jueves, 15 de agosto de 2024

Revelando o sentido orixinario de Queixumes dos Pinos de Eduardo Pondal

 


Ven de saír do prelo un conxunto de ensaios en colaboración sobre a obra poética de Eduardo Pondal, Dun poema as ardentes estrofas. Visións arredor da obra de Eduardo Pondal (Espiral Maior - Col. Baldaio, 2024), no que presentamos o noso traballo "Branca, garrida e fidalga. A muller como símbolo de Galicia na poesía de Eduardo Pondal". O traballo depura e condensa catro entradas que previamente publicamos no blog e que tamén presentamos nunha comunicación nas XI Jornadas galego-portuguesas de Pitões das Júnias (maio de 2023):


 

Neste traballo, desenvolto 147 anos despois da primeira edición do poemario Queixumes dos pinos (1877), revelamos por vez primeira cal é o verdadeiro sentido da obra pondaliana. Parece incrible que nun século e medio de vixencia dos poemas ningún crítico literario se decatase da intención última que latexaba neles camuflada nunha alegoría formal clásica, a do rapto colonial. Só a profesora da USC, Carmen Blanco García, no seu estudo "Mulleres na utopía celta de Pondal" (Sexo e lugar, Xerais, 2006) foi quen de se aproximar ó sentido alegórico da obra do poeta, aínda que sen se saír totalmente do paradigma tópico da misoxinia que a crítica previa, dende a Pardo Bazán, lle atribuía ó autor, que ata chegou a definirse por parte de María Xosé Queizán como unha personalidade misóxina, racista, clasista ou elitista, en cuxos poemas se facía apoloxía da violación e da pederastia (Misoxinia e racismo na poesía de Pondal, Laiovento, 1998).

Adicamos estas liñas a recomendar a lectura do novo ensaio, pero sobre todo, a tentar explicar por que tivo que transcorrer século e medio para poder comprender a poesía pondaliana, a intentio auctoris e a intentio operis. O tempo transcorrido podería ter sido moito máis, ou incluso non chegarse nunca a valorar adecuadamente Queixumes dos pinos, se non fose polo azar que me levou a participar nos Seminarios pondalianos do Foro de Espiral Maior de Carballo, onde fixemos entre todos a autopsia do poemario ata destripalo por completo.

Xa non quedan (bos) críticos literarios que poidan captar a esencia dunha obra e como se formaliza literariamente esta? É unha pregunta que xurde a pouco que se pense no asunto da malintrepretación da poesía de Pondal. E aínda que non abunden os críticos competentes, compre lembrar que no caso de Pondal, como dixeramos, a profesora Carmen Blanco chegou a esbozar varios elementos que conforman a alegoría política do rapto colonial que empregou o poeta, e así o recollemos no noso ensaio final editado por Espiral Maior. A resposta á incomprensión da poesía pondaliana ten que estar noutra parte...

Fracasou o poeta no obxectivo de facerse entender polos lectores? É a súa obra complexa, abstrusa? O propio autor lamentábase da incomprensión por parte dos seus coetáneos. É responsabilidade do autor facerse comprender, facer unha literatura light

“Casi todos los escritores que se han ocupado con más o menos brillantez de los Rumores y Queixumes de los Pinos del Sr. Pondal, casi todos extienden sus estudios a los elementos menos trascendentales, y no han captado el elemento capital, el elemento culminante de su obra" (unha das notas autógrafas de Eduardo Pondal sobre o sentido da súa obra, editada por Manuel Ferreiro: "Eduardo Pondal á procura do verbo sublimado. Arredor das re-escrituras pondalianas", Modelos de Lingua e Compromiso, 2014).

Esta outra posible explicación ó asunto da incomprensión da obra pondaliana tampouco se sostén, pois as creacións literarias non poden supeditarse ou estar condicionadas formalmente para seren doadamente comprendidas; pola contra, canto máis orixinal é a concepción dunha obra, canto máis se sae do canónico, do normal, en contidos e expresión formal, máis xenial é, e faise máis dificil achegarse á súa intrepretación, penetrar no seu sentido. Isto non se debe a un fallo do autor, senón que constitúe a marca que distingue as grandes creacións, literarias ou doutro tipo.

E Pondal foi un xenio literario. Por vez primeira na literatura galega e peninsular utilízase o tropo literario do rapto colonial, conformando unha alegoría política moi complexa, integrada por prácticamente tódolas variables posibles (a muller enferma de morriña como representación do país sometido ó xugo colonial, o doctor que a atende, como político ou rexenerador do país, etc.). É unha delicia ir desenguedellando o conxunto de metáforas unha vez que se ten a chave da lectura dos poemas; ver as complexidades metaliterarias que crea cando xoga a ser o salvador da patria, o rexenerador, o doctor, pois el mesmo era médico na vida real.

A incomprensión que sufriu o autor no seu tempo, ó noso xuízo, debeuse a que non estabamos preparados para este estoupido de creatividade no rexudir da literatura galega. As chaves de lectura que fornecemos no ensaio editado por Espiral Maior facilitan a intelixencia dos textos pondalianos, e abren a oportunidade de estudalos explorando a mensaxe post-colonial de liberación, tamén en clave de xénero. A intrepretación da súa obra como misóxina ou racista ten que se considerar errónea, pois contradícese cos mesmos textos: "cualquier interpretación del lector puede considerarse válida, aunque no coincida con la intención del autor, siempre y cuando no sea contradicha por el propio texto" (Alfonso Martín Jiménez, "Intentio auctoris e intentio operis: intención manifiesta e intención encubierta en Cervantes y Avellaneda", Monteagudo, 2014).