martes, 13 de junio de 2023

O Medulio, o monte que non era un monte


 Meditolium = "in medio campo eminet" = punto que se eleva no medio do chan.

Nos inicios da conquista do que hoxe é Galicia, que idea poderían ter os romanos dos castros? Coñecían o hábitat castrexo da Idade do Ferro propio de Galicia? Tendo en conta a primeira acepción do vocábulo meditolium que atopamos nun antigo glosario, sospeitamos que os romanos non tiñan nin idea do que era un castro galego, nin do que implicaba ser, en definitiva, un celta castrexo.

Durante o fin das guerras cántabras, nas partes máis lonxanas da Gallaecia os romanos cercaron ós guerreiros do noroeste peninsular cun foso de quince mil pasos no "Medullium montem Minio fluminem imminentem, in quo se magna multitudo hominum tuebatur". Lonxe de supor, como ata agora, que Medullium fose un topónimo, o nome dun monte, sospeitamos que está a funcionar como adxectivo cualificativo co sentido antedito de "punto que se eleva no medio do chan". É dicir, que medullium montem indicaría que os guerreiros se protexían nun monte elevado no medio do chan, non nun monte chamado Medulio. Meditolium / Meditullium > Meidulium > Medulium.

E que é un monte levantado no medio do chan, senón un castro? O que amosaría que os romanos, daquela, non coñecían o hábitat defensivo propio dos habitantes da Galicia da Idade do Ferro, pois aínda non penetraran nela o suficiente. Cecais fose o primeiro castro que vían. Os castros pareceríanlles montes elevados ou levantados no medio dun campo, cousa de bárbaros. De feito, aseméllanse moito a montes, e ata se confunden e camuflan voluntariamente con eles. Unhas veces construíronse reformando defensivamente unha elevación orográfica natural mediante fosos, e outras levantando completamente as defensas de terra sobre o nivel do chan, erixindo o que podería parecer un simple monte a alguén que non estivese familiarizado con eles.

Esta posibilidade interpretativa do termo medullium reforza a ubicación na Galicia castrexa desta campaña militar que rematou co suicidio colectivo dos galaicos. Dita ubicación xa viña manifestada, doutra banda, pola indicación do texto de Lucio Anneo Floro: "Minio fluminem imminentem" = xunto do río Miño.

Tamén proba que os castros foron concebidos como bastións ou fortalezas, con carácter defensivo. O último refuxio dos guerreiros galaicos, onde se replegaron, foi un castro, non un monte; onde non terían nin posibilidade de facerse fortes nin de sobrevivir a un asedio.

No hay comentarios: