Procederes improcedentes
Fai oito anos publicara neste blog unha interesante novidade sobre o mito fundacional máis antigo da Gallaecia (v. Hijos de las estrellas) conservado nun folio do chamado Códice de Roda do século X. Ata entón (2016), ninguén reparara en quen era realmente o protagonista masculino da Lenda de Septemsiderus.
- Para o seu primeiro editor, Juan Gil (1971), o texto non era máis que unha composición enigmática e disparatada, e a única aclaración que facía sobre o nome do protagonista era que tiña "resabios astrológicos evidentes". Traducíao como "Siete planetas", ligando o númeral 7 ás sete cabezas de Xerión. Engadía que o nome podería "encubrir alguna denominación popular". E así é, como se verá.
- Por su parte, Díaz y Díaz (Visiones del Más Allá en Galicia durante la Alta Edad Media, 1984) tras explicar o nome de Septemsiderus cecais en relación co de Septa (Ceuta) nos seus primeiros traballos, voltara neste a fornecer unha nova tradución, "siete estrellas", cuxo número aludiría ós fillos do personaxe; sen máis consecuencias.
- Patrik Lesbre ("Mythes d'origine préhispanique et historiographie médievale - Mexique central, XVIe siècle", en Les Généalogies imaginaires, ed. P. Ragon, 2007) repite as observacións de Gil no que atinxe á tradución ("7 planètes"), ás connotacións astrolóxicas, e ás sete cabezas da hidra morta por Hércules.
Como se ve, había unha completa desorientación e atasco epistemolóxico que non pasaba de ver no nome, como moito, resabios astrolóxicos (planetas e estrelas). Ningún investigador foi quen de averigüar, ata que publiquei eu no meu blog a entrada "Hijos de las estrellas" no 2016, que a tradución directa ó galego do nome Septemsiderus era Setestrelo. Unha vez dito semella doado e ata evidente, si, pero hai que velo primeiro.
Dita tradución latín-galego, da miña autoría, abriu un novo horizonte na eséxese do texto, no que atinxe as seguintes liñas de investigación que esbocei entón:
1. A relación do nome coa constelación das Pléiades, chamadas Setestrelo en galego-portugués. E tanxencialmente a relación coa lenda da Pita cos pitiños de ouro.
2. A relación deste mito fundacional de Gallaecia co nome que lle damos ó escudo de Galicia (Setestrelo), por levar tamén as sete cruces (estrelas) que representan as sete antigas provincias.
3. A posible orixe priscialianista (gnóstica, neoplatónica) da Lenda de Septemsiderus, que me levara a establecer a nosa orixe mítica, como pobo, nas estrelas; o que se anuncia xa dende o título do meu traballo ("Hijos de las estrellas").
4. A valoración positiva do noso primeiro mito fundacional, que deixou de ser un "disparate" típico dos cronicóns para se converter nun mito astral ou cosmogónico.
Anos despois publiquei un resumo do achádego no artigo "Dindshenchas, lendas
etiolóxicas toponímicas ou A1617
(“Origin of Place Name”).
Da etimoloxía toponímica
á mitoloxía da paisaxe" (SAGA. Revista Dixital de Investigación, 2022, px. 32-41).
Na Internet non hai, a data de hoxe, ningún outro traballo que amose que a tradución de Septemsiderus é Setestrelo. Se un procura estes dous termos non atopará máis que a entrada do meu blog.
Pois ben, con motivo do pasado día do patrón Santiago Apóstolo, publicouse un avance dixital, e de distribución limitada, dunha edición crítica da Lenda de Septemsiderus, verquida ó galego e ilustrada: Setestrelo. Fundador das primeiras cidades galegas. Pode verse aquí https://t.co/fjptDjCs5f
Tanto nos contidos que acompañan á tradución, como no desenvolvemento do aparato crítico (observacións e notas), os dous autores manifestan que a tradución de Septemsiderus como Setestrelo é descubrimento seu, amáis desenvolven pola súa conta as catro liñas de investigación (v. puntos 1 a 4) que esbozara eu no 2016, parafraseando ou glosando os meus contidos sen citarme.
Neste seu avance dixital referéncianse investigadores que teñen un peso específico nos estudos da lenda, como Juan Gil ou Díaz y Díaz, e investigadores que veñen un pouco a rechear a lonxitude do texto, como podería ser Lesbre. Isto é, cítase ata ó que asou a manteiga menos a min, a investigadora que deu co quid da "composición enigmática", grazas á cal foi posible comprender o alcance da lenda de Septemsiderus, xa bautizado dende aquela e para sempre como Setestrelo.
Exeria a estreleira. Fontes arcaicas da lenda
Mais o verdadeiro protagonista da Lenda de Septemsiderus (Setestrelo) non é el, como podería parecer, senón a súa muller Iheria (Exeria). Chamamos a atención sobre o feito de que o heroe fundador sexa mencionado como "maritus Iherie": el en relación a ela, a importante (non ela en relación a el, como ven sendo corrente agora). Quen foi esta Iheria? Ímolo ver.
O Códice de Roda (século X) foi sen dúbida, segundo averiguamos agora, unha das fontes de onde bebeu o rei Afonxo X para a súa Primeira Crónica Xeral (século XIII). Sabémolo porque na Primeira Crónixa Xeral cóntase a fundación de Caliz (Cádiz) na Historia da princesa Liberia, que ven sendo, segundo pensamos, a Iheria da Lenda de Septemsiderus.
No Códice de Roda vese que a lectura do nome non é doada, e o pau do h puido interpretarse como un l facilitando lecturas erróneas como Iliberia ou Liberia.
Fragmento do Códice de Roda: "Septem Siderus maritus de Iherie". (C) RAH.
Fragmento da Primeira Crónica Xeral: "nombre Liberia" (líña 4); "estrellero" usado como ástronomo (última liña). (C) BNE MSS/12837.
Seguindo a Delpeche, articúlase como un conto tradicional (seguramente o sexa), pertencente ó ciclo folklórico das probas matrimoniais ós pretendentes, ligado ó tema indoeuropeo do swayanvara. Liberia (en realidade Iheria, segundo pensamos) é unha muller que se caracteriza como "estrellera" expertísima, é dicir, astrónoma, que convoca ós seus pretendentes para unha proba matrimonial de carácter fundacional, na que terán que construír unha cidade e as súas murallas, unha ponte que sexa tamén acueducto, e calzadas.
Delpech analiza a difusión do tema das probas construtivas como probas nupciais, que chega ata á América colonial española, e destaca que nestes relatos o home ten só un papel operativo, de executor das ordes da muller, a que detenta o mando do proxecto civilizador e fundacional. O investigador atopa esta tendencia xinecocrática nos modelos míticos indoiranios, e nota que, pola contra, nas nosas crónicas medievais os homes adoitan ter o papel protagonista como heroes civilizadores. Tamén observa que nestas tradicións das probas ós pretendentes, ás veces asoma o vello concepto de divindade ou entidade feminina cosmogónica, presente por exemplo no folklore céltico.
Non é necesario aportar máis evidencias de que a astrónoma Iheria / Liberia, cuxo marido é Setestrelo (un asterismo ou constelación), forman a parella perfecta nun mito fundacional astral que presenta características moi arcaicas, e que entronca co foklore atlántico relativo á vella divindade creadora do mundo e civilizadora.
A Moura construtora cósmica.
(C) Dolores González de la Peña, 2023, para o musical inédito, "Rosiña", de Manuel Ruibal.
Observamos que a Lenda de Setestrelo (s. X) e a Historia da princesa Liberia (s. XIII) compleméntanse, aportando a última a información que lle falta á máis antiga, na que o papel protagonista da muller como divindade civilizadora - astrónoma (dona do cosmos) esfúmase e transfírese ó home.
Vladimir Propp (Las raíces históricas del cuento, 1974) tratara das empresas de fundación impostas como probas matrimonias (na epígrafe "El palacio, el jardín, el puente"). Nelas, segundo o autor, perfílase o home como heroe civilizador, ordenador do mundo, da organización social e das costumes dos seres humáns. Mais o que revelan as dúas lendas hispánicas que estamos a comentar, e Delpeche intúe, é que as peticións / encargo das tarefas proveñen dunha entidade feminina cósmica, que resulta ser a verdadeira creadora nunha concepción do mundo matriarcal (prehistórica).
A conexión que establecemos entre as lendas de Septemsiderus e a princesa Liberia permite entroncar, porén, co tema céltico da hierogamia sagrada, no que o matrimonio coa deusa da soberanía, trala superación das probas fundacionais, otorga a lexitimidade sobre o territorio. Tema ben coñecido e amplamente tratado na bibliografía (concretamente para o noso territorio, v. Rosa Brañas Abad, Deuses, heroes e lugares sagrados na cultura castrexa, 2000).
O conto folklórico como base das crónicas medievais
Cristina González estudara a imbricación dalgúns dos temas folklóricos dos contos populares nas crónicas medievais, sendo a principal materia prima coa que se construirían estas ("Salvajismo y barbarie en la Estoria de España", NRFH, 1992). Entreles, a loita co dragón; pero non tratara das probas matrimoniais, que na nosa opinión son o tema que permite clasificar a historia da princesa Liberia como lenda fundacional de carácter astral, e ó tempo, categorizar os contos populares que tratan deste motivo tamén como lendas cosmogónicas fundacionais (mitos).
No cadro anterior podemos ver como o tipo de conto marabilloso das probas ós pretendentes reflicte un mito fundacional de tipo astral (ás veces a protagonista se amosa como filla do sol ou ligada ós astros ou ó ceo), datable na prehistoria. Dito argumento tería pervivido ata integrarse nas crónicas medievais; a partir da última podemos comprender mellor a lenda de Setestrelo e Iheria, e ver como desaparece o protagonismo da muller fundadora en prol do seu marido, que ata herda a cualidade cósmica da dona (estreleira) no seu nome.
No hay comentarios:
Publicar un comentario