sábado, 28 de noviembre de 2020

Listaxe de palabras... de Francisco María de la Iglesia

 

(C) Arquivo da Real Academia Galega (ES.GA.15030.ARAG/2.10.2.2.2.//Caixa 103-81). Biblioteca Galiciana.


Anello - becerro anellado, sacado da teta.

Anellar - muxir dun día a outro.

Fornela - gateira.

Medoña o modoña - terreno en medio do labradío que non se pode labrar.

Agro - contío - tarreo en que hai varias heredás.

Freiría - terreno [?] de terrenos. Nota: semella unha agrupación de terreos de varios posuidores, coma o termo anterior.

Abrolido - [?] de terreno. Nota: v. Du Cange, BROLIUM, "silva muris aut sepibus cincta", é dicir, unha forma de bocage.

Azonge - id. cerca de la iglesia. Nota: v. azougue no Diccionario de Diccionarios. E no Padre Sarmiento: arabismo, "foro / mercado" ("Sobre el origen de la voz Azovejo").

Gurita - camino estrechísimo entre dos montañas o magarróns [mugarróns?].

Escano - tomba - cadaleito.

Os Castros de Oxén (Sobreira - Vilamarín)


Límites do Couto de Vilaseco (San Cristovo de Cea) segundo unha carta do século XVIII feita por Juan Antonio de Otero. (C) Arquivo do Reino de Galicia (ES.GA.15030.ARG/1.1.1.2.3.1.2.10.Caixa 1478-17//RA 201) - Biblioteca Galiciana.

Chamamos a atención sobre a importancia deste manuscrito onde se detallan as características dalgúns petróglifos de termo, así como a existencia de dous castros aínda sen inventariar (sinalados cos números 12 e 13 dentro de dous circuliños próximos e unidos por unha calzada ou congostra - nº 14). Dase conta, tambén, dun posible megálito descrito como "orca" e que se debuxa cuns trazos de cor vermella  na interseción viaria dos camiños, un deles procedente da Ponte Mandrás (tambén debuxada). O documento é un pleito sobre o dereito a ter insignia de jurisdición ou forca, para a que se podería ter aproveitado un megálito existente no lugar.

Detalle dos dous castros coa congostra entreles e, ó leste, os Penedos dos Fíos có petróglifo da cruz de termo.

Respecto ós petróglifos de termo, destacamos que nos debuxos vense laxes con cruces inscritas, nalgún caso cun burato ou cazoleta no medio, e, noutras ocasións, acumulacións de penedos coas cruces grabadas. No texto manuscrito infórmasenos de que ás veces as insculturas van acompañadas de letras iniciais, o que na nosa opinión achega estas cruces ás cruces que aparecen grabadas nas pedras centrais dos seles gandeiros, que non son cruces cristiás, senón indicadoras dos puntos cardinais.


A toponimia mencionada no manuscrito, e que temos identificada polas fichas catastrais, sinalámola sobre o mapa do Visor PBA da Xunta de Galicia (Capa do Vóo Americán): A Martinga, Cova de Atán, Cecín, Fíos, Castro, Castriños, Castros.

miércoles, 25 de noviembre de 2020

Aterrazamentos e camiño do castro de Subiña (Dexo - Oleiros)

Primer aterrazamento castrexo na croa, con muro de contención no seu límite, do recinto fortificado de Subiña ou Castro da Vixía ou da Atalaia (Dexo - Oleiros). (C) Dolores González de la Peña, 2020.

 


Camiño perimetral do Castro de Subiña, que no seu percorrido acada ás veces gran profundidade. 
(C) Dolores González de la Peña, 2020.

Subiña < Sub pinna, en alusión á vixía, atalaia ou castelo, xa que viñas non hai. Nesta proposta, restaríanos explicar a palatalización da xeminada nn, que non simplifica, como é norma no paso do latín ó galego. Atopamos nos corpora habituais unha grafía que podería sustentar a hipótese da palatalización: "illa pinea de Frankaria" (1025, Celanova. Fonte: CODOLGA)

Partes de la casa rural / Francisco María de la Iglesia

     Antecasa

Quinteiro

Curral e curraleira


    Cociña ó nacente

Lareira

Unllar

Borralleira

Gramalleira có seu pau ou burro

Banco de respaldo

Caixón do leite e

Caínzo para curar castañas

Leito en forma de cubículo

Rilleira, cabeceira e teiteira

Selleiro

Alzadeiro

Caneiro das farramentas o tabique del andamio al cual se adosa el selleiro y alzadeiro

Lacena có cravo do candil


    O poente

As cortes ou cuadrias coa barrela de caínzos con uchas e algunha cama

Arrimos ou alpendre, alpendrón

Alboyo, bodega, palloza


Hórreo

Cabazo, cabanas


(Francisco María de la Iglesia: ms. s. XIX, Modismos, Biblioteca Galiciana).


domingo, 22 de noviembre de 2020

A fada da fonte da Selva Negra (Santiago de Compostela)

Atopamos e recuperamos un conto olvidado que explica o misterio que arrodea a fonte do parque da Selva Negra de Santiago. De paso tambén descubrimos o posible nome da fonte.

O conto podería titularse de moitas formas: A encantada da Fonte Formiga, A tendiña da moura da Selva Negra, etc. pois nel aparecen xuntos varios dos motivos que se desenvolven no folklore das mouras, e ata do Ciprianillo. O máis salientable, na miña opinión, é o da fada encantada no cano dunha fonte, xa coñecido dende polo menos o século XIII na alusión no Poema do Cid a Elpha, encantada nos caños dunha fonte; todos eles entroncan có folklore eslavo das rusalski e o grego das nereidas.

A miña transcrición non é perfecta pois o conto, de finais do século XIX, ven nun dos manuscritos de don Antonio de la Iglesia (Folk-Lore gallego : os aparecidos - Biblioteca Galiciana), e o autor tiña o costume de facer abondosas anotacións marxinais, interlineais, rectificacións... Aínda así, penso que o resultado é bastante respetuoso có orixinal.

Fonte Formiga no parque da Selva Negra (Santiago de Compostela).
(C) Compostela24horas.com

A encantada da fonte Formiga - Selva Negra

Antonio de la Iglesia

No monte Pedroso, arriba do Xesto, Selva Negra ou Carme do Monte, hai unha fonte encantada que lle chaman a Fonte Formiga. Alí apareceulle moitas veces ós meus pegureiros unha madama formosísema sentada na campiña [?] do manantial cunha tenda de arrastro ante sí, de relumeantes e bonitas cousas: tixeiras, canivetes, navalliñas, alfergas, agullas, agulleiros, cañoteiros [nunha marxe: brazaletes, arracadas, pendentes, sortellas, botonaduras...]; todo de prata, ouro, marfil e diamantes, enriba duns grans tapices de ouro e sedas brocados de brilantes e de pelras de enfinito valore.

A tendeira formosísema perguntou millóns de veces ós meniños que era o que máis lles gustaba daquela tenda, para regalárllelo. Todos  [...] arregalaban ben os ollos para escoller, e todos salían [?] coa pata de galo decindo, verbi gratia:

-¡A min as tixeiras!

-¡Pois que che quiten os ollos con elas!

E enseguida desaparecía a tenda e maila tendeira como se fora un relámpago.

Os bobalicóns non coñecían que sendo a tendeira máis garrida e preciosa que todo aquel riquísimo telderete, á tendeira debían invocar, e non a ningún dos chismes, por bonitos e caros que fosen os que na tenda tiña apresentados.

Se escollesen a tendeira, quedábana desencantada a aquela dama formosísema, con todas as riquezas que posuía, que eran moitas máis que as presentadas, facendo a esta dichosa, e a un home poderoso e feliz, pois que todo aquel aparauto era solo unha mostra dos tesouros encantados que a fonte Formiga enzarraba, propiedade da formosísema dama, que non era outra que unha das boas fadas de Galicia que no encanto da fonte se aprisionaba.

[...] nas inmediacións desta fonte, un colosal e resprandecente carneiro de ouro macizo.

¡Dios te críe para ás boas fadas!

viernes, 20 de noviembre de 2020

Ramo da fin da sega, rabo da raposa ou cruz das nove frebas

 





















Supersticiones en la Mariña de Betanzos

"Comiénzase la siega por el primer surco que se comenzó a sembrar. Al llegar al último surco se cuentan las últimas nueve cañas llamadas frebas, y con sus nueve espigas se forma una cruz entrenzando sus pajas en esta forma; y esta cruz se coloca con las de los años anteriores colgando por la parte interior de la puerta como amuleto para que no entren las meigas con el grano. A esta cruz de espigas de trigo por Melide se le llama unha raposaEstas nueve cañas de trigo deben ser cortadas con la mano izquierda y son la señal o ramo del gesto o fin de la siega" (Francisco María de la Iglesia, "Costumbres", ms. en Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia).

Este ramo é coñecido en Miranda do Douro como ramo da segada, ramo da raposa, raposo ou rabo da raposa (Museu da Terra de Miranda), e ten unha forma diferente, ó se facer con moitas máis espigas.

Rabo de raposa. (C) Museu da Terra de Miranda.

Fonteculler, Chafariz da Colher

O cullerón da fonte do mosteiro de San Lourenzo (Carballeira de San Lourenzo - Santiago) por don Antonio de la Iglesia:

"[...] as armonías do caer das augas da copiosa fonte, daquela fonte fresquísima que tiña no marco da súa porta, preso por unha cadea, o cullerón de ferro para vervizo do sedento visitante [...]" (A rejuba* de San Lourenzo : costumes folklórecos d'o país, 1888. En Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia).

Do que se deduce que os hidrónimos tipo Fonteculler (Culleredo) virían motivados tambén pola existencia en tempos pasados dun destes culleróns comunitarios para beber, tan pouco hixiénicos e que deberon ser bastante correntes nas fontes públicas. Non terían que ver, polo tanto, coa acepción de culher coma "cágado ou cría da rá"; hipótese que se ten barallado ó respecto da motivación destes hidrónimos.

Cabeza Quiles (Toponimia de Galicia) atopa dous casos máis nos que se documenta o cullerón nas fontes:

  • Na Gran Enciclopedia Galega, Antón Fraguas (sub "fontes") testemuña o feito de que na romaría de Augasantas (Cotobade) os romeiros servíanse da gran culler de ferro da fonte santa, para beber e se lavar.
  • El mesmo chegou a ver na romaría bergantiñá de San Fins de Castro (Cesullas) as dúas culleres de ferro penduradas ó carón do cano da fonte santa.

Chafariz da Colher - Porto. (C) Wikipedia.

O Chafariz da Colher de Porto ven verquido ó castelán como "Fuente de la Cosecha" na Wikipedia, baixo a presunción de que colher era o nome que tiña o imposto colectivo có que se fixo a fonte. Notamos o perigo da moda de facer traducións dos topónimos seguindo unha ou outra proposta etimolóxica, que a maioría das veces non son outra cousa que hipóteses sen contrastar: *Fuente de los Renacuajos? *Fuente de la Cosecha? É necesario respetar o nome na súa lingua orixinal ata onde sexa posible fixar a forma, xa que é a base para aproximarse ó seu significado e, dende el, á historia. O significado poderá fornecerse con máis ou menos seguridade, mais non se pode constituir en variante do topónimo verquido a unha outra lingua, sobre todo cando non exista tradición que avale o dobre nome.

* O autor emprega sempre esta grafía, que agora se ven considerando reintegracionista.