As Jornadas celebraranse o 6 e 7 de maio. Non é necesario inscribirse pero apurádevos na reserva de aloxamento, pois o pobo non é moi grande e poderiades quedar sen pousada.
Toponimia prerromana, hidronimia paleoeuropea, etnografía, megalitismo e arte rupestre. Se chegaches aquí por Google e non te levou á entrada que procurabas, volta a repetir a búsqueda dende Bing! ou usa o buscador interno do blog. Grazas!
domingo, 23 de abril de 2023
Pondal en clave política nas XI Jornadas Galego Portuguesas de Pitões das Júnias
sábado, 22 de abril de 2023
A cidade asolagada da Capelada (Cedeira)
Contaba Federico Maciñeira no Almanaque de Ferrol (1907) que sobre os altos de Teixido existía unha pena que segundo as supersticións populares enxendraba os malos ventos que danaban os cultivos, polo que se fíxera unha rogativa con procesión das xentes para lle colocar no cumio unha cruz de ferro que aplacase o vento. Preto deste penido dos ventos, continúa don Federico, había varios túmulos dolménicos e alí mesmo os naturais da comarca supuñan a existencia de lexendarios pobos afundidos nas lagoíñas da penichaira.
viernes, 21 de abril de 2023
Moraime: un haxiotopónimo baixolatino
Unha das dúas posibilidades que expuxera o profesor Martínez Lema sobre a etimoloxía do topónimo Moraime fora a de consideralo unha formación híbrida a partires do radical prelatino *mor- / *mur-, "monte, elevación rochosa" mailo sufixo latino -amine, de carácter abundancial. Segundo o investigador, "dada a súa constitución lingüística híbrida, a forma *MORĬAMĬNE estaría a evidenciar a rendibilidade léxica desa base *mor- / *mur- en plena época latina ou protorromance" (A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do Tombo de Toxos Outos (séculos XII-XIV), tese de doutoramento, Universidade de Santiago, 2010).
Pese ó argumento, pode observarse que dito sufixo entrou na formación de derivados maiormente de base abstracta e sempre de orixe latina: examine, gravamine, iubamine, ligamine, inspiramine, fundamine, velamine, piscamine (CODOLGA).
Entre estes, destacamos o abstracto moderamine, "temperanza, moderación", que perfectamente podería ser a orixe do topónimo Moraime: mo(d)eramine > Moirame (doc. Moyrame no 1134), de onde se tirarían as distintas variantes (Mouramia, Moriame), ata chegar ó Moraime actual.
Friso dos anciáns no tímpano da porta occidental do mosteiro de Moraime. (C) Dolores González, 2016.
Consideramos esta proposta etimolóxica moi apropiada ó estar vencellado o topónimo ó nome do mosteiro de San Xiao, pois é que a temperanza (moderamine) como virtude cristiá ben puido motivar a designación da congregación de frades. Temos un caso semellante no de San Cibrao da Pregación (do latín praedicare), aludindo a unha das actividades principais do cristianismo, a de adoutrinar.
miércoles, 19 de abril de 2023
Pregordo (Perogordo) e algúns Pedros toponímicos
sábado, 1 de abril de 2023
Caroliño e Coto de Arcas - Brañas do Torreiro (Cerceda)
martes, 14 de marzo de 2023
Teiadaulfi, Teimende, e outros topónimos en tei-: os tíos e as tías na toponimia galega
Unha vez amosado por parte de Miguel Costa que o segundo elemento dos topónimos compostos Tadoufe (medieval "Teiadaulfi"), Teibade, Teimende... son nomina possessoris (Umha de celtas: Casa e Estábulo, blog Fror na Area, 2010) imos revisar o primeiro elemento, pois consideramos que é máis apropiado ó contexto dos posesores remitilo ó latín tii - tie xenitivo de tius - tia, "tío - tía", título familiar de respecto ben documentado no noso corpus medieval: nun documento do ano 863 "et de Termino thii mei Lelibici usque in termino thie mee Fredenande" (Lugo).
- Tadoufe < Teiadaulfi < Tii Adaulfe, propiedade "do Tío Adolfo".
- Teibilide < Tie Bellite, en referencia a unha propiedade "da Tía Bellita", nome feminino documentado dende o ano 997.
- Teicide < Tii Cide, propiedade "do Tío Cid". Nun documento do ano 1106 aparece un "Tio Citi".
- Teinande < Tie Fredenande, propiedade "da Tía Fernanda" (exemplo xa citado, do ano 863).
- Teimende < Tii Menendi, propiedade "do Tío Mendo" (nome propio Menendus ben documentado como hipocorístico de Hermenegildus).
- Teilor < Tie Gelvire / G(e)loire, propiedade "da tía Elvira / Gloria". Nun documento do ano 1146 aparece mesmamente o comunísimo antropónimo feminino Elvira / Gloria como nome da tía da que o doante herdou a propiedade: "tia mea Gelvire" (Braga).
domingo, 12 de marzo de 2023
Flamosus = Chamoso, un derivado do prerromano lama
A palatalización espóradica do l- inicial latino ou prerromano nun son africado ch ou ts, semellante á che vaqueira do astur-leonés, documéntase dende a formación do galego como lingua románica, a meados do século VI.
Constátase na toponimia Chaguazoso (Ourense) como equivalente de Chagozos e Chagüezos (Asturias), os que se consideran derivados provintes do latín lacum, "lago" (v. García Arias, e Xulio Concepción).
No léxico galego temos chagorza, que Aníbal Otero define como "Poza, charca, en Mercurín; lagorceira, con hierba por el medio, en Córneas. La africación de l está atestiguada por la toponimia: Chamoso. Alaguar, alagar, en Maderne" (Vocabulario de San Xurxo de Piquín, 1977).
No Diccionario normativo galego-castelán de Boullón, Monteagudo e García Cancela, defínese chaguazo como "lugar encharcado donde abunda el agua", termo que nomea tamén á "planta, mata pequeña que nace en el agua, semejante a la jara". Chaguazoso é, segundo a mesma fonte un "terreno donde abunda el agua durante casi todo el año. Augacento. Brañento".
Vemos, porén, que a etimoloxía comparada entre o galego e o astur-leonés, as acepcións dos dicionarios dos termos chagorza, chaguazo e chaguazoso, maila indicación de Aníbal Otero respecto á africación do l-, levan a considerar que esta serie de nomes proveñen do latín lacum, "lagoa", máis sufixos derivativos, aumentativo e abundacial: -azo + -oso.
Sentado un primeiro precedente para a africación esporádica do l- inicial en galego, resta ver se hai algún caso máis. Segundo pensamos, e semella que Aníbal Otero tamén o cría, o topónimo Chamoso podería ser un derivado do termo prerromano lama, "barro, terra húmida", coa africación do l- inicial que estamos a comentar. Chamoso documéntase no ano 569 como nome dun dos comitatus ou condados altomedievais nos que se fragmentou a Gallaecia Lucense. O seu límite territorial iniciábase no punto no que o río Neira entraba no Miño, sobre O Páramo (Lugo): "comitatus Flamosus" "oritur ubi intrat flumen Neira in Mineo".
A grafía medieval Flamosus (Chamoso) daría conta do resultado africado palatal xordo do l- inicial de lama, ó equiparalo co resultado ch procedente do grupo fl- latino (flamma > chama, "lapa"). O escribán estaría escoitando a pronuncia africada Chamoso e na escrita restituiría a grafía que el cría etimolóxica, pois xa daquela os grupos cl-, pl-, fl- terían evoluído cara o son africado palatal xordo ch (clamare > chamar; plorare > chorar; flos, floris > chorima).
Esta hipótese serve para establecer, no que atinxe á lingua galega, a palatalización do l- inicial e, indirectamente, a dos grupos pl-, cl-, fl- nun son africado palatal xordo nunha data anterior ó ano 569, cinco séculos antes das primeiras probas aportadas por Menéndez Pidal (Orígenes del español) para o ámbito castelán e leonés: nestas linguas a palabra latina clausa aparecía na documentación medieval como flausa, plosa e flosa; o verbo latino adclamare aparecía como aflamasen; planum como flano, etc. Estes casos de ultracorreccións probarían, segundo o mestre, que nos séculos XI e XII xa existía nestas linguas a evolución cara ll dos grupos pl-, cl-, fl- iniciais. O Flamoso [Chamoso] galego documentado no ano 569 ven sendo outro caso de ultracorrección que nos serve para plantexar consideracións semellantes ás de Pidal e, porén, remitir o fenómeno de palatalización dos grupos pl-, cl-, fl- na diacronía do galego ós remotos inicios da formación da lingua, cara finais do século V.








