sábado, 5 de septiembre de 2020

Fitas, figas e figueiras

"et inde ad petram Scriptam que est ad Figeiram de Sudres, et inde ad fontem de pomerio de Sudres, et inde ad unum marcum qui stat in cima de Bauza iusta unum carualum" (CODOLGA: Sobrado, s.d.). Xudres, A Cabana - Ferrol.

O xeógrafo Pedro J. Ripoll Vivancos, que temos xa citado no blog ó respecto do seu estudo sobre a falsa fitototoponimia do tipo Membrilleja (derivado en realidade do latín mamulilla, "pequeno túmulo, mámoa" > *mambrilla -> Membrilla, etc.), que non ten que ver cos marmelos (membrillos en castelán), sostén e amosa nun outro estudo de 2014, Higueruela: cuando la Higuera puede no ser un árbol, que este tipo de topónimos poderían remitir ó verbo latino figo, figis, figere, fixi, fixum, "atravesar", vencellado semánticamente ós límites territoriais, e de cuxo participio, nas dúas variantes coñecidas, proveñen os nomes que reciben os marcos nas linguas románicas: finsu en asturiano, fito en galego. Unha Figueira toponímica sería, entón, unha liña de fitos de demarcación. Neste senso a documentación galega aporta o uso sistemático das formas personais do verbo nos documentos de deslinde medievais. 

No documento de Sobrado que citamos ó principio, o contexto de deslinde pasaría, logo, por dous lugares denominados con falsos fitotopónimos: Figueira e Pomerio, este último tambén estudado no blog (Pomerium: paraíso y jardín) como falso fitotopónimo que non ten que ver coas maceiras (árbore). Nada máis lóxico, porén, que o deslinde percorra unha liña de marcos e se achegue ata o pomerio (área que circunda un asentamento) de Xudres sen traspasalo. Convén notar que o tratamento sintáctico de Figueira e Pomerio, xa topónimos, é distinto do que recibe o carballo que se menciona ó final, verdadeira árbore apresentada como nome común indeterminado.

Ó examinar os dous participios que coexisten no baixolatín fixum / fictum, poderiamos supoñer tambén unha forma bárbara *ficum, de onde *figo / figa e o seu derivado *figueira, "liña de marcos que percorre ou atravesa pola linde". A suposta forma *figo / figa recuperámola como real refacendo a etimoloxía do xesto coñecido polo nome de figa, que non tería que ver cos figos (froito), senón co feito de que nesta figura a mao pechada móstrase perforada (verbo figere), atravesada polo polgar, dunha forma que indica o que se desexa que lle dean ó interlocutor a quen se dirixe tal obscenidade.

Nun artigo de Eduardo Lence Santar publicado no diaro El Compostelano (30-3-1938) descríbese o campo de bolos, no que una pedra chamada fita ou fingueira marcaba o punto de saída dende o que se tiraba a bola.


No Catastro de Ensenada (parroquia de Sésamo - Culleredo) fálase dunha pedrafita de límite no monte de Figueiras.



No hay comentarios: