Máscara romana de Lugo - Sala Porta Miñá. (C) Dolores González de la Peña.
A orixe última das típicas máscaras teatrais greco-romanas, como a que ilustra esta entrada, atopada na cidade de Lugo, é unha incógnita. Pénsase que as primeiras se farían de materiais perecedeiros antes de pasar á cerámica. Hay algún estudo que tenta explicar a funcionalidade desas chamativas bocas enormes e deformes das máscaras, como caixas de resonancia que servirían para proxectar a voz dos actores (Thanos Vovol, "Acoustical Masks and Sound Aspects of Ancient Greek Theatre").
Nós imos explorar unha outra posibilidade, xa que o aspecto da máscara de Lugo, e tamén o das máscaras gregas clásicas, lembra moitísimo á careta de filloa que cubría o rostro do choqueiro, personaxe do Antroido galego. Segundo Picadillo "el "choqueiro" [...] viste generalmente de señora, y le sirve de antifaz, bien una "filloa" o bien la piel de un conejo o liebre" (Centro Gallego: órgano de la colectividad gallega en el Uruguay, nº 9, 1918). Hai algunha outra testemuña antiga, e tamén actual: o amigo Pancho Gallego infórmame de que non fai moito un tío seu púñase unha filloa cos seus furados como máscara, para embromalos, e Eloi dos Freiría indícame amablemente que a filloa tamén adoita ser máscara do choqueiro bergantiñán.
A máscara de filloa que sostén o neno pintado por Godfried Schalcken amosa o xeralizado do costume. Como a careta de cerámica de Lugo, ten unha enorme boca e unhas cuncas oculares tamén bastante grandes, o que ven xustificado pola escasa consistencia do amoado, que tende a deformarse. Coma vantaxes das máscaras de filloa temos que sinalar que se adaptan ó rostro como se fose unha segunda pel, e resultan moi asequibles e doadas de facer. A súa textura de pel seguramente foi determinante na elección deste material para a construción do character dramático, a personaxe.
Suxerimos, pois, que a forma das clásicas máscaras teatrais gregas en cerámica é esquevomórfica*. A súa cor semellante ó da pel, a deformidade dos furados para boca e ollos e o contorno completamente arredondado, teñen a súa xustificación na imitación de antigos modelos de máscaras feitas cunha masa de fariña e auga, modelos que aínda se conservarían nas caretas de filloas do choqueiro do Antroido galego.
A máscara de Porta Miñá, quen sabe se pertencería xa a un choqueiro galaico-romano...
* Serafín Moralejo: esquevomorfismo é "la presencia en un objeto de rasgos formales que carecen de motivación en relación con sus funciones o condiciones de su producción y que tan solo pueden explicarse como atavismos". Julio Caro Baroja: "adaptación de una forma impuesta a un objeto por el material con que está construido, a otro objeto análogo pero fabricado después con material diverso".
No hay comentarios:
Publicar un comentario