Segundo Antonio M. Castaño Fernández (Los nombres de Extremadura, 2004) o topónimo Millán viría do nome propio de orixe romano Aemilianus, en caso xenitivo de posesión (Aemiliani > Millán), por ser a vila propiedade dun cidadán romano chamado Emiliano. Os restos romanos do concello das Casas avalan esta etimoloxía: a ara romana encastrada na ermida de Tebas, a excepcional "columna visigótica" que é máis ben tardorromana, como xa temos exposto no blog ("Ara cristiano romana de Casas de Millán", Arqueotoponimia, 2012), e os restos romanos achados na finca da Matilla aproximadamente nos anos 50-60 do pasado século, ou cecais antes, e que hoxe están en paradoiro descoñecido, sen que se poida saber exactamente que pezas se atoparan (información fornecida por meu pai Domingo González García cando eu era ben cativa e case que non prestaba atención a estes detalles).
Ara romana das Casas de Millán (ermida de Tebas).
Moi preto do pobo, é ben coñecido que discorría a calzada romana da Vía da Prata, cuxo firme e amplitude aínda poden contemplarse preto da casa rural "Los Canchales" (Pedroso de Acín). O trazado da calzada aproximadamente ía por onde a estrada nacional 630 no tramo Cañaveral - Puerto de los Castaños. O que resulta moi novidoso é a posibilidade que imos expoñer do desdobramento da calzada en Cañaveral.
Nos "Cuadernos Interiores" do IGN vese que un pouco máis arriba dos Paradores da Estación de Cañaveral saía un outro ramal da calzada cara ó leste, que semella achegarse ó pobo das Casas pola finca da Matilla (actual instalación fotovoltaica de Zelestra), e que logo, polo camiño vello das Casas a Grimaldo, que parte da igrexa, se incorporaría de novo á calzada principal. É dicir, este desvío bordearía a serra de Santa Marina polo sur, e explicaría o enclave de Cáceres Viejo no cumio do monte de Santa Marina como posto romano de control e observación desta variante. Cabe tamén a posibilidade de levar esta variante por Mirabel, ben polo vello camiño das Casas a La Moheda, ben polo Puerto de Mirabel. Na nosa opinión, a ubicación estratéxica neste paso do castelo de Mirabel, que aínda que edificado no século XV, asentábase sobre outra construción previa, asegura a importancia desta vía de tránsito.
No hay comentarios:
Publicar un comentario