domingo, 30 de enero de 2022

O nome da Vella: Mariana

A parroquia de Rúa (Xove) limitaba segundo o Catastro de Ensenada (1750) no seu extremo máis occidental na Cruz de Mariana, aí daba a volta cara ó leste. Sen dúbida, xa que aínda se manteñen os límites parroquiais, trátase dunha mención á estela antropomorfa que hoxe se coñece como Cruz do Pau da Vella onde limitan sete parroquias: Santo Isidoro do Monte (Xove), San Xiao de Castelo (Cervo), Santa María de Rúa (Cervo), Santaia de Budián (Valadouro), San Xoán da Laxe (Valadouro), Santa María de Vilacampa (Valadouro) e Santo André de Boimente (Viveiro). Atopamos, pois, o nome da Vella, ou un dos seus nomes, xa que tivo moitos... A identificación da Cruz de Mariana como a de Pau da Vella garante a identidade entre as dúas figuras mitolóxicas da Moura e da Vella.

O nome Mariana pódese clasificar dentro da ben coñecida familia de nomes que levan as mouras do noso folklore ou mitoloxía; Rafael Quintía sintetiza esta cuestión da onomástica das mouras, que adoita aparecer formando "tríades cuxos nomes son Laureana, Aureana e Ana; Xoana, Ana e Viviana, ou mesmo mouras con nomes como Oureana ou Ana Manana, cuxo nome contén por tres veces a significativa partícula ana" (Mariña: de deusa a santa, 2017). Vemos nestes casos o carácter polimorfo da antiga divindade. O seu nome, ademáis, parte dunha forma base ana, que ligamos ó significado de "nai" nunha lingua preindoeuropea presente tanto no turco anne como no hitita anna. Cecais o nome de Mariana sexa unha cristianización (solapamento dos nomes da Virxe María e da súa nai, Santa Ana), mais tamén pódese pensar que o nome destas dúas mulleres, María e Ana, foi tomado do da antiga divindade da natureza, a Vella Nai (Mari-Ana).

Pedra da Vella (Vinxeira Pequena - Culleredo), localizada por José Carlos Pino.
(C) Andregoto Galíndez, 2022

No estudo de Paulette Galand-Pernet, "Augures et pierres trouées: toponymie et légendes maghrebines" (Almogaren, VII, 1976), analízase a lenda da Vella de Acla que recolleu en Rabat no 1956. A lenda semella ter sido islamizada (nela a deusa chámase Fátima) mais presenta moitos trazos que a vencellan ós antigos mitos sobre a divindade da natureza:

  1. realiza multitude de tarefas pesadas
  2. é considerada unha santa: ten poder benéfico e de conceder favores
  3. a súa morte sucedeu arrodeada de lóstregos
  4. xunto á súa tumba érguese un penedo, onde ela sentábase adoito mentras vivía
  5. no penedo prácticase un culto litolátrico (arroxar pedriñas nun burato do penedo como bo agoiro se caen no burato)
  6. ten a capacidade de desprazarse a grande velocidade (episodio da viaxe á Meca, onde sempre vai diante do peregrino aínda que el camiñe ben rápido e ela non vaia dacabalo; episodio onde recolle o gando á noite nun tempo récord para unha distancia que serían necesarios dous días de viaxe para percorrela)
  7. pastorea o gando; é pastora
  8. ten toponimia asociada: agaras n tfQirt, "o camiño da Vella", tiziGt / tazrut, "o penedo da Vella"
  9. a súa tumba é lugar de peregrinacións ou romeirías o 10 de marzo, coincidindo cun cambio de ciclo estacional
Resúltanos moi significativo que na cultura bereber, pobo có que gardamos unha grande afinidade xenética, a figura mitolóxica da Vella comparta coa nosa tantas características. Entre elas destacamos que aparece vencellada ó gando, controlándoo, cualidade que xa tiñamos debuxado na entrada Vella Morta.

4 comentarios:

Unknown dijo...

Ola Dolores. No concello da Laracha hai outra pedra da Vella. Tamén hai un regho da Vella Morta e a Casa da Vella morta.
Apretas.
L.Masüs

Andregoto Galíndez dijo...

Pois hai que investigalo Masús! 😊 A casa da Vella non será un dolmen?

L. Masús dijo...

Parece, pero non é. Ou iso foi o que dixo un arqueologho.
Ten a lenda da Vella que levou a pedra na cabeza fiando cunha roca e dandollle de mamare a filla.
Bo día das candeas. Hoxe casan os paxariños.
Hoxe é candeeiro e mañán braseiro.
Apretas

Andregoto Galíndez dijo...

Ben, polo menos ten a lenda :)