Como amosara don Edelmiro Bascuas na súa segunda monografía adicada á hidronimia paleoeuropea galega, o topónimo Tarrío vai ser xeralmente unha evolución da frase preposicional latina "trans rivum", "tralo río" (Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia, 2006, punto 112.6). Aínda que ás veces, como destacaba o autor, Tarrío non sexa máis que unha variante de pronuncia da palabra terreo.
Máis tarde, Paulo Martínez Lema atopou unha nova evidencia da pervivencia desta mesma frase respecto do topónimo Trarigo (Bande - Ourense) no cartulario de Fiães, no que se documenta como "Transriuulo", o que desbota calquera aproximación dende o punto de vista da onomástica de orixe xermana como podería ser *Traharicus ("O Cartulário de Fiães enquanto corpus toponímico: acerca dalgúns nomes de lugar na fronteira galego-portuguesa", Zeitschrift für romanische Philologie, 2018).
Pola nosa parte, temos a certeza de que o microtopónimo Tarrulo ven tendo a mesma orixe, mais có núcleo da frase preposicional en diminutivo, como nas secuencias que se documentan no CODOLGA:
- Petrus Petri de Transriuulo (1187)
- vineam Iohannis de Amaia que iacet trans rivulum de Pontone (1218)
- vestram directuram quam habetis trans rivulum Avie (1235)
No hay comentarios:
Publicar un comentario