domingo, 17 de abril de 2022

Boicentril

Hai certa discrepancia sobre a ubicación do castro que gobernaba o druida celta Boicentril, personaxe creada por Francisco Tettamancy na súa obra de 1912 titulada Boicentril. O druidismo e o celtismo gallegos. A epopeya irlandesa. Se foi chefe do castro de Cañás ou do castro de Ameás, ambos pertencentes ó concello de Carral e situados moi próximos entre eles.

Dicía o propio autor nos apéndices ó poema que "no promedio das parroquias de San Xoán de Sergude, San Vicente de Vigo e Santaya de Cañás (concello de Carral, provincia da Cruña) aséntase -xa máis adentro da de San Vicente- o Castro nomeado Boicentril. Conta a tradición que o moimento dito chámase d'este xeito porque n-él tivo a súa vecindade a familia arrotreba, cuxo xefe nomeábase Boicentril".

Se seguimos as indicacións de Tettamancy, o castro de Boicentril ha ser o de Ameás, que xa cae dentro da parroquia de San Vicente de Vigo (1). Doutra banda, non atopo estudos sobre o nombre do castro e o nome do druida, polo que deduzco que se considera inventado polo autor?  É falsa, entón, a tradición popular que refire Tettamancy, na que se atribúe o nome do castro ó nome do heroe fundador do mesmo?

Na nosa opinión non sería estraño que o autor versionase no seu poema unha breve lenda recollida na contorna, que explicaba o topónimo Boicentril polo nome do fundador epónimo do castro. Son moi frecuentes dentro da etimoloxía popular este tipo de explicacións, que no ámbito irlandés constitúen un xénero literario por se mesmas: o das dindsenchas.

Microtoponimia Boicentril e Penedo Boicentril ó redor do castro de Ameás segundo as fichas catastrais do Visor PBA da Xunta de Galicia. (1) Castro de Cañás, (2) Castro de Ameás.

A existencia do microtopónimo Boicentril no entorno do castro de Ameás lévanos a soster, por imperativo da evidencia, que esta obra de Tettamancy está baseada nunha lenda tradicional, como indicaba o propio autor; lenda na que se desenvolve o xénero literario das etimoloxías populares, fornecidas polo pobo sen moita máis base que o mito, e tan semellantes ó xénero irlandés das dindsenchas. O que si sería da colleita do autor é, na aclaración que fai, o etnónimo arrotreba, pois vemos imposible que se transmitise na tradición do pobo o nome dunha tribu de hai 2.000 anos mencionada polo historiador romano Plinio que non está nada claro se era correcto (ártabros ou arrotrebas?).

(1) Tal e como sostén Pablo Fernández Ans en Os Ans de Tellado. Xenealoxía dun apelido, 2017.

No hay comentarios: