sábado, 4 de julio de 2020

Percepción da cor da capa do gando vacún en Galicia: os 28 nomes e as 28 cores


Listamos os vintaoito nomes e engadímoslles vintaoito cores ás capas simples, isto é, sen mesturar, do gando vacún galego. Non temos en conta os nomes das capas que teñen pintas ou franxas doutras cores, ou presentan no fociño, na fronte ou nas patas outra cor que no resto do corpo. Fonte: elaboración propia a partir dos nomes e explicacións fornecidas en O Libro da Vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún (Benavente Jareño e Ferro Ruibal, Xunta de Galicia, 2010). Nota: teixa ten dous valores cromáticos distintos na miña fonte.

Asemesmo, o aspecto saudable do gando vacún reflíctese con moita frecuencia co uso por parte dos donos dos animais dos termos lucido e nidio. Ámbolos dous con semas vencellados ó brillo radiante e lustroso do pelo das vacas, máis intenso canto máis oscura é a capa de cor.

De seguro que existen máis termos que nomean a franxa cromática continua que vai do branco ó negro nas gamas das cores naturais das capas do gando vacún, e que aínda están sen recoller.

O feito de nomear un segmento cromático pertencente ó continuum de cores implica individualizalo e distinguilo do resto; esa cor é relevante e culturalmente pertinente para unha comunidade. É ben coñecido que o factor cultural determina a percepción das cores, ou dito doutra forma, que coa linguaxe fórmase o pensamento e unha cultura común. Vou poñer o famoso exemplo das linguas da familia esquimo-aleutiana, que distinguen mediante catro palabras diferentes uns feitos para nós irrelevantes: aput é a neve cando xa caeu no chan; qana é outra cousa moi distinta, a neve cando está caendo; piqsirpoq é a neve dunha ventisca axitada polo vento, tambén outro referente que non ten que ver coas outras neves; qimuqsuq é a neve acumulada nun ventisqueiro (Franz Boas, 1911, Handbook of American Indians Language). Para nós todo é "neve", para eles non.

O mesmo pasa coas cores, tanto na súa individualización como nas consideracións culturais que as inclúen nunha ou noutra gama: o inglés blue, "azul", provén do mesmo termo que deu en serbocroata plavi, "de cabelo loiro". Outro caso ven na táboa de arriba: loura e loureira teñen dous valores cromáticos moi diferentes na mesma lingua, o que nos leva a prantexar que o máis antigo é o da cor máis oscura e intensa, semellante á cor do loureiro (laurus). Como se xerou o outro?

Sandra Busatta no seu artigo "The Perception of Color and The Meaning of Brilliance Among Archaic and Ancient Populations and Its Reflections on Language" (Antrocom Online Journal of Anthropology, 2014) trae o exemplo dos gandeiros Xhosa, de África, que non teñen nomes para a cor verde ou azul, e sen embargo teñen vintaseis nomes diferentes para as cores do seu gando, segundo Magnus. Nós gañamos por unha ou dúas, e deixando fóra, como dixen, unha gran chea de nomes que designan as capas mestas.

Doutra parte, sinala a autora que todos os investigadores manifestan que atopan dificultade en entender como se artellan nestas culturas dos cattle breeders africáns as cores e a linguaxe gandeira: non é doado saber se previamente houbo un léxico de cores que se aplicou ó gando ou se o léxico do gando creou os nomes das cores. Nós podemos apuntar que é mellor hipótese de traballo a segunda: así funciona en Galicia, onde tanto a cor do cabelo da muller como o aspecto xeral da súa pel noméase polas cores das capas das vacas aínda hoxe. A ver se damos quitado ese costume e deixámolo para o estudo dos antropólogos como fenómeno etnográfico arcaico, que non somos gando!

No artigo de Busatta, discútese tambén a importancia que no pasado tivo o aspecto brillante, lustroso, luminoso, radiante, vivo e saudable dos seres e dalgúns elementos como a auga ou o lume, frente a cor dos mesmos, que se consideraba unha característica moi secundaria. Na miña opinión, a importancia do factor luminosidade explicaría o desprazamento dalgúns nomes dunha a outra cor, según se considerasen máis ou menos brillantes baixo o avatar dun determinado valor cromático (así o caso de loura / loureira xa comentado).

Logo préstalle moitísima atención a "The problem of the blue-green color". O problema de como xurden estas cores ten un punto de partida que Busatta non menciona, son cores que non son propias do gando (aínda que si están na Natureza). O azul e o verde tambén están ausentes da paleta de cores da arte rupestre paleolítica, e da lingua dos gandeiros Xhosa. Non son as cores do gando, logo non estiveron entre as primeiras cores culturalmente percibidas nas sociedades gandeiras. A cor da herba foi completamente irrelevante para eles, así como a do ceo: "non cores" que non era preciso distinguir. A prevención contra estes "non cores" reflíctese no cantar: "ollos verdes son traidores, azuis son mentireiros, os negros e acastañados son firmes e verdadeiros".

Gando vacún pacendo e remoendo fronte á cova de La Loja en Asturias.
(C) Dolores González de la Peña, 2019.

No hay comentarios: