A recente descoberta por parte das asociacións Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo dun novo xacemento da Idade do Ferro precedido dun impoñente foxo no lugar da Maradona, nun espolón entre o Masma e o Rego Puxigo (San Xusto de Cabarcos), ó sur de Celeiro de Mariñaos, e que podería conter os restos do que parece unha sauna castrexa, lévanos a falar deste curioso arqueotopónimo, e non de fútbol...
Nós témolo atopado como nome duns túmulos no concello de Cerdido coa forma deturpada Maria Dona (A Barqueira Vella). Ten resonancias co topónimo histórico galego Castellum Meidunium e co sustantivo medoña, "túmulo funerario".
O topónimo céltico bitemático Maridunum ou Moridunum penso que ven do antigo europeo e o seu significado sería o de "gran túmulo ou colina artificial", cun primeiro formante que ten o seu cognado no inglés more, "great", tal e como sinalaba Pulman (The Book of the Axe, 1865, px. 62), sendo o segundo o ben coñecido dunum, "elevación de terra". Os seus descendentes atópanse no ámbito galés, hoxe baixo a forma Caer Myrddim, onde se cre naceu o druida Merlín. Curchin (1) tambén cita o galego Morodon (topónimo histórico mencionado polo Anónimo de Rávena no século VII) como equivalente de Moridunum (Gran Bretaña), aínda que considera ós primeiros formantes como procedentes do céltico *mor(i)-, "mar", o que non é aplicable ós nosos Maradona ou Maria Dona, de aí que aportemos como suxestión o devandito étimo paleoeuropeo *MOR-, "grande".
No hay comentarios:
Publicar un comentario