o río do Vao da Denociña; imaxe capturada na fervenza de Santa Leocadia. (C) Andregoto Galíndez, 2022.
Parece ser que o gaiteriño azul é unha especie estenoica, que só vive e se reproduce nun ámbito ecolóxico moi estable e limpo, de aí o senso de "estreito" (stenos), polo que a súa presenza continuada nun mesmo lugar xustificaría o nome do río e, ó tempo, polas condicións ambientais anteditas, o nome de Vao da Denociña funcionaría como bioindicador dun ambente moi puro e augas oligotróficas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario