viernes, 1 de marzo de 2024

A pel do xaguar

 

En The Shaman and the Jaguar (1975) o antropólogo Reichel-Dolmatoff describe os estadios do trance que os indíxenas de Colombia acadan mediante o emprego dun enteóxeno, o yajé. Estes estadios coinciden cos da viaxe espiritual da alma ó Alén (Paraíso) dos chamáns.

Doutra banda, a devandita experiencia vía trance chamánico natural ou inducido (no caso colombiano) é a mesma que teñen experimentado moitas personas ó caer nunha morte temporal e ter o que se coñece na literatura científica como unha Near Death Experience (NDE), maiormente célebre polos relatos das versións occidentais cristianas do doutor Raymond Moody: viaxar por un túnel e atoparse ó final no Ceo contemplando a Deus, arrodeado de anxiños e seres queridos. As NDE e as viaxes chamánicas ó Alén, aínda sendo a mesma experiencia, logo son interpretadas de diferentes formas segundo a cultura na que se insire a persona que as experimenta.

Entre os indíxenas colombianos a primeira fase do trance, que é a visión de fosfenos (unha pauta de manchas luminosas de cores entre pardo, preto e amarelo) como estreliñas ou glóbulos, pode ser identificada culturalmente como se se estivese a ver a pel dun xaguar. Dito animal pasa entón a se considerar como un espíritu guía ou animal de poder, e créanse mitos cosmogónicos en torno a el, ou en torno da anaconda, se o que se cre pecibir nos fosfenos é a pel desta serpe.

A mitoloxía / relixión construída así, a partires de identificacións variables de patróns neurolóxicos universais, que dependen do nicho ecolóxico e cultural dun pobo, amosa a súa falsedade, mais resulta operativa para os especialistas relixiosos nas súas funcións de control e exercicio do poder sobre o pobo.

Polo tanto, en Mesoamérica é frecuente que os guerreiros e os especialistas relixiosos vaian ataviados con peles de xaguar, o que os identifica co sagrado experimentado, sentido ou vivido no trance e cos animais de poder visionados. No Códice Tovar (s. XVI) o especialista relixioso, "el que había de sacrificar", vai coberto coa pel do felino.

En Europa non temos xaguares, mais si gatos monteses (lobos cervais, linces). Un dato indicativo de que no Antroido e nas mascaradas da invernía do noroeste peninsular houbo un especialista relixioso prehistórico como oficiante dos ritos, un chamán, é a interesante máscara do peliqueiro, en forma de mitra e coberta coa pel do lobo cerval (hoxe en día, de peluche estampado; ás veces cun tigre pintado diante). Dita máscara podería ter a súa orixe, como no caso mesoamericano, na interpretación dos fosfenos da fase inicial dos trances chamánicos por parte dos iniciados, como se estivesen a ver un gato montés, o que se tería considerado animal de poder ou espíritu guía do oficiante / chamán, pasando a compor a súa máscara identificadora.

Peliqueiros de Campobecerros. (C) Andregoto Galíndez, 2020.

Pero non só, pois con moita frecuencia os fosfenos luminosos, patróns de luciñas douradas e pardas, son identificados polos que experimentan un trance chamánico natural ou inducido, ou a súa versión en forma de NDE, como unha visión cósmica (a Vía Láctea é citada no estudo de Reichel-Dolmatoff). As máscaras das pantallas de Xinzo de Limia lembran estoutra visión do Alén dos especialistas relixiosos ou chamáns prehistóricos, oficiantes de antigos rituais onde se enraizan as tradicionais mascaradas de invernía. 

Pantallas de Xinzo de Limia. (C) Andregoto Galíndez, 2020.

No hay comentarios: