martes, 28 de octubre de 2025

Agochada á vista de todos: a complexidade dos castros galegos da Idade do Ferro

 

Castros e Pazo de Montes Claros (A Laracha) coa microtoponimia máis relevante indicada, tanto en cor preto como en laranxa.

Resultoume un pouquiño decepcionante o recente estudo de César Parcero Oubiña (et al.) titulado "Hiding in Plain Sight: Rethinking the Size and Complexity of Iron Age Hillforts in NW Iberia Thanks to Aerial Archaeology and Geophysics" (Archaeological Prospection, 2 de outubro de 2025). Nel utilizan as modernas técnicas de análise xeoespacial e da paisaxe (LIDAR, imaxes multiespectrais obtidas con drons) para reformular a idea do que era un castro da Idade do Ferro no noroeste, a partires do estudo de tres xacementos (Coto das Medorras - Frades; Montes Claros - A Laracha; Alobre - Vilagarcía de Arousa). O artigo enmárcase no proxecto HINTERLAND Reconociendo la actividad humana fuera de los castros de la Edad del Hierro del Noroeste ibérico mediante metodologías no invasivas, e polo que están a observar, os castros non se limitaban a ser únicamente croas, senón que adoitaban ter outras estruturas na contorna.

Non é que a investigación arqueolóxica que presentan sexa cativa, máis ben resulta moi interesante. Pero os autores non son capaces de concluír case nada sobre as estruturas agochadas que están a identificar, todo son posibilidades e case nada se concreta: hai posibles trincheiras ou gabias, ou aparecen trazas que non se poden interpretar. Realmente é tan difícil concretar algunha cousa? Ó que vou é que nalgún caso, como é o do Castro de Montes Claros, se tivesen estudado a microtoponimia que se recolle na folla catastral, atoparían nela a corroboración dos seus achádegos. Así sucede co microtopónimo Barreira, que aparece na zona onde cren ver restos dunha posible trincheira; ou cos microtopónimos Castros, Pereiro e Mota, que indican a situación doutros dous castros. Mesmamente na microtoponimia transparéntase a existencia de foxos (Foxes), do camiño de acceso (Calzada), a existencia de agras cecais de orixe protohistórica, etc.

A toponomástica sempre foi a disciplina auxiliar da arqueoloxía da paisaxe, e non se comprende por que agora se prescinde dela neste traballo, a non ser para prolongalo máis no tempo e ternos expectantes das conclusións sobre a paisaxe dos hillforts vinte anos máis, cando sexa demasiado tarde para deter o espolio da paisaxe galega que estamos a sufrir.

Mais non perdamos a esperanza: a arqueóloga Purificación Soto, responsable da excavación en Montes Claros, ven de informarme amablemente que o valeirado da toponimia da contorna do castro é un feito dende 2018. Coa súa participación no proxecto HINTERLAND mencionado esperan obter novidosa información sobre a paisaxe dos hillforts galegos, correlacionando os achádegos aportados pola investigación arqueolóxica coa información derivada do estudo da toponimia (e lendas) do enclave. Polo tanto, o que botamos en falla no estudo de Parcero Oubiña (et al.) resérvase como obxecto de estudo de futuros traballos de investigación do equipo deste proxecto HINTERLAND.

No hay comentarios: